Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2014 Páx. 15937

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2014 pola que se suspende cautelarmente a Resolución do 10 de marzo de 2014 (BOE do 20 de marzo) pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios.

Visto o requirimento da Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para que anule a Resolución do 10 de marzo de 2014 pola que se convoca o concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios,

Antecedentes:

Primeiro. O 31 de outubro de 2013 o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aproba as normas que rexen a planificación de actuacións en materia de persoal docente e investigador funcionario, que recollen as actuacións previstas para o ano 2014, e nas cales se aproba a creación de seis prazas de persoal docente e investigador funcionario (tres de catedrático de universidade e tres de profesor titular de universidade).

Segundo. O 28 de febreiro de 2014 remítese a comunicación da Comunidade Autónoma pola cal se autoriza a convocatoria do citado concurso.

Terceiro. O 30 de xaneiro de 2014 o Consello de Goberno aproba a convocatoria do concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios, que se publica no Boletín Oficial del Estado o 20 de marzo.

Cuarto. O 25 de marzo de 2014 recíbese escrito da Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, no cal se require, ao abeiro do artigo 44.1 da LXCA, a USC para que anule a Resolución do 10 de marzo de 2014 pola que se convoca o concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios, ao non se ter publicado a oferta pública de emprego (OPE) 2014 no BOE, tal e como establece o artigo 21 cinco da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2014.

Aos anteriores feitos son de aplicación os seguintes:

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. O artigo 72.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a xurisprudencia interpretativa, que lle permite á Administración acordar como medida cautelar a suspensión dos actos administrativos tendente a garantir o interese público que debe presidir toda actuación administrativa.

Segundo. O artigo 21 cinco da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2014, que condiciona a autorización prevista no número un.2 do citado precepto, a que as prazas resultantes da aplicación da taxa de reposición de efectivos definida no número un.3 se inclúan nunha OPE aprobada polos órganos de goberno das administracións públicas e que se publiquen no boletín oficial da comunidade autónoma ou, se é o caso, do Estado, antes da finalización do ano 2014, o que no presente caso non aconteceu, por canto a oferta de prazas foi aprobada pero non así a súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Terceiro. O artigo 67 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que permite a validación dos actos administrativos anulables, emendando os vicios que teñan. No presente caso e dado que o defecto alegado no requirimento da Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas do Ministerio de Facenda contra a Resolución do 10 de marzo de 2014, é a falta dun trámite administrativo como é a publicación no BOE, estando as prazas aprobadas polo Consello de Goberno da Universidade con data do 31 de outubro de 2013 –como certifica a Secretaría Xeral da Universidade–, procede suspender a convocatoria das prazas ata a publicación efectiva da OPE no BOE. Unha vez publicada a OPE e polo tanto emendado o defecto, procederase á validación do acto.

En virtude destos antecedentes e fundamentos xurídicos, esta Reitoría

Resolve:

Primeiro. Suspender cautelarmente a Resolución do 10 de marzo de 2014 (BOE do 20 de marzo) pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios e, na súa virtude, os actos administrativos ditados en aplicación da mesma.

Segundo. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado e da Comunidade Autónoma.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no BOE, de conformidade cos artigos 46 y 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2014

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela