Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 17 de marzo de 2014 Páx. 11355

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2014 pola que se modifica a Resolución do 5 de setembro de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o período 2013/14.

A Resolución do 5 de setembro de 2013, pola que se convocan para o período 2013/14 as subvencións aos proxectos de aforro enerxético e fomento do uso de enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 177, do 17 de setembro), establece a repartición da dotación económica entre as anualidades 2013 (400.000 €) e 2014 (400.000 €). Igualmente, establecía o 30 de novembro de 2013 como prazo para executar e xustificar correctamente o investimento correspondente á anualidade 2013, e o 30 de xuño de 2014 como prazo límite para a execución e xustificación final dos proxectos.

Debido á concorrencia no tempo da xustificación de cinco convocatorias, dúas delas con gran número de expedientes, e a resolución e pagamento doutra convocatoria que afectaba a todos os concellos de Galicia, resultou imposible rematar a fase de instrución en tempo e forma.

Co obxecto de non causar un prexuízo aos beneficiarios das axudas, e unha vez tramitado o oportuno expediente,

RESOLVO:

Artigo 1. Crédito orzamentario

O crédito previsto para a anualidade 2013 na Resolución do 5 de setembro de 2013 pola que se convocan para o período 2013/14 as subvencións aos proxectos de aforro enerxético e fomento do uso de enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 177, do 17 de setembro) pasa integramente á anualidade 2014, aplicación orzamentaria 12.A1.712A.760.0.

Artigo 2. Prazo de execución e xustificación dos investimentos

Modifícase o artigo 5 da Resolución do 5 de setembro de 2013 (DOG nº 177, do 17 de setembro), que queda redactado coma segue:

«Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras.

O prazo límite para a execución e xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 30 de xuño de 2014».

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2014

P.D. (Resolución do 24.7.2013; DOG nº 148, do 5 de agosto)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural