A Resolución da Consellería do Medio Rural e do Mar do 23 de setembro de 2013 (DOG núm. 185, do 27 de setembro) regula o procedemento para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan as axudas para o curso 2013/14.
No artigo 19, financiamento, establécese que serán cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nun 75 %, e con fondos propios que cofinancian da Xunta de Galicia por un 25 %.
Igualmente neste artigo, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas para o curso 2013/14: 10.000 euros para o exercicio 2013 e 121.000 euros para o exercicio 2014.
No parágrafo 2 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.
Coa finalidade de poder atender todas as solicitudes recibidas dos centros escolares relativas ás actividades que se subvencionan, detallados no artigo 3 da resolución, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, e nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, existe unha maior dotación orzamentaria, para esta aplicación e proxecto, xa que se tramitou a oportuna modificación orzamentaria, cómpre, mediante esta resolución, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.
En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
DISPOÑO:
Artigo único
1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no artigo 3 da Resolución do 23 de setembro de 2013 (DOG nº 185, do 27 de setembro), conforme o artigo 19 parágrafo 2, increméntase no importe de 156.135,08 euros, e con cargo á aplicación 12.80.713F.779.0, plan de consumo de froitas na escola, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014, polo que o importe total para estas axudas, despois deste incremento é de 287.135,08 euros.
2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita resolución estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
Disposición adicional única
O incremento de crédito previsto no artigo único desta resolución non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 23 de setembro de 2013 (DOG nº 185, do 27 de setembro).
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2014
Patricia Ulloa Alonso
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria