Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 7 de marzo de 2014 Páx. 9797

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de febreiro de 2014 pola que se acorda a execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recaída no Plan xeral de ordenación municipal da Pobra do Caramiñal.

O Tribunal de Xustiza de Galicia, con data do 6 de outubro de 2010, ditou sentenza no procedemento ordinario 4250/2007, interposto por Promociones Lombiña, S.L., representada por José Amenedo Martínez e dirixida por Alejandro Castro Rey, contra as ordes do 1.3.2007 e do 25.10.2007, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, polas que se aprobou definitivamente o Plan xeral de ordenación urbana do Concello da Pobra do Caramiñal.

A referida sentenza, declarada firme o 30 de marzo de 2011, na súa parte dispositiva sinala:

«Estimamos os recursos contencioso-administrativos interpostos por Promociones Lombiña, S.L. contra as ordes do 1.3.2007 e do 25.10.2007, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, polas cales se deu aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal da Pobra do Caramiñal, exclusivamente en canto se clasifica como solo rústico de protección de costas a porción do predio da entidade demandante que está a unha distancia superior a 200 metros medidos desde o límite interior da ribeira do mar, e anulamos as referidas disposicións, no que se refire a este particular, por seren contrarias a dereito. No demais, desestimamos os recursos».

Con data do 14 de febreiro de 2013, ten entrada no Rexistro do Portelo Único do Concello da Pobra do Caramiñal (entrada número 256) comunicación do Concello da Pobra do Caramiñal do Acordo plenario do 15 de maio de 2012, acordo no cal aproba o documento anexo ao plan xeral, que recolle as modificacións derivadas do cumprimento das resolucións contidas nas sentenzas ditadas nos procedementos xudiciais 4250/2007, 4036/2008, 4082/2008. No mesmo acto acordan comunicar este acordo de execución de Sentenza á sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza aos recorrentes nos ditos procedementos e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. O concello remite certificado do Acordo plenario celebrado en sesión extraordinaria o 15 de maio de 2012, xunto co documento anexo ao plan xeral, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para os efectos da súa aprobación definitiva.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Á vista de todo o que antecede, e seguindo as indicacións dese tribunal,

RESOLVO:

Primeiro. Prestar aprobación á proposta formulada polo Concello da Pobra do Caramiñal no Acordo plenario do 15 de maio de 2012, no que respecta á aprobación do documento anexo ao plan xeral, que recolle as modificacións derivadas do cumprimento da resolución contida na sentenza 970/2010 ditada no procedemento xudicial 4250/2007.

Segundo. Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas