Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2014 Páx. 13290

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2014 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 24 de outubro de 2013, aprobou o texto das bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia. As bases fixéronse públicas mediante Resolución do 26 de novembro de 2013 (DOG nº 230, do 2 de decembro).

Tendo en conta o elevado número de solicitudes presentadas, que os medios persoais e materiais cos que conta o instituto non son suficientes, non sendo posible habilitar outros, e que non é posible ampliar o prazo establecido nas bases reguladoras para resolver e notificar a axuda, de acordo coa Axuda estatal SA.37366 (2013/N)-España pola que se prorroga o mapa español de axudas rexionais para o período 2007-2013, faise necesario axilizar a tramitación do procedemento establecendo a posibilidade de prescindir do trámite de audiencia e da proposta provisional cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. A dita modificación non lesiona os dereitos dos interesados no procedemento, por canto o trámite de audiencia permanecerá cando si concorran feitos ou probas non achegadas polos interesados.

Así mesmo, elimínase a lista de reserva prevista no número 3 do artigo 10 das bases reguladoras, tendo en conta que a dita lista non se poderá utilizar por canto as resolucións de concesión terán que estar emitidas antes do 30 de xuño de 2014.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, no seguinte senso:

– Modifícase o artigo 10. Instrución dos procedementos, que queda redactado do seguinte xeito:

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

10.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.3. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.4. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.5. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.6. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 30 de xuño de 2014, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica