Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.
– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.
– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.
– Establecer distintos niveis para categorías de tirador segundo a seguridade e a habilidade que demostren no manexo das armas.
Destinatarios/as.
A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de Policía local.
Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un Plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.
Solicitudes.
Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina
web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 16 de marzo de 2014.
As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp núm. 886 20 61 22 ou de acordo co previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As solicitudes deberán estar autorizadas pola Alcaldía, concellaría ou xefe/a de persoal, segundo proceda.
Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a Policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.
Medios.
Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.
Determinación da data das prácticas.
A primeira práctica do plan anual terá lugar os días 24, 25, 27 e 31 de marzo, 1, 3, 7, e 8 de abril, das 10.30 ás 20.00 horas; e 26 de marzo e 2 e 9 de abril, das 15.30 ás 20.00 horas.
Unha vez configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicaráselles aos concellos coa finalidade de que pola súa vez informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.
Control e cartilla de tiro.
O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.
Estableceranse niveis segundo a categoría e a habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis aos cales irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.
Lugar.
As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do Plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 28 de febreiro de 2014
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública