Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 2014 Páx. 10374

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de febreiro de 2014 pola que se designan novos vogais da Comisión Xestora do Municipio de Oza-Cesuras.

Os municipios de Cesuras e Oza dos Ríos culminaron un pioneiro procedemento de fusión para constituírse nun único municipio, que deu lugar á aprobación do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras.

O citado Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras, na súa disposición adicional establece que, mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, se procederá ao nomeamento dunha comisión xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais e cuxo número de membros será igual ao de concelleiros segundo a poboación resultante do novo concello.

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2013 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 109, do 10 de xuño, procedeuse á designación dos membros da Comisión Xestora do municipio fusionado de Oza-Cesuras.

Esta comisión constituíuse con data do 14 de xuño de 2013 ás 12.00 horas, como dispón o propio artigo 3 da Orde do 7 de xuño de 2013.

A Comisión Xestora, en sesión extraordinaria do 26 de decembro de 2013, tomou coñecemento da renuncia presentada por María del Carmen Lesta Rodríguez a formar parte da Comisión Xestora e remitiu certificación do acordo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos oportunos.

A seguinte persoa na lista do BNG con dereito a acceder a ser vogal sería José Antonio Pedreira Manteiga. Constatouse formalmente que non existe presentado escrito ningún de renuncia ao seu dereito a ser concelleiro como membro da lista do BNG nas eleccións ao municipio de Cesuras nin tampouco renuncia ao seu posible dereito a ser vogal da Comisión Xestora de Oza-Cesuras.

A designación do novo vogal faise seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados.

Para esta designación débense tomar os cocientes de cada formación, asignándolles un número na lista ata chegar ao número total de vogais.

En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e dándolle cumprimento ao establecido na disposición adicional do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto desta orde a designación dun novo membro da Comisión Xestora do Municipio de Oza-Cesuras en substitución de María del Carmen Lesta Rodríguez que presentou escrito de renuncia a formar parte da Comisión Xestora de Oza- Cesuras.

Artigo 2. Designación dun novo membro da Comisión Xestora

O novo membro da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras en substitución da designada María del Carmen Lesta Rodríguez será:

José Antonio Pedreira Manteiga.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,Administracións Públicas e Xustiza