Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 2014 Páx. 11883

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Administración que aproba a modificación da estrutura organizativa deste instituto.

De acordo co previsto na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia, o Consello de Administración do Instituto, na súa xuntanza do 18 de febreiro de 2014, acordou a aprobación da modificación da súa estrutura organizativa nos seguintes termos:

A Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia, desenvolvida polo Decreto 280/1999, do 4 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto, establece a súa estrutura directiva básica e prevé como órganos de dirección o Consello de Administración e a Dirección do Instituto. Ao mesmo tempo, a indicada normativa prevé a constitución dun consello asesor como órgano de consulta e asesoramento do Inega e un comité de dirección como órgano de apoio da súa dirección.

Polo tanto, coa finalidade de completar o marco xurídico-administrativo en que o Instituto debe desenvolver os seus cometidos, e ante a asunción da xestión de novos servizos por parte do Inega, resulta necesario adaptar ás novas necesidades a súa estrutura, ata o nivel de xefe de unidade técnica, e distribuír as funcións asignadas dun xeito racional para, así, conferir a máxima eficacia ao seu exercicio. Por tanto, debe procederse a modificar a actual estrutura organizativa do Inega.

1. Centros directivos.

1. Integran o Instituto Enerxético de Galicia os seguintes centros directivos:

a) A Xerencia, da cal depende a Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas.

b) O Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, integrado polas seguintes áreas: Área de Enerxías Renovables e Área de Aforro e Eficiencia Enerxética.

2. Os titulares da xerencia e da dirección do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética terán a consideración de persoal directivo, en canto afecta o seu nomeamento e a súa responsabilidade.

3. Correspóndelles aos centros directivos o desenvolvemento e execución dos plans de actuación do Instituto deseñados polos órganos de goberno.

4. Os titulares da xerencia e da dirección do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética son os titulares dos órganos directivos encargados da xestión dunha ou varias áreas funcionalmente homoxéneas do Instituto. Para tal efecto, correspóndelles:

a) Representar o Inega por orde da súa dirección.

b) Propor os proxectos do seu departamento para acadar os obxectivos establecidos pola Dirección e o Consello de Administración, dirixir a súa execución e controlar o seu cumprimento adecuado.

c) Exercer as competencias atribuídas ao departamento e as que lles sexan desconcentradas ou delegadas.

d) Dirixir e xestionar os servizos comúns do departamento, así como as áreas e unidades técnicas que estean baixo a súa dependencia.

e) Proporlle, nos restantes casos, á Dirección, a resolución que consideren procedente sobre os asuntos que afectan o departamento.

f) Prestar asistencia técnica aos órganos de goberno.

g) As demais funcións que lles confiran os órganos de goberno do Instituto.

5. Á Xerencia correspóndelle, ademais:

a) Elaborar os orzamentos do Inega e levar a cabo o seguimento da execución orzamentaria.

b) Xestionar os medios materiais adscritos ao funcionamento do Instituto.

6. Á dirección do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética correspóndelle, ademais:

a) A elaboración de programas de actuación específicos do seu departamento.

7. Os xefes de área son os responsables inmediatos, baixo a supervisión dos titulares da Xerencia e do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, ou da Dirección do Instituto, da execución daqueles proxectos, obxectivos ou actividades que lles sexan asignados, así como da xestión ordinaria dos asuntos da competencia da xefatura de área.

2. Xerencia.

1. Corresponde a este departamento o desenvolvemento de todas as iniciativas e actuacións encamiñadas a asegurar o funcionamento operativo dos servizos do Instituto, abarcando, polo tanto, dentro do seu ámbito competencial, o deseño, impulso, seguimento e control económico-financeiro e de procedementos internos do Inega; a xestión integral dos seus recursos de persoal, orientando, a este respecto, a súa actividade á integración do persoal nos obxectivos do Instituto, así como todas aquelas actuacións dirixidas á adquisición dos bens e servizos necesarios para o seu funcionamento e o mantemento das súas instalacións, o deseño dos obxectivos anuais e o seguimento e control da súa execución, a xestión dos programas europeos e internacionais e as funcións de formación, información e publicacións que competen ao Instituto. Correspóndelle a este departamento, así mesmo, a xestión da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) nos termos establecidos no Decreto 66/2013, do 18 de abril, así como a xestión e coordinación de todos aqueles proxectos desenvolvidos entre o Inega e outras administracións públicas. Atribúeselle tamén a este departamento a xestión do procedemento de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Correspóndenlle á Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas a xestión da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga), exercendo todas aquelas funcións que lle poidan corresponder ao Inega segundo o disposto no Decreto 66/2013, do 18 de abril, polo que se crea a Rede de Enerxía da Xunta de Galicia e se regula a organización e competencias para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Asígnase a esta área a xestión, a coordinación e o seguimento de todos aquelas estratexias, programas ou proxectos que se desenvolvan no conxunto das administracións públicas coa participación do Inega. Atribúese, así mesmo, a esta área a xestión do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, a inspección e o control administrativo e técnico dos certificados e o exercicio das competencias en materia sancionadora que lle sexan atribuídas pola normativa reguladora da certificación enerxética de edificios na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética.

1. As funcións asociadas a este departamento serán todos os relativos ao aforro e eficiencia enerxética, os estudos de desenvolvemento e planificación de infraestruturas enerxéticas e todos os relativos á planificación, desenvolvemento e investigación das enerxías renovables e doutras alternativas enerxéticas, así como a coordinación das actividades de I+D+I, a elaboración e o seguimento das estatísticas enerxéticas e a participación do ente en proxectos da UE e internacionais.

2. Correspóndenlle á Área de Enerxías Renovables todos os aspectos de estudo, proxecto, desenvolvemento e xestión técnica das actuacións en materia de enerxías renovables e doutras alternativas enerxéticas.

3. Correspóndenlle á Área de Aforro e Eficiencia Enerxética todos os aspectos de estudo, proxecto, desenvolvemento e xestión técnica das actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores.

4. Unidades técnicas.

1. As áreas constitúen unha unidade de base organizativa con que se constrúe a estrutura operativa e funcional do Instituto. Estarán compostas por unha xefatura de área da cal dependen xefaturas de unidade técnica, das cales, pola súa vez, dependerán os recursos relativos aos postos de técnicos I e de técnicos II e outros. Pola súa vez, existen xefaturas de unidade técnica que, polo seu carácter horizontal, serán directamente dependentes do titular do departamento respectivo.

2. Da Xerencia dependen directamente dúas unidades técnicas. A Unidade Técnica Xurídico-Administrativa desenvolverá as funcións de administración e asesoramento xurídico, a planificación interna e o seguimento e avaliación dos obxectivos asignados a cada centro directivo, asegurando a coordinación e colaboración entre eles, a xestión e o seguimento dos convenios de colaboración e cooperación subscritos polo Instituto e dos contratos administrativos formalizados por este. A Unidade Técnica Económico-Orzamentaria desenvolverá as funcións de control financeiro e orzamentario, as de asesoramento e análise económico financeiro, as de xestión e seguimento das participacións empresariais do Instituto, as de xestión tributaria, o control dos fondos, valores e efectos do Instituto e o servizo de recadación.

3. Do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética dependerá directamente a Unidade Técnica de Planificación Enerxética, Innovación e Proxectos, á cal lle corresponde a realización e coordinación de proxectos de innovación no ámbito enerxético, proxectos de diversificación de fontes enerxéticas e proxectos de optimización enerxética, así como a realización de estudos de desenvolvemento e seguimento das infraestruturas eléctricas de transporte e distribución, da calidade da subministración e das infraestruturas gasistas de transporte e distribución.

4. No Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a Área de Enerxías Renovables estrutúrase en dúas unidades técnicas diferentes: a Unidade Técnica de Enerxía Eólica e Mareomotriz e a Unidade Técnica de Biogás, Biomasa e Biocombustible, que teñen atribuídas, cada unha dentro do seu ámbito material de actuación, as funcións de análise dos recursos desta natureza, de estudo da súa viabilidade, a proposta de medidas para o seu fomento e a elaboración de planos de desenvolvemento das distintas fontes de enerxías renovables e outras alternativas enerxéticas, así como a realización e coordinación de proxectos de demostración e proxectos de utilización de fontes enerxéticas renovables.

5. Dentro do mesmo departamento, da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética depende a Unidade Técnica de Eficiencia Enerxética, a cal ten como cometido a realización e coordinación de proxectos de eficiencia e optimización enerxética.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia