Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2014 Páx. 11476

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 34/2014, do 6 de marzo, polo que se autoriza a adscrición do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga) á Universidade Privada San Jorge, e a posta en funcionamento para o inicio de actividades universitarias oficiais.

O artigo 5.4 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que os centros universitarios privados deberán estar integrados nunha universidade privada, como centros propios dela, ou adscritos a unha pública ou privada.

O artigo 11.1 in fine da mesma lei establece que a adscrición mediante convenio a unha universidade privada de centros docentes de titularidade privada para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, requirirá a aprobación da comunidade autónoma, por proposta da universidade.

Na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, especifícase, no parágrafo 3 do artigo 23, que a integración de centros universitarios de titularidade privada nunha universidade privada deberá ser recoñecida polo Consello da Xunta, logo do informe do Consello Galego de Universidades.

O 4 de novembro de 2013, en cumprimento dos índices legais de calidade no centro, a Axencia de Calidade e Prospectiva Universitaria de Aragón, seguindo os mesmos criterios que por analoxía aplica ao resto dos centros adscritos na Comunidade Autónoma de Aragón, emite informe favorable de adcripción, condicionada ás autorizacións previas da Xunta de Galicia e do Goberno de Aragón.

Mediante Orde do 26 de novembro de 2013 (Boletín Oficial de Aragón núm. 247, do 18 de decembro), publícase o Acordo do 19 de novembro de 2013, do Goberno de Aragón, polo que se autoriza a adscrición do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga) á Universidade Privada San Jorge.

O Pleno do Consello Galego de Universidades do 10 de febreiro de 2014 emitiu informe favorable sobre a proposta de desadscrición do Cesuga da University College Dublin, National University of Ireland e a proposta de adscrición do Cesuga á Universidade Privada San Jorge. Así mesmo, emítese informe relativo á autorización para a posta en funcionamento do inicio da actividades de ensinanzas universitarias oficiais como centro adscrito á mencionada Universidade San Jorge, ao abeiro da normativa vixente.

Na súa virtude, no uso das atribucións conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Autorizar a desadscrición do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), da University College Dublín, National University of Ireland.

2. Autorizar a adscrición do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), á Universidade Privada San Jorge.

Artigo 2

Autorizar a posta en funcionamento e o inicio de actividades de ensinanzas universitarias oficiais do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), como centro adscrito á Universidade Privada San Jorge, a partir do curso académico 2014/15.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de marzo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria