Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10840

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade en diversas categorías de xestión e servizos.

Por Resolución do 17 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG nº 120, do 26 de xuño) abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e enxeñeira/o técnica/o.

Na devandita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 26.7.2013 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e verificados os datos correspondentes aos requisitos das persoas solicitantes, esta dirección xeral, de conformidade coa base sétima da resolución de inicio do prazo de inscrición (DOG nº 120, do 26 de xuño de 2013),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidas/os e excluídas/os nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e enxeñeira/o técnica/o.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidas/os e excluídas/os en cada unha das categorías atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola/o solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sétima da Resolución do 26 de xuño de 2013, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir ás direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto das entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación neste proceso, non consten como admitidas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo as/os admitidas/os e excluídas/os.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado nesta resolución, non emenden o/s defecto/s motivo da exclusión, serán definitivamente excluídas da participación neste proceso de selección.

Cuarto. As persoas que formalizasen a súa solicitude de inscrición nas listas correspondentes a estas categorías con posterioridade ao 26 de xullo de 2013 incluiranse na relación de admitidos/excluídos do seguinte proceso de xeración de listas que se efectúe.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos