Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2014 Páx. 14075

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2014 pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de finanzas, e do corpo de xestión da Xunta de Galicia, escala técnica de finanzas.

Por Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 19 de marzo de 2014 (DOG núm. 58, do 25 de marzo) resolveuse o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de finanzas, e do corpo de xestión da Xunta de Galicia, escala técnica de finanzas.

Debido a que parte dos postos adxudicados estaban ocupados provisionalmente por funcionarios que superaron os últimos procesos selectivos convocados e coa finalidade de asegurar a continuidade na prestación de servizos adiáronse as tomas de posesión nos destinos obtidos no concurso ata a data en que os funcionarios de novo ingreso elixisen destino definitivo e puidesen tomar posesión del.

Non obstante, visto que só dous/dúas funcionario/as da escala técnica desempeñan provisionalmente postos adxudicados no concurso, a súa adscrición provisional a outros postos da mesma localidade non causaría prexuízos organizativos.

Polo exposto, esta dirección xeral, en exercicio da competencia outorgada pola Orde da Consellería de Facenda do 8 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (Diario Oficial de Galicia nº 136, do 18 de xullo) modificada pola Orde da Consellería de Facenda do 26 de agosto de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 162, do 27 de agosto) e de conformidade co previsto na base IX da convocatoria,

DISPÓN:

Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión que se establece no punto segundo da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 19 de marzo de 2014.

Segundo. De conformidade co previsto no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo promoción profesional e promoción interna, o prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

O cesamento deberá efectuarse o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será de vinte días hábiles e deberá computarse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2014

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública