Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2014 Páx. 14456

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 24 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a investimentos no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 75 %, e se convoca para o exercicio 2014 o devandito procedemento.

O Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP), e o Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, polos que se establecen as disposicións de aplicación deste, define o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro, das zonas de pesca e da pesca interior. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da produción na acuicultura.

En aplicación da normativa comunitaria citada, ditouse a Orde do 3 de xuño de 2013 pola que se establecían as bases reguladoras para o exercicio 2013.

A Orde do 3 de xuño de 2013 establece no seu artigo 3 que as subvencións se concederán con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do programa operativo do Fondo Europeo de Pesca (FEP) 2007-2013 sinale a correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, en cada anualidade sucesiva ata o ano 2015 fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

A aplicación práctica da Orde do 3 de xuño de 2013 aconsella a adaptación da presente orde á citada normativa, así como a modificación de aspectos puntuais do seu articulado, que non afectan os seus aspectos esenciais pero que pretenden achegar unha maior comprensión de cara ao potencial beneficiario e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 3 de xuño de 2013.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a mellorar a competitividade do sector acuícola en Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o exercicio 2014.

Estas axudas poderán financiar:

a) Investimentos produtivos en acuicultura.

b) Medidas hidroambientais.

2. Para o obxecto desta orde, entenderase por acuicultura a cría ou cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentar, por riba das capacidades naturais do medio, a produción dos organismos en cuestión. Estes serán, durante toda a fase de cría ou de cultivo e ata o momento da súa colleita, propiedade dunha persoa física ou xurídica de acordo co artigo 4 desta orde.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas axudas, aplicarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas seguintes normas:

a) Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do citado regulamento e o resto de disposicións comunitarias aplicables, así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición destas.

b) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

g) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001).

h) Normativa básica do Estado.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse en cada un dos anos durante o período de elixibilidade do actual programa operativo do Fondo Europeo de Pesca (FEP) 2007-2013 que abrangue desde o 1.1.2007 ata o 31.12.2015 segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

2. Así mesmo, as subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. En cada anualidade sucesiva ata o ano 2015 fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

4. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

5. As axudas estarán limitadas en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. Para o ano 2014 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.772.0 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2014 aprobado pola Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014. A concesión das subvencións queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 4.000.000 de euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2014: 3.000.000.

– Anualidade 2015: 1.000.000.

8. As axudas contarán con financiamento do FEP dun 75 % e do Estado membro dun 25 %.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de cultivos mariños ou de establecementos en augas continentais inscritos no Rexistro de Centros de Acuicultura, de conformidade co disposto na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 25 de outubro de 1999, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e aquelas que establezan nela novos centros. Tamén poderán ser beneficiarias das axudas as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, sempre que subscriban todos e cada un dos seus membros a solicitude, estean constituídas por titulares de establecementos de acuicultura e as súas federacións, teñan a sede en Galicia e realicen a súa actividade nesta comunidade. Estas entidades non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02).

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 45.7 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, se modifican os regulamentos (CEE) nº 2847/1993, (CE) nº 1936/2001 e (CE) nº 601/2004, e se derrogan os regulamentos (CE) nº 1093/1994 e (CE) nº 1447/1999, nin os operadores que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, en atención ao artigo 40 do citado regulamento.

4. Tampouco poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que teñan unha sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, nin os que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, para o cal deberán cubrir o anexo I.

5. As axudas ao investimento produtivo en acuicultura, de acordo co previsto no artigo 29 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao FEP, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas e ás empresas non recollidas pola definición de microempresa, pequena ou mediana empresa, tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L núm. 124, do 20 de maio), con menos de 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

6. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado na citada recomendación.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa aplicable a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nesta orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.

c) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

d) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca. Durante este período, que se contará a partir da data contable do último pagamento, o beneficiario deberá solicitar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar se pretende o cambio de destino do ben subvencionado, alleamento, gravame ou substitución por outro ben que sirva en condicións análogas ao subvencionado.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deberá efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

g) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos aos interesados.

h) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

k) Manter un sistema de contabilidade separado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista da auditoría de acordo co disposto no artigo 59.d) do Regulamento do FEP.

l) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión.

m) No caso de que o establecemento onde se realicen os investimentos sexa de cultivos mariños, deberá figurar inscrito no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.

n) Se o investimento solicitado na subvención é a construción ou modernización dun establecemento de acuicultura, deberanse cumprir obrigatoriamente as condicións sinaladas nas correspondentes autorizacións para levar a cabo os investimentos.

Ademais, se o investimento comporta a xeración de residuos deberanse cumprir as condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na vixente normativa sectorial.

En particular, se o investimento solicitado é a construción dunha batea, deberase cumprir especialmente o relativo ás condicións do desmantelamento e á xestión dos residuos.

o) No caso de investimentos incluídos nas medidas hidroambientais, para acollerse ás compensacións, os beneficiarios deberán comprometerse a cumprir durante un período mínimo de cinco anos requisitos hidroambientais máis estritos que a mera aplicación da boa práctica normal de acuicultura.

p) Para acollerse á asistencia a que se refire o artigo 6.2.a), os beneficios para o ambiente destes compromisos deberán demostrarse nunha avaliación previa realizada por un organismo competente designado polo Estado membro.

q) Os beneficiarios estarán en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos. En todo caso, os proxectos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

r) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade que garanta posibles danos a terceiros, agresións ao ambiente ou perdas por circunstancias extraordinarias nas propias instalacións. Os beneficiarios das axudas para a construción de barcos auxiliares ou para o seu equipamento e modernización deberán estar en posesión dos correspondentes seguros de responsabilidade que garantan posibles danos a terceiros.

s) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde os investimentos en activos fixos materiais para a construción, ampliación, equipamento e modernización de instalacións acuícolas de produción situadas en Galicia, que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e actuacións:

a) Diversificación cara a novas especies ou produción de especies con novas perspectivas de mercado.

b) Establecemento de métodos de acuicultura que reduzan substancialmente as consecuencias negativas ou melloren os efectos positivos sobre o ambiente, en comparación coas prácticas normais no sector da acuicultura.

c) Apoio a actividades tradicionais da acuicultura que contribúan a preservar e desenvolver o tecido económico e social e a protección do ambiente.

d) Apoio á adquisición de equipamentos para protexer as explotacións dos depredadores salvaxes.

e) Mellora das condicións de traballo e da seguridade dos traballadores da acuicultura.

2. Así mesmo, poderán ser obxecto de axuda, de conformidade con esta orde, aqueles métodos de produción acuícola que contribúan a protexer e mellorar o ambiente e a conservación da natureza que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e/ou actuacións:

a) O establecemento de formas de explotación acuícola que inclúan a protección e mellora do ambiente, dos recursos naturais e da diversidade xenética, así como a xestión da paisaxe e as características tradicionais das zonas acuícolas.

b) A participación no Sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental creado polo Regulamento 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro, relativo á participación voluntaria de organizacións nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais.

c) A acuicultura ecolóxica no sentido do Regulamento (CE) 710/2009 da Comisión, do 5 de agosto, sobre a produción ecolóxica e a súa indicación nos produtos agrarios e alimenticios.

As axudas establecidas neste punto revestirán a forma de compensacións, de acordo co previsto no artigo 30 do Regulamento (CE) 1198/2006. Para os investimentos materiais necesarios para a aplicación dun EMAS as axudas poden instrumentarse como axudas ao investimento, cos límites fixados no anexo II do Regulamento (CE) 1198/2006.

3. Tamén poderán ser subvencionables os investimentos que teñan por obxecto a construción ou modernización de embarcacións auxiliares da acuicultura, que estean inscritos na 4ª lista no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, que teñan o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

En función dos resultados acadados e doutras circunstancias que así o aconsellen, para as seguintes convocatorias poderanse excluír algunha das categorías incluídas no parágrafo anterior.

4. Poderán ser obxecto desta axuda, de conformidade con esta orde, as medidas de sanidade animal encamiñadas ao control e a erradicación das enfermidades na acuicultura, de conformidade coa Decisión 90/424/CEE do Consello, do 26 de xuño de 1990.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. En investimentos produtivos:

a) Construción, ampliación, modernización ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate. Estes bens non deberán ter recibido nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria que poida comportar duplicidade da axuda.

b) Os gastos do proxecto técnico e dirección de obra ata un límite do 12 % do custo indicado no proxecto, sempre que a actuación a que se refira resulte seleccionada.

c) Maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade, incluídos os programas informáticos relacionados coas actividades de produción da empresa. Exclúense os equipamentos informáticos portátiles.

d) Elementos de transporte interno, sempre que formen parte integrante do proxecto que se presente.

e) Adquisición de elementos especiais de transporte exterior, cando a adecuación ao uso a que se destinen exixa unha fabricación ou carrozado singulares e sempre que estean vinculados ao proxecto.

f) Construción ou modernización de embarcacións auxiliares da acuicultura. As embarcacións que perciban axudas á construción no ano 2010 ou seguintes non poderán percibir axudas á modernización nos cinco anos seguintes ao da percepción da axuda.

g) A construción de bateas, cando para a mesma concesión administrativa estes artefactos non percibisen axudas á construción ou modernización nos últimos cinco anos e a nova construción sexa distinta ás anteriores, ben pola súa tecnoloxía ou polo seu rendemento, sempre que non implique perda de produtividade.

No suposto de modernización das bateas, unicamente os novos dispositivos empregados na mellora das condicións de traballo, hixiene e saúde humana.

h) Investimentos materiais necesarios para a aplicación dun EMAS.

2. En medidas hidroambientais:

Dentro dos proxectos hidroambientais serán subvencionables:

a) En proxectos de melloras ambientais:

1. Custos de mantemento de estruturas.

2. Perdas debidas a predadores salvaxes.

3. Perda de renda debido á diminución de densidade de produción.

b) En proxectos do tipo de adhesión ao sistema EMAS serán subvencionables os seguintes gastos:

1. Custos de asesoría para a implantación inicial do sistema.

2. Declaración ambiental realizada por consultor independente.

3. Verificación do sistema de xestión ambiental e do procedemento de auditoría e validación da declaración ambiental realizadas por verificador acreditado ou autorizado.

4. Gastos de rexistro.

c) Nos proxectos do tipo de acuicultura ecolóxica serán subvencionables os seguintes gastos:

1. Diminución do volume de produción.

2. Incremento dos custos de produción.

3. Custos de inspección e certificación.

d) En proxectos de sanidade animal para o control e a erradicación de enfermidades na acuicultura, os establecidos no Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non se consideran subvencionables:

1. Adquisición de terreos.

2. A transferencia da propiedade dunha empresa.

3. Investimentos relativos ao comercio polo miúdo. Non obstante, serán subvencionables os investimentos relativos ao comercio polo miúdo, cando formen parte integrante das explotacións acuícolas.

4. Os gastos de compra de reprodutores e xuvenís das especies que se vaian criar.

5. Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

6. Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

7. Mobiliario de oficina, de salas de conferencias e de catas.

8. A vivenda.

9. Os vehículos destinados ao transporte de persoas.

10. Palés e semellantes.

11. Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens inmobles, maquinarias, instalacións e equipamentos. As substitucións de equipamentos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía ou polo seu rendemento, e acheguen unha mellora substancial no proceso e produción ou na creación de emprego.

12. Os gastos de reparación, conservación ou substitucións de un ou de varios elementos das bateas.

13. Os gastos de alugamento de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para seren subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude.

Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

14. Adquisicións de bens inmobles, maquinarias, instalacións e equipamentos de segundo uso.

15. Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

16. Achegas de granulados.

17. O imposto sobre o valor engadido (IVE).

18. As actividades de sanidade animal de vixilancia, destinadas a demostrar que se está libre de enfermidade, nin os gastos fixos como os custos dos servizos veterinarios oficiais.

19. Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Certificación de non inicio

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os cales se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar onde se van realizar os investimentos e non serán válidas as actas notariais ou documentos similares realizados para este fin.

3. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio, inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos. Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se van realizar e relación destes, planos, proxecto visado, ofertas alternativas, de ser o caso, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte.

4. No caso de que a solicitude non sexa admitida ou seleccionada, a acta de comprobación poderá ter efecto tamén nas seguintes convocatorias sempre que o solicitante confirme a súa solicitude de axuda, salvo no caso de renuncia expresa á concesión da axuda ou non aceptación dela.

5. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 10. Tipo e contía das axudas

1. As axudas a investimentos produtivos en acuicultura reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital. A porcentaxe máxima de contribución pública neste tipo de investimentos, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento (CE) 1198/2006 do Fondo Europeo de Pesca (FEP), poderá ser igual ou menor ao 60 % do total dos gastos subvencionables.

Respecto ás empresas que non teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas, segundo a definición da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, a contribución pública reducirase a un máximo dun 30 %.

2. Para as medidas hidroambientais, as axudas revestirán a forma de compensacións que se determinarán conforme o disposto no artigo 30 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Fondo Europeo de Pesca, e que se calcularán sobre a base dun ou máis dos seguintes criterios:

a) Perda de ingresos sufrida.

b) Custos adicionais provocados pola aplicación de medidas hidroambientais.

c) Necesidade de contar con axuda financeira para levar a cabo o proxecto.

En particular, as axudas concedidas ao amparo do artigo 6, punto 2 a) e c), desta orde, deben outorgarse en forma de compensación excepcional (única) da seguinte forma:

a) Consonte o número 2, alínea a), sobre a base dunha cantidade máxima por hectárea da zona da empresa a que se apliquen as obrigas ambientais.

b) Consonte o número 2, alínea c), durante un máximo de dous anos durante o período de reconversión da empresa á produción ecolóxica.

Non obstante, os investimentos necesarios para a aplicación dun EMAS poden recibir axuda, calculada sobre a base do custo elixible, de ata un 100 % de acordo co previsto no anexo II do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP) para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. De acordo co previsto nos artigos 5.2.f) e 21.3.e) destas bases reguladoras, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao órgano concedente a obtención de calquera outra subvención ou axuda e deberá achegar a resolución da súa concesión, se é o caso.

Artigo 12. Prazos de solicitude e resolución

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2014 e 2015. Para a anualidade 2014, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas no período correspondente, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

3. A resolución emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de sete meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución, posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. A solicitude e demais anexos normalizados deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través de formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I. Solicitude da axuda e declaracións do solicitante.

– Anexo II, que asina cada persoa das que aparecen relacionadas no número 13.b) do anexo I (de ser o caso).

– Anexo III. Relación de ofertas solicitadas e elixidas.

– Anexo IV. Datos xerais.

– Anexo V. Memoria descritiva e técnica.

– Anexo VI. Lista de xustificantes relativa aos gastos da petición de pagamento.

– Anexo VII. Explicación das diferenzas entre os investimentos previstos e os realizados.

– Anexo VIII. Táboa de empregados e centros de traballo.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros, no suposto de custo de execución de obra ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos, o solicitante deberá presentar tres ofertas de diferentes provedores; unha delas será a elixida de acordo co contido do punto 3 do artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificada pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Será necesaria unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa. A documentación correspondente a proxectos e planos deberá ser presentada tamén en soporte informático.

Xunto coa solicitude presentarase, segundo proceda, a seguinte documentación:

1.1. Documentos acreditativos da personalidade ou entidade do solicitante.

1.1.1. Para persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais, da escritura de constitución e copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

b) Copia compulsada do documento nacional de identidade ou autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo), o interesado debe neste último caso marcar o recadro correspondente no anexo I da solicitude de axuda, e poder de representación da persoa que asina a solicitude no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

d) Imposto de sociedades e imposto de liquidación anual do IVE do último exercicio económico pechado.

e) No caso de existir grupo empresarial, deberase achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

f) Certificado actualizado da declaración censal de alta en obrigacións tributarias.

1.1.2. Para persoas físicas:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do asinante da solicitude ou autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta no Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo), o interesado debe, neste último caso, marcar o recadro correspondente no anexo I da solicitude de axuda.

b) Declaración da renda dos últimos tres anos.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigacións tributarias.

1.1.3. Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas:

a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado para os efectos da axuda, asinado por todos eles.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todos os solicitantes. En caso contrario deberase achegar documento asinado por todos os solicitantes, conforme non existe inconveniente en que se pague a axuda a esa conta.

d) Documentación sinalada nas letras a), b) e c) do punto 1.1.2 de cada un dos solicitantes.

1.2. Declaración doutras axudas solicitadas (incluíndo préstamos subvencionados), concedidas ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Esta declaración está incluída no anexo I de declaracións do solicitante. Deberá achegarse a resolución da axuda, de ser o caso.

1.3. En proxectos do tipo de adhesión ao sistema EMAS deberán achegar a seguinte documentación:

1.3.1. Avaliación ambiental da instalación.

1.3.2. Política ambiental que se seguirá.

1.3.3. Cronograma que detalle os pasos que se seguirán, con referencias temporais concretas.

1.3.4. Indicación expresa da posesión dalgún outro sistema de xestión ambiental. No caso de ISO 14001, deberá presentarse copia do certificado acreditativo emitido pola correspondente entidade de certificación.

1.3.5. Beneficios esperados.

1.3.6. Orzamento detallado dos gastos.

1.4. Xustificación dos investimentos:

a) Obra civil e instalacións: factura pro forma ou orzamento da empresa construtora ou instaladora desagregado por unidades de obra.

b) Maquinaria, equipamentos e outros conceptos: ofertas ou facturas pro forma dos subministradores. No caso de que se trate de investimentos en maquinaria, deberá achegarse o catálogo do provedor e detallarse a marca e o modelo sempre que sexa posible.

c) Proxecto técnico visado de forma oficial, en caso necesario. Deberase xuntar tamén en soporte informático: formato jpg ou pdf.

d) En proxectos do tipo adhesión ao sistema EMAS, deberán acreditar a seguinte documentación:

1. Solicitude de inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos a EMAS.

2. Información requirida para esta inscrición.

3. Declaración de compromiso de manterse neste rexistro durante un período non inferior a 5 anos.

4. Declaración ambiental validada polo verificador, así como unha declaración deste último sobre as actividades de validación e verificación.

2. Non obstante o disposto no número 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

– Anexo I de solicitude da axuda.

– Anexo V, cadro 9, descrición detallada das actuacións que se realizarán co proxecto, cos obxectivos.

– Anexo V, cadro 12, xustificación razoada dos investimentos e de cada unha das partidas e do resumo do orzamento relacionando todos os investimentos que se realizarán co seu correspondente importe sen IVE.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información; nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

3. Alternativamente tamén se poderá presentar a solicitude e demais anexos normalizados en formato papel (orixinal e tres copias) por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Malia o anterior, tamén se poderá presentar en formato papel un orixinal e tres copias cotexadas no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número e/ou código de rexistro.

6. A solicitude e demais anexos normalizados en formato electrónico poderanse descargar da páxina https://webpesca.xunta.es

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. As xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, se é o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2.g) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada preferentemente nos rexistros das delegacións territoriais da Xunta de Galicia a que corresponda a tramitación do expediente, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa e sen prexuízo do establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, o solicitante poderá ser requirido para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, se é o caso se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, as xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura da Secretaría Xeral do Mar analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita axuda.

Artigo 15. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Secretaría Xeral do Mar que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Secretaría Xeral do Mar designados polo presidente e os/as xefes/as do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Medio Rural e do Mar de cada unha das xefaturas territoriais. Un dos vogais actuará como secretario.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

4. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

5. No informe que formule a comisión figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 16 desta orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

6. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

7. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

8. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 16. Criterios de avaliación

A comisión de avaliación poderá:

– Considerar a non viabilidade dos proxectos ou actuacións presentados, de acordo cos criterios de idoneidade, oportunidade e satisfacción do interese xeral e, consecuentemente, propor a non concesión da subvención, logo da fundamentación emitida polo órgano correspondente.

– Considerar non subvencionables aqueles proxectos que poidan contribuír negativamente aos obxectivos da política común de pesca ou á estratexia do programa operativo do FEP.

No suposto de novas construcións de bateas consideraranse non viables economicamente, para os exclusivos efectos desta orde, aquelas cuxa produción declarada no ano anterior ao da convocatoria non supere o 50 % da media da produción do polígono en que se encontra fondeada segundo o informe emitido polo Servizo de Análise e Rexistros, tendo en conta a estrutura de produción do solicitante.

– Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a comisión de avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados efectuada por taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

– Establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación:

1. Co fin da baremación das solicitudes, os expedientes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en dous grupos:

a) No grupo I incluiranse os proxectos que se seleccionarán en primeiro lugar, e serán aqueles presentados por micro e pequenas empresas.

b) No grupo II incluiranse os proxectos que se seleccionarán en segundo lugar, e corresponderán a aqueles presentados por medianas empresas e o resto de empresas ata 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

2. Dentro de cada grupo, con respecto aos expedientes de axudas de investimentos produtivos na acuicultura, iranse sumando ata un total de 30 puntos en función dos seguintes criterios:

a) Establecemento de métodos ou formas de explotación acuícola que reduzan as consecuencias negativas ou melloren os efectos positivos sobre o ambiente. Ata un máximo de 10 puntos.

b) Cría de especies novas, infrautilizadas ou con boas perspectivas de mercado. Ata un máximo de 5 puntos.

c) Proxectos que teñan como finalidade unha das seguintes: incremento do grao de innovación, diferenciación dos produtos a través da implantación de marcas de calidade, actuacións de repoboación, fomento do benestar animal nas instalacións acuícolas en catividade, investimentos que teñan como fin o apoio á acuicultura tradicional. Ata un máximo de 5 puntos.

d) Outros que terá en conta a comisión de avaliación ata un máximo de 10 puntos:

– A calidade técnica dos proxectos: 4 puntos.

– A existencia dun plan de igualdade ou obtención da marca galega de excelencia en igualdade na empresa solicitante, de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 13 de abril): 3 puntos.

– O favorecemento da inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión: 3 puntos.

3. Independentemente do resultado da aplicación destes criterios terase en conta que en caso de coincidencia na baremación, terán prioridade as empresas que nunca recibiron axudas á acuicultura.

Poderán tomarse en conta para a valoración das operacións, os estudos ou análises de mercado presentados polo Estado ou polo solicitante da axuda que acrediten a viabilidade técnica e económica do proxecto e experiencias previas positivas levadas a cabo polos peticionarios en proxectos que se refiran ao desenvolvemento do sector pesqueiro ou acuicultor.

Con respecto aos expedientes de axudas de medidas hidroambientais, iranse sumando ata un total de 60 puntos en función dos seguintes criterios:

a) Custos adicionais provocados pola aplicación de medidas hidroambientais. Ata un máximo de 30 puntos.

b) Perda de ingresos sufrida. Ata un máximo de 24 puntos.

c) Necesidade de contar con axuda financeira para levar a cabo o proxecto. Ata un máximo de 6 puntos.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar, quen poderá delegar a dita competencia no secretario xeral do Mar. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 de euros por beneficiario, será necesaria a autorización do Consello da Xunta; esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da recepción da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará a anualización aprobada para a execución dos investimentos. O número máximo de anualidades non será superior a tres.

Artigo 18. Recursos

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro que considere pertinente.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Calquera modificación que supoña un cambio do beneficiario, dos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, así como ao prazo de execución, requirirá resolución expresa por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar, e deberá ser comunicada polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización e coa antelación mínima dun mes á data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. No escrito deixarase constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

Nos casos de modificacións que supoñan variacións do importe da axuda ou das diferentes partidas que compoñen o expediente, deberán presentar coa solicitude un cadro V-12 así como o anexo I, onde se resolvan os cambios e un plano de situación dos novos investimentos.

3. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que sexa presentado co resto das solicitudes, resulte seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Como norma xeral non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, agás nos casos de sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueles outros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade e a subrogación do novo propietario na posición de solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e que se cumpran todos os requisitos do punto 3 deste artigo.

En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

6. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado.

7. De xeito xeral non se admitirán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados. Excepcionalmente e por causas debidamente motivadas poderán admitirse este tipo de modificacións, o que requirirá unha resolución expresa do órgano concedente.

Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente.

Artigo 20. Prazos de execución

1. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será respectivamente para as anualidades de 2014 e 2015, o 31 de outubro de 2014 e o 31 de agosto de 2015. Excepcionalmente a resolución individual de concesión da axuda poderá dispor un prazo distinto, que non poderá ser superior ao 31 de outubro de 2015.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación xustificativa, procederase nos termos do artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar
http://webpesca.xunta.es. Considérase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.

2. A xustificación dos investimentos presentarase con carácter preferente no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da cal se presentará un exemplar orixinal ou copia compulsada e tres copias simples, agás para os documentos da alínea b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo VI, na cal virán relacionados e clasificados os gastos e os investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda. Se é o caso, incluiranse no concepto das facturas as entregas á conta que, mediante transferencia bancaria, se realizasen. Destes documentos deberá presentarse orixinal, copia compulsada e dúas copias simples. As facturas orixinais que, se é o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEP.

c) Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria. As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Estas transferencias bancarias só se poderán ordenar como pagamento dunha ou de varias facturas ou como pagamento á conta. Neste último caso, deberá constar no concepto da orde de transferencia bancaria o proxecto o que van destinados os fondos.

As certificacións bancarias identificarán a factura ou facturas pagadas e os seus importes, así como, se é o caso, o importe e o concepto do proxecto para o cal se ordenou a transferencia da entrega á conta. Por outra banda, o provedor receptor dos fondos á conta, deberá facer constar no concepto da factura ou facturas que emita os importes recibidos para a realización do proxecto co obxecto de facilitar a pista da auditoría.

d) Anexo VII, onde se indicará a relación das diferenzas existentes entre os traballos solicitados e os realizados.

e) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Deberá achegarse a resolución da axuda, se é o caso. Para cubrir este punto seguirase o modelo do anexo I da orde reguladora das axudas.

f) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, as ofertas mencionadas no punto 8 do cadro «documentación que se achega ou declara que está en poder da Administración actuante» do anexo I.

g) No caso de que o proxecto sexa a nova construción dunha embarcación auxiliar da acuicultura, presentarase certificación da inscrición na 4ª lista do Rexistro de Buques de Galicia e autorización do porto base nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Se o investimento solicitado na subvención é a construción dunha batea e o cambio de sistema é con desmantelamento da batea antiga, deberase presentar certificado do xestor autorizado que procedeu á valorización ou eliminación dos residuos. No certificado indicaranse detalladamente as características do artefacto desmantelado, a cantidade de residuo de cada tipo xerada e o seu destino. No caso de que o cambio de sistema non se realice con desmantelamento, deberase presentar certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, acerca do valor da batea vella. Este valor descontaríase do importe da axuda que percibirá o beneficiario.

i) No caso de que o proxecto sexa a nova construción dunha embarcación auxiliar da acuicultura, seguro de responsabilidade que garanta posibles danos a terceiros.

j) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

k) No caso de medidas hidroambientais en que a axuda consista en compensacións, a xustificación será a mesma presentada para a concesión da axuda, polo que o pagamento poderá acordarse no mesmo acto. En proxectos de tipo de adhesión o sistema EMAS, deberase achegar a seguinte documentación:

– Solicitude de inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos a EMAS.

– Información requirida para esa inscrición.

– Compromiso de manterse neste rexistro nun período non inferior a 5 anos.

– Declaración ambiental validada polo verificador, así como unha declaración deste último sobre as actividades de validación e verificación.

4. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. Excepcionalmente, por causas xustificadas e debidamente motivadas, e sempre que non se prexudiquen terceiros, poderá concederse unha prórroga de oficio ou por instancia do beneficiario por resolución do órgano concedente, para que a xustificación tanto documental como material dos investimentos poida realizarse con posterioridade ao prazo de xustificación. No caso de que o prazo se prorrogue ao ano inmediatamente seguinte a aquel en que debería ter xustificados os investimentos da última anualidade, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval que deberá de ser presentado no prazo de 15 días a partir da notificación da concesión. O aval constituirase polo 110 % do importe total da axuda pendente de percibir e terá unha vixencia mínima que comprenda os dous meses seguintes á data de xustificación final do investimento establecido na resolución da prórroga.

6. A prórroga deberá solicitarse por escrito coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

7. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipan ao calendario establecido na resolución de concesión e non é posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obteña a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

8. Unha execución inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado, considerarase para os efectos do número 7 deste artigo como unha realización deficiente do proxecto e non será admitida. Exceptúanse do establecido neste punto os casos de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas, o que requirirá resolución expresa do órgano concedente.

Artigo 22. Pagamento da subvención

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme a resolución e as presentes bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade.

Ademais, deberán presentar copia da declaración CE daquela maquinaria que o así o exixa, de conformidade co Real decreto 1644/2008, do 10 de outubro, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das máquinas, que traspón a Directiva 2006/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello. No momento da visita de comprobación da realización dos investimentos, as máquinas deberán ter colocada a placa identificativa correspondente e solicitarase o manual de instrucións das máquinas e todos os documentos que o integren, de acordo co indicado no Real decreto 1644/2008.

3. Para o pagamento da axuda será imprescindible que os beneficiarios estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Considerando o sinalado no artigo 28 desta orde, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as mencionadas certificacións.

4. No caso de axudas plurianuais, o pagamento das primeiras anualidades terá carácter de pagamento á conta, e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actuacións obxecto da axuda, de acordo coa solicitude formulada e logo de conformidade da Secretaría Xeral do Mar

5. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o cobramento de cada unha das anualidades, agás a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade a pagar, e ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

Artigo 23. Garantías

Os avais previstos nos artigos 21.5 e 22.5 desta orde serán depositados na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 24. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as ditou, tal e como se di no artigo 5.2.d).

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitente remitirá á Secretaría Xeral do Mar unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

Artigo 25. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 26. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos ou cos requirimentos recibidos, e no prazo conferido para iso, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos regulamentariamente establecidos.

3. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Será causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), que o beneficiario infrinxa o dereito comunitario e, en especial, as normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 27. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no seu título IV.

Artigo 28. Autorizacións do beneficiario

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

3. Igualmente, se na solicitude de axuda o interesado marca o recadro correspondente, esta actuación implicará a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

Artigo 29. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda

Delégase no secretario xeral do Mar a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file