Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2014 Páx. 11003

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 31/2014, do 6 de marzo, polo que se revoga parcialmente o Decreto 320/2004, do 29 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da obra do enlace de conexión de autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52 (clave OU/03/042.01.1), excluíndo as referencias á conexión da autoestrada coa N-120.

Mediante Resolución do 30 de novembro de 2004, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro, resolveu aprobar o proxecto de trazado da ligazón da conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52. Clave OU/03/042.01.1.

A citada resolución foi obxecto de recurso contencioso-administrativo que, co número 4063/2005, foi tramitado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este, con data 24 de abril de 2008, ditou sentenza estimatoria e declarou contraria a dereito a resolución que aprobaba o proxecto de trazado por canto deseñaba a conexión da autoestrada AP-53 coa N-120 mediante unha rotonda á altura de Santa Cruz de Arrabaldo, o que non se axustaba ao previsto regulamentariamente.

Aínda que a mencionada conexión entre a AP-53 e a N-120 nin se incluíu no proxecto construtivo nin se executou materialmente, con data do 10 de xullo de 2013 foi ditada resolución revogando parcialmente a resolución pola que se aprobara o proxecto de trazado antes citado, no cal se refería exclusivamente á conexión daquela autoestrada coa N-120, que queda excluída do proxecto e, en consecuencia, non debía tomarse en consideración nas modificacións e revisións do planeamento urbanístico. A citada resolución publicouse no DOG núm. 142, do 26 de xullo de 2013.

Para dar completo cumprimento á sentenza cómpre adecuar á legalidade o decreto de urxente ocupación da mencionada actuación, excluíndo do decreto a conexión coa N-120.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Revogar parcialmente o Decreto 320/2004, do 29 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispuxera a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da obra de enlace da conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52, clave OU/03/042.01.1, excluíndo do seu ámbito a referencia á conexión da autoestrada coa N-120.

Santiago de Compostela, seis de marzo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas