Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2014 Páx. 14196

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia

ANUNCIO de acordo de creación de ficheiros.

Acordo interno aprobado polo pleno do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia en sesión que tivo lugar o día 18 de setembro de 2013, en virtude da cal se aproba a creación dos ficheiros de titularidade pública de datos de carácter persoal do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia.

A existencia de ficheiros con datos de carácter persoal e os avances tecnolóxicos, particularmente os informáticos, supuxeron un incremento nas intromisións na esfera dos dereitos á intimidade e privacidade das persoas. Estas intromisións non tan só veñen a non se manifestar por medio de limitacións aos dereitos mencionados, senón que mesmo supoñen en ocasións verdadeiras vulneracións destes. Como consecuencia diso, o ordenamento xurídico establece diversos mecanismos para a protección destes dereitos. Así, a Constitución española recoñece no seu artigo 18 o dereito fundamental á honra, a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, e o seu punto cuarto establece que a lei limitará o uso da informática para garantir a honra, a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos. A xurisprudencia do Tribunal Constitucional, por medio das súas sentenzas 290/2000 e 292/2000, veu interpretando este artigo como unha vía para outorgar á protección de datos de carácter persoal a consideración de dereito fundamental. Este dereito foi considerado pola doutrina como «dereito á autodeterminación informativa» ou «dereito ao acto disposición das informacións persoais», que cando se refire ao tratamento automatizado de datos se inclúe no concepto máis amplo de liberdade informativa.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, establece un conxunto de medidas para garantir e protexer este dereito fundamental. En virtude desta, a creación, modificación ou supresión de ficheiros de datos de carácter persoal é responsabilidade das administracións públicas. Concretamente, o seu artigo 20 establece que a creación, modificación ou supresión destes ficheiros, para o caso das entidades públicas, unicamente se poderá realizar por disposición de carácter xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou no diario oficial correspondente.

Por medio deste acordo decídense os seguintes puntos:

Primeiro. Creación

Créanse os ficheiros de carácter persoal sinalados no anexo.

Segundo. Medidas de seguridade

Os ficheiros creados para a presente cumpren coas medidas de seguridade establecidas pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e polo Real decreto 1720/2007 polo cal se aproba unha normativa de desenvolvemento regulamentario da mencionada lei.

Terceiro. Publicación

De acordo co artigo 20 da Lei orgánica de protección de datos, acórdase a publicación do presente acordo no diario oficial correspondente.

Cuarto. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no diario oficial correspondente.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2013

Carolina Barrero López Andrea Pardo Rivera
Secretaria do Colexio Profesional Presidenta do Colexio Profesional
de Hixienistas Dentais de Galicia de Hixienistas Dentais de Galicia

ANEXO

Os ficheiros que crean mediante o presente acordo e as súas respectivas descricións son os seguintes:

1. Ficheiro colexiados.

Responsable do ficheiro: Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia.

Finalidade e usos: ficheiro con datos de carácter persoal dos colexiados. Persoas ou colectivos afectados: colexiados.

Procedemento de recollida de datos: enquisas, formularios e vía telemática. Procedencia da recollida de datos: do propio interesado ou o seu representante legal. Estrutura do ficheiro e datos incluídos: nome e apelidos, domicilio, NIF, teléfono, número de conta corrente, detalles de emprego e académicos, número de colexiado, datos relativos a infraccións administrativas.

Cesións previstas: a empresas colaboradoras do colexio e a outros colexiados. Exercicio de dereitos: rúa Nova de Abaixo, 23, entresollado B, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña.

Nivel de seguridade: medio sistema de tratamento: mixto.

Transferencia internacional de datos: non se prevé.