Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 3 de abril de 2014 Páx. 14691

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 38/2014, do 20 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Acción Voluntaria.

I

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todo/as os/as galegos/as na vida política, económica, cultural e social.

Na Comunidade Autónoma de Galicia a regulación legal da materia de voluntariado atopase recollida na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. O título III da devandita lei regula no seu capítulo V os órganos de consulta e participación das entidades e das persoas voluntarias na planificación, xestión e seguimento da acción voluntaria incluída no ámbito legal, así como a participación dos ditos suxeitos nas actividades de estudo, análise, asesoramento e proposta para a promoción, impulso, coordinación e avaliación das actividades de acción voluntaria.

O artigo 36 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, crea o Consello Galego de Acción Voluntaria como máximo órgano de participación, coordinación, asesoramento e consulta en materia de acción voluntaria, que estará adscrito ao departamento a que veñan atribuídas en cada momento as competencias en materia de acción voluntaria. No número 2 do mesmo artigo recóllense as funcións do dito órgano, mentres que o artigo 37 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, dispón que regulamentariamente se establecerá a organización e o funcionamento do Consello Galego de Acción Voluntaria e a súa composición e organización, ademais do funcionamento das súas comisións.

O Consello Galego de Acción Voluntaria trae a súa causa do Consello Galego de Voluntariado creado pola Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que o regulaba nos seus artigos 25 e 26. O dito órgano rexíase polo seu regulamento de organización e funcionamento aprobado o 5 de decembro de 2002.

Esta disposición nace con obxecto de establecer as normas de organización e funcionamento do Consello Galego de Acción Voluntaria en consonancia coa regulación que deste órgano fai a Lei 10/2011, do 28 de novembro.

II

O regulamento estrutúrase en tres capítulos en que teñen cabida 23 artigos, unha disposición adicional única, unha disposición derrogatoria única e tres disposicións derradeiras.

O capítulo primeiro, integrado polos artigos do 1 ao 6, recolle un conxunto de disposicións xerais que afectan o Consello Galego de Acción Voluntaria no tocante ao seu obxecto, natureza, réxime xurídico, funcións, composición e membros.

Neste punto cómpre salientar o cambio experimentado pola alínea f) do artigo 5 do presente regulamento –que asigna unha vogalía ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia–, con respecto ao establecido pola mesma letra do artigo 37.1 da Lei 10/2011, do 28 de novembro –que fala do Consello da Xuventude de Galicia–, e que foi consecuencia da expresa derrogación da Lei 2/1987, do 8 de maio, do Consello da Xuventude de Galicia, a cargo da vixente Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, cuxa disposición adicional primeira dispón a extinción do Consello da Xuventude de Galicia, así como a asunción do seu persoal polo Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

O capítulo segundo, composto polos artigos 7 a 13, ocúpase dos órganos do Consello e regula especificamente as funcións de cada un deles: Presidencia e vicepresidencias primeira e segunda, Secretaría, Pleno e comisións de traballo.

O capítulo terceiro consta de tres seccións. Na primeira, composta polos artigos do 14 ao 20, establécense as normas de funcionamento do Pleno en relación coas sesións, quórum para a válida constitución do órgano, votación e adopción de acordos, formulación de votos particulares, acta das sesións, presentación de emendas e denominación dos acordos do Consello. A sección segunda está composta polos artigos 21 e 22, nos cales se recollen regras en relación co funcionamento e co traballo que desenvolverán as comisións de traballo. Finalmente, na sección terceira, integrada unicamente polo artigo 23, prevense normas comúns en relación co uso de medios electrónicos.

O decreto contén, ademais, unha disposición adicional referida á igualdade de xénero, unha disposición derrogatoria única e tres disposicións derradeiras que se ocupan do prazo para a constitución do Consello, así como do desenvolvemento normativo da presente norma e da súa entrada en vigor.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Acción Voluntaria, por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto regular a composición, designación de membros, funcións e réxime xurídico do Consello Galego de Acción Voluntaria.

Artigo 2. Natureza

1. Segundo o disposto no artigo 36.1 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, créase o Consello Galego de Acción Voluntaria como máximo órgano de participación, coordinación, asesoramento e consulta en materia de acción voluntaria. O Consello Galego de Acción Voluntaria ten como finalidade dar cumprimento ao principio de participación pública, así como establecer unha canle que sirva de foro de debate da acción voluntaria na Comunidade Autónoma galega, propiciar a coordinación con outros órganos similares de ámbito internacional, estatal e autonómico, así como proporcionar asesoramento e consulta na materia.

2. Para os efectos administrativos, o Consello Galego de Acción Voluntaria está adscrito ao departamento a que veñan atribuídas as competencias en materia de acción voluntaria.

Artigo 3. Réxime xurídico

A organización e funcionamento do Consello Galego de Acción Voluntaria rexerase pola Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, e polo presente regulamento, tendo en conta, en todo caso, o disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Funcións

Son funcións do Consello Galego de Acción Voluntaria, de acordo co número 2 do artigo 36 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, as seguintes:

a) Emitir un informe previo sobre o Plan galego de acción voluntaria.

b) Emitir informe preceptivo e non vinculante sobre os proxectos de disposicións normativas de carácter xeral e de rango inferior á lei que afecten directamente a acción voluntaria.

c) Remitir ás administracións públicas propostas e iniciativas sobre as cuestións referentes á acción voluntaria e recadar delas información sobre a materia.

d) Asesorar e informar sobre os principios, os criterios, os obxectivos e as prioridades da planificación.

e) Servir de punto de encontro entre as administracións de Galicia e as entidades de acción voluntaria.

f) Elaborar informes con carácter anual, por petición do órgano competente en materia de acción voluntaria, sobre o estado e a actividade da acción voluntaria.

g) Detectar e analizar as necesidades básicas de acción voluntaria e canalizar a demanda e a oferta do movemento voluntario.

h) Velar pola calidade das prestacións e das actividades que a acción voluntaria leva a cabo.

i) Propoñer, de ser o caso, ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma en materia de acción voluntaria o recoñecemento público das entidades que se distingan polos seus méritos no ámbito da acción voluntaria.

j) Coordinarse con órganos similares de ámbito internacional, estatal ou autonómico para a consecución de obxectivos comúns na acción voluntaria.

k) Velar polo respecto da liberdade e da independencia das entidades e das persoas que desenvolvan actividades de acción voluntaria.

Artigo 5. Composición

De acordo co disposto no artigo 37 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, o Consello Galego de Acción Voluntaria terá a seguinte composición:

a) Presidencia: cargo que deberá recaer na persoa titular do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de acción voluntaria ou na persoa en quen delegue.

b) Vicepresidencia primeira: este cargo recaerá na persoa titular da subdirección xeral competente en materia de acción voluntaria ou na persoa en quen delegue.

Vicepresidencia segunda: este cargo recaerá na persoa que propoña a organización con personalidade xurídica que represente un maior número de entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. A proposta será aprobada polo Pleno.

c) Secretaría: con voz pero sen voto, recaerá nun/unha empregado/a público/a, funcionario/a de carreira e con nivel de posto de traballo non inferior a 25, ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu nomeamento e cesamento, así como a substitución temporal da persoa que exerza a secretaría en supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, será realizado por resolución expresa da presidencia do Consello Galego de Acción Voluntaria.

d) Unha vogalía, con rango non inferior ao de director ou directora xeral, por cada unha das seguintes áreas: servizos sociais, ambiente, protección civil, cooperación exterior, saúde, medio rural, medio mariño, educación, cultura, traballo e igualdade de xénero, que serán designados pola persoa responsable da consellería que teña competencias na materia.

e) Catro vogalías en representación das corporacións locais, designadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias, por proposta da súa presidencia.

f) Unha vogalía en representación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia creado pola Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, por proposta da súa presidencia.

g) Seis vogalías, tres en representación das organizacións empresariais, por proposta destas, e tres vogalías en representación dos sindicatos máis representativos, por proposta destes, regulados ambos os dous na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

h) Tres vogalías en representación das universidades galegas, por proposta destas.

i) Unha vogalía en representación das entidades de acción voluntaria, por cada unha das seguintes áreas: servizos sociais, ambiente, protección civil, cooperación exterior, saúde, medio rural, educación, cultura e igualdade, por proposta dos seus órganos sectoriais.

Artigo 6. Membros

1. Os/as membros do Consello Galego de Acción Voluntaria, que actuarán con plena autonomía e independencia no exercicio das súas funcións, terán os dereitos e deberes recoñecidos no artigo 17 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O nomeamento dos representantes dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, concellos e universidades, así como o do secretario, manterase en canto se manteñan nos cargos que orixinan o dito nomeamento, e as suplencias realizaranse por acordo do órgano encargado da súa designación, que deberá ser comunicada á Presidencia do Consello.

3. Os representantes das entidades, sindicatos e organizacións empresariais serán nomeados por un máximo de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substitución dos titulares ou suplentes durante o devandito período, por iniciativa da entidade que os propuxo. Finalizado este período, procederase á súa renovación. Os/as membros saíntes continuarán a desempeñar os seus cargos ata a toma de posesión dos nomeados.

4. Os/as membros do Consello Galego de Acción Voluntaria non percibirán indemnización por asistencia ás súas sesións.

Capítulo II
Organización do Consello Galego de Acción Voluntaria

Artigo 7. Órganos

O Consello Galego de Acción Voluntaria estará composto polos seguintes órganos:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia primeira.

c) Vicepresidencia segunda.

d) Secretaría.

e) Pleno.

f) Comisións de traballo.

Artigo 8. Presidencia

Son funcións da presidencia:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello.

b) Representar o Consello, exercer as accións que a este correspondan, e todas aquelas funcións que lle sexan encomendadas polo Pleno, así como asegurar o cumprimento das leis.

c) Acordar a convocatoria, presidir as sesións do Pleno, editar as directrices xerais para o seu adecuado goberno, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas. Someter a votación as propostas correspondentes e proclamar o seu resultado.

d) Fixar a orde do día das sesións do Pleno tendo en conta, se for o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente anticipación.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano e dispoñer e velar polo exacto cumprimento destes acordos, así como asegurar a súa difusión.

f) Dirimir os empates que se produzan, co seu voto de calidade.

g) Solicitar, en nome do Consello, a colaboración que xulgue oportuna de institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións e particulares.

h) Cumprir e facer cumprir este regulamento, propoñendo ao Pleno a súa interpretación nos casos de dúbidas e omisións.

i) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

2. En casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente primeiro e, na súa ausencia, polo vicepresidente segundo. A Presidencia poderá delegar algunha ou a totalidade das súas funcións na Vicepresidencia primeira.

Artigo 9. Vicepresidencia primeira

Corresponde á Vicepresidencia primeira substituír a presidencia no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, así como o desempeño das funcións que a presidencia expresamente lle delegue.

Artigo 10. Vicepresidencia segunda

Corresponde á Vicepresidencia segunda substituír á Vicepresidencia primeira no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

En calquera caso, a Vicepresidencia primeira non poderá delegar na Vicepresidencia segunda as competencias que a primeira xa teña delegadas da Presidencia.

Artigo 11. Secretaría

A Secretaría é o órgano de asistencia técnica e administrativa do Consello e a depositaria da fe pública dos seus acordos. Correspóndenlle, ademais de cantas funcións sexan inherentes á súa condición, as seguintes funcións específicas:

a) Exercer a coordinación técnico-administrativa do Consello e custodiar a súa documentación.

b) Tramitar e distribuír as consultas e propostas formuladas ao Consello.

c) Cursar as solicitudes de consultas ou informes externos, por proposta do Pleno.

d) Cursar as solicitudes de información complementaria sobre os asuntos que, con carácter preceptivo ou facultativo, se sometan a consulta da Presidencia, sempre que a dita información sexa necesaria para a emisión de informes, investigacións ou propostas.

e) Cursar ao órgano solicitante de informe, despois da consulta ao/á presidente/a, a ampliación do prazo fixado na orde de remisión ou na solicitude de consulta, sempre que o asunto así o requira e que a normativa de aplicación así o permita.

f) Elevar ao/á presidente/a a proposta de fixación da orde do día das sesións do Pleno e a proposta de data da súa celebración, tendo en conta as peticións formuladas.

g) Efectuar a convocatoria de sesións por orde do/a presidente/a, así como as citacións aos seus membros, segundo o disposto no artigo 18.3.b da Lei 16/2010, do 17 de decembro, acompañada da documentación que corresponda en función da orde do día, así como da documentación complementaria.

h) Fixar as directrices e dispor o necesario para a elaboración do informe sobre a situación da actividade da acción voluntaria desenvolvida anualmente, que será elevado ao pleno para a súa necesaria aprobación.

i) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións, coa sinatura e co visto e prace do/a presidente/a, e dar o curso correspondente aos acordos que se adopten.

j) Arquivar e custodiar a documentación do Consello, e poñela á disposición dos seus órganos e dos/as membros do Consello cando lle sexa requirida.

k) Expedir certificacións das actas, consultas, ditames e acordos aprobados, cos seus votos particulares e outros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do/a presidente/a.

l) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

Artigo 12. Pleno

O Pleno do Consello Galego de Acción Voluntaria estará integrado por todos os membros do Consello e polo secretario, segundo o disposto no artigo 37 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Artigo 13. Comisións de traballo

1. As comisións de traballo estarán formadas por aqueles membros do Consello Galego de Acción Voluntaria, en número non inferior a 10, que sexan designados polo Pleno por proposta da Presidencia. Na composición das comisións de traballo quedará reflectida a pluralidade de intereses representados no seo do Consello Galego de Acción Voluntaria.

2. As comisións de traballo clasifícanse en permanentes e temporais.

Son comisións de traballo de carácter permanente as creadas coa aprobación do Pleno por maioría absoluta, relativas a aspectos sectoriais, cunha importancia tal que xustifique o seu carácter permanente.

Son comisións de carácter temporal, pola súa especificidade, aquelas cuxos proxectos e plans sexan de carácter xeral, de ámbito autonómico e con singular relevancia. A súa vixencia manterase ata remataren co seu labor.

3. As persoas titulares da Presidencia e da Secretaría das comisións de traballo serán elixidas mediante votación do Pleno. Poderá formar parte das comisións de traballo calquera membro do Consello Galego de Acción Voluntaria que así o desexe e o manifeste expresamente. En ningún caso este número superará o de un terzo dos compoñentes do Consello.

O/a presidente/a deberá organizar e dirixir as actividades da comisión, presidir as sesións, ordenar e moderar os debates e trasladar as propostas correspondentes ao/á secretario/a do Consello para coñecemento do Pleno.

O/a secretario/a da comisión redactará as actas e os informes e efectuará a convocatoria das súas sesións.

Capítulo III
Funcionamento do Consello Galego de Acción Voluntaria

Sección 1ª. O Pleno

Artigo 14. Sesións

1. O Pleno celebrará sesións ordinarias unha vez ao ano, por acordo da Presidencia. O/a secretario/a cursará a convocatoria cunha anticipación mínima de quince días, e a recepción da convocatoria coa orde do día debe garantirse cunha anticipación mínima de corenta e oito horas.

2. A convocatoria de sesión extraordinaria do Pleno poderá ser acordada polo/a presidente/a, cunha anticipación mínima de setenta e dúas horas, sen prexuízo de garantir a súa recepción cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, en calquera dos seguintes supostos:

a) Por propia iniciativa.

b) Mediante solicitude dun terzo dos/as membros do Consello dirixida á persoa titular da Presidencia, en que, ademais das sinaturas, consten os motivos que xustifican a convocatoria e os asuntos que se van tratar.

3. A convocatoria, que conterá a orde do día da sesión, irá acompañada da documentación específica sobre os temas que se van tratar. Poderá ampliarse a orde do día ou remitirse documentación complementaria, tanto nas sesións ordinarias como nas extraordinarias, por parte da Secretaría, ata corenta e oito horas antes da celebración do Pleno.

4. Nas sesións do Pleno non poderá ser obxecto de deliberación ou, se é o caso, de acordo, calquera asunto non incluído na orde do día, a non ser que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

5. Poderán asistir ás sesións do Pleno, en calidade de asesores/as, cando este así o acorde, persoas técnicas de acreditada solvencia, dando conta de tal circunstancia na convocatoria do Pleno ou, de ser o caso, cunha anticipación de 48 horas.

Artigo 15. Quórum de constitución

Para a válida constitución do órgano, para os efectos de realización de sesións, das deliberacións e da toma de acordos, será necesaria a presenza dos/as titulares da presidencia e secretaría, ou das persoas que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros en primeira convocatoria. En segunda convocatoria, que terá lugar unha vez transcorrida media hora desde a primeira, será suficiente para a súa válida constitución, ademais da presenza do/a presidente/a e do/a secretario/a, ou de quen os substitúa, a asistencia dun terzo dos restantes membros.

Artigo 16. Votacións e adopción de acordos

1. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos.

2. A votación será secreta se así o solicita a metade máis un dos membros do Consello presentes.

3. A decisión de acometer a elaboración dunha proposta ou dun informe sobre temas de voluntariado será adoptada polo Pleno por proposta dalgún dos seus membros presentes na sesión.

Artigo 17. Votos particulares

1. Os membros do Consello discrepantes, en todo ou en parte, do acordo maioritario poderán formular, individual ou colectivamente, votos particulares que deberán incorporarse ao texto aprobado.

2. Os votos particulares terán que presentarse por escrito no prazo de corenta e oito horas, contado desde o momento en que o/a presidente/a dea por finalizada a sesión, que se incorporará ao texto aprobado.

Artigo 18. Acta das sesións

1. De cada sesión, o/a secretario/a levantará acta coas especificacións establecidas no artigo 20 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que poderá ser aprobada na mesma ou na seguinte sesión.

2. A acta será asinada polo/a secretario/a, co visto e prace do/a presidente/a, e darase traslado aos membros do Pleno para o seu coñecemento.

3. Os membros do Consello poderán solicitar á secretaría unha copia das actas, unha vez aprobadas, das sesións celebradas.

Artigo 19. Presentación de emendas

1. Todos os membros do Consello, individual ou colectivamente, e as comisións poderán presentar emendas no Pleno.

2. As emendas deberán formalizarse por escrito dirixido ao/á presidente/a con, polo menos, vinte e catro horas de anticipación da hora prevista para a celebración da sesión en que se debata o acordo determinado, e deberán ser asinadas polas persoas autoras.

3. As emendas, que irán acompañadas dunha exposición de motivos sucinta, deberán indicar se son á totalidade ou parciais e, neste último caso, a que parte do texto se refiren. As emendas á totalidade deberán incluír un texto alternativo.

4. Como consecuencia do debate das emendas presentadas poderán formularse outras transaccionais.

Artigo 20. Informes, investigacións e propostas

1. Os pareceres do Pleno expresaranse baixo a denominación de informes, investigacións ou propostas do Consello Galego de Acción Voluntaria, coa sinatura do/a presidente/a do Consello.

2. O Pleno elaborará informes no suposto das letras a), b), d) e f) do artigo 4. As propostas do Pleno quedan reservadas ás letras c) e i) do artigo 4, así como en todos aqueles casos en que os pareceres deste non deban revestir o carácter de informes.

Sección 2ª. As comisións de traballo

Artigo 21. Funcionamento das comisións de traballo

1. As comisións de traballo, na súa sesión constitutiva, determinarán as normas de convocatoria e funcionamento, respectando, en todo caso, o que establece o presente regulamento ou o acordo ou norma de creación delas.

2. As sesións das comisións de traballo serán convocadas polo seu/súa presidente/a. Para a válida constitución da comisión requirirase, en todo caso, a presenza do/a presidente/a, do/a secretario/a da comisión e da metade, polo menos, dos seus membros.

3. Os acordos serán adoptados cando obteñan maioría simple de votos.

Artigo 22. Traballo en comisións

1. As comisións de traballo ocuparanse daqueles estudos e informes que lles sexan encargados polo Pleno.

2. Unha vez recibida a petición de informe, a comisión de traballo nomeará unha ou varias persoas relatoras para que formulen unha proposta de acordo, nun prazo non maior da metade do que se sinalou para o cumprimento da misión da comisión. O prazo restante será utilizado para os debates en comisión.

3. O resultado dos traballos da comisión, xunto cos votos particulares e os informes previos ou complementarios, será entregado ao/á secretario/a do Consello para que propoña a súa inclusión na orde do día da seguinte reunión do Pleno.

Sección 3ª. Normas comúns

Artigo 23. Uso de medios electrónicos

O Pleno e as comisións de traballo poderán constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos. A convocatoria poderá efectuarse por medio do correo electrónico. As actas das sesións do Pleno e das comisións de traballo poderán ser aprobadas por vía telemática, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única. Igualdade de xénero

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en aplicación da normativa vixente ao respecto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado expresamente o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Galego do Voluntariado, aprobado o 5 de decembro de 2002, e todas as demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Constitución do Consello Galego de Acción Voluntaria

O Consello Galego de Acción Voluntaria constituirase no prazo de seis meses desde a entrada en vigor da presente norma.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

A persoa titular da consellería competente en materia de acción voluntaria ditará todas as disposicións que procedan en execución e desenvolvemento do presente regulamento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

A presente norma entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dos mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente
En substitución por ausencia,
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza (Decreto 30/2014)

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar