Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 2014 Páx. 17993

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 8 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. A Consellería de Traballo e Benestar, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e en execución das políticas activas de emprego, establece accións específicas para a inserción deste colectivo, que teñen por obxecto mellorar a súa empregabilidade e, coordinadamente, establecer medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo.

O artigo 37 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para ello, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral, e promoverán os apoios necesarios para a busca, obtención, mantemento do emprego e retorno a el.

As persoas con discapacidade poden exercer o seu dereito ao traballo a través do emprego ordinario, nas empresas e nas administracións públicas, incluídos os servizos de emprego con apoio; do emprego protexido, en centros especiais de emprego e en enclaves laborais e do emprego autónomo.

O artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, define os centros especiais de emprego como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade ao réxime de traballo normal.

O cadro de persoal dos centros especiais de emprego debe estar constituído polo maior número de persoas traballadoras con discapacidade que permita a natureza do proceso produtivo e, en todo caso, polo 70 % daquel, sen ter en conta o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

A Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de outubro de 1998 establece as bases reguladoras para a concesión das axudas e subvencións públicas destinadas ao fomento da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (BOE número 279, do 21 de novembro).

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Segundo o disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, segundo a disposición adicional terceira da Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de outubro de 1998.

Aínda que o Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle como accións subvencionables as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, nesta orde regúlanse unicamente as subvencións do custo salarial do cadro de persoal con discapacidade dos centros especiais de emprego, nun marco temporal plurianual, que comprende as subvencións polas mensualidades desde o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, xa que se trata dunhas subvencións periódicas ao mantemento dos postos de traballo e, deste xeito, non queda interrompida a súa concesión e pagamento.

As bases reguladoras das subvencións previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que de acordo coa finalidade e o obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas será realizada pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual e a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados e á conta, así como a modificación da súa porcentaxe máxima, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Finalidade, ámbito e principios de xestión

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial establecida pola Consellería de Traballo e Benestar para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e realizar a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o período desde o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015.

A finalidade desta subvención é axudar aos centros especiais de emprego a manter os postos de traballo dos traballadores e das traballadoras con discapacidade mediante o financiamento parcial dos seus custos salariais.

2. A xestión destas subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

3. As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de outubro de 1998, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas e subvencións públicas destinadas ao fomento da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego; no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional e nesta orde.

Artigo 2. Entidades beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG número 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

2. Poderán solicitar a subvención establecida nesta orde aquelas entidades que solicitasen a súa cualificación como centro especial de emprego. A subvención poderá concederse desde a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitaren a declaración de concurso, seren declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrárense declaradas en concurso, estaren suxeitas a intervención xudicial ou seren inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Daren lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou teren pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Teren a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estaren ao día do pagamento das obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Seren sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4º da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida efectuar a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estaren incursas nas prohibicións, contidas nos números 3 e 4 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 3. Concepto de persoa con discapacidade

1. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, consideraranse que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE número 300, do 16 de decembro).

Capítulo II
Axuda

Artigo 4. Axuda e período subvencionable

1. Para promover o mantemento de postos de traballo poderá concederse unha subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean de alta na Seguridade Social.

2. Ao abeiro desta orde poderán subvencionarse os custos salariais correspondentes ás mensualidades de decembro de 2013 a xuño de 2015.

3. A contía da subvención determinarase de acordo coas seguintes regras:

Primeira. Ata un importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades de decembro de 2013 a xuño de 2015, para os postos de traballo ocupados polas persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %.

O importe da subvención correspondente a cada mensualidade será de 322,65 euros ou 10,76 euros/día, en caso de períodos de traballo no mes inferiores a 30 días. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 376,43 euros/mes, ou 12,55 euros/día.

Segunda. O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano.

Para os centros especiais de emprego que rateen as pagas extraordinarias o importe da subvención incluirá a parte proporcional da segunda paga extraordinaria do ano 2013, a primeira e segunda do ano 2014 e a primeira do ano 2015.

Para os centros especiais de emprego que non rateen as pagas extraordinarias a subvención incluirá as pagas extraordinarias polos períodos do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2013, do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2014, do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2014 e do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2015. Así mesmo, no suposto de cesamento da relación laboral, as subvencións incluirán as liquidacións que correspondan pola parte proporcional da paga extra polos períodos traballados indicados no paragrafo anterior.

O importe da subvención correspondente a cada paga extraordinaria será de 322,65 euros ou 1,79 euros/día, en caso de períodos de traballo inferiores a 180 días.

Terceira. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.

No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada laboral do traballador ou da traballadora con discapacidade, soamente se terá en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe da xornada laboral inferior.

Cuarta. Cando o traballador ou traballadora estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención salarial referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta do centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Quinta. É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado, no cal se incluirá, así mesmo, o período en que o traballador ou a traballadora con discapacidade estea en situación de incapacidade temporal.

4. Non se concederá esta subvención por ningún concepto salarial correspondente á mensualidade na cal o traballador ou traballadora con discapacidade estivese prestando servizos a través de dous ou máis contratos de natureza temporal. Non obstante, no suposto do cesamento da relación laboral neste mesmo mes, concederase a subvención pola liquidación que corresponda pola parte proporcional de paga extraordinaria e as vacacións non gozadas.

Non se subvencionará a contratación de novos traballadores ou traballadoras con discapacidade cando os postos de traballo que ocupen quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola que se concedeu a subvención ao abeiro desta orde.

Capítulo III
Competencia e procedemento

Artigo 5. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles aos xefes e ás xefas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, cando se trate de solicitudes de subvencións do custo salarial referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 6. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico, ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da persoa representante que actue con poder suficiente.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluida no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.

2. Deberá presentarse unha única solicitude pola subvención do custo salarial por todas as mensualidades subvencionables. O prazo para a presentación desta solicitude será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Para os centros especiais de emprego que soliciten a súa cualificación e/ou inicien á súa actividade con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación anterior, por seren estes de nova creación, a solicitude deberá presentarse ata o último día do mes seguinte ao do primeiro mes polo que se solicita a subvención. Este prazo tamén é de aplicación aos supostos de ampliación da cualificación do centro especial de emprego pola apertura dun novo centro de traballo nunha provincia distinta. Nestes dous supostos o prazo para a presentación de solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2015, aínda que non transcorrese o prazo especifico anterior.

3. As solicitudes e os anexos destas subvencións están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es

Para a formalización das solicitudes de subvención e as solicitudes dos pagamentos á conta da subvención do custo salarial poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de Axudas e subvencións.

Artigo 7. Autorizacións

1. A presentación da solicitude de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Conforme o previsto no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a obriga de presentar as ditas certificacións poderá ser substituída pola declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG número 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como responsable dos ficheiros; con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa, o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

4. Coa presentación da solicitude de subvención, a persoa solicitante ou a persoa representante da entidade poderá autorizar expresamente á Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante ou representante da entidade.

5. A presentación de solicitudes ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa de todas as persoas traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego para a cesión de datos á Consellería de Traballo e Benestar, relativos ao tipo e grao de discapacidade.

6. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude se incorporarán ao ficheiro de Relacións administrativas coa cidadanía e entidades para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística destes programas. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar a persoa traballadora sobre a existencia e finalidade da cesión, así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro, no enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

7. A presentación da solicitude de subvención ao abeiro desta orde implicará a aceptación da cesión de datos que se poida realizar a favor doutras administracións públicas para os efectos de estatística, avaliación e seguimento.

Artigo 8. Documentación

1. As solicitudes deberán presentarse no formulario normalizado que figura como anexo I a esta orde e deberán ir acompañadas do orixinal, ou copia compulsada ou cotexada, da documentación que se relaciona:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da entidade, en caso de non prestar a autorización na solicitude á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

c) De ser o caso, para os centros de nova creación, solicitude de cualificación e inscrición do centro especial de emprego e, se é o caso, solicitude de ampliación da cualificación pola apertura dun novo centro de traballo.

d) Para os centros de nova creación, memoria que recolla a titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo, actividades, cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social, e as causas que as motivaron.

e) Relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego de alta na Seguridade Social no mes de decembro de 2013, en función dos cales se vai realizar o cálculo da resolución de concesión; así como o importe da subvención que se solicita (segundo o modelo do anexo II).

f) Documentación do cadro de persoal de novas persoas traballadoras con discapacidade contratadas no mes de decembro de 2013: contratos de traballo, altas e variacións de datos na Seguridade Social e, de ser o caso, resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que recoñeza a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa que recoñeza unha pensión por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

g) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia validados pola entidade financeira que acredite o seu pagamento, dos traballadores e traballadoras con discapacidade incluídos na relación nominal do anexo II, e documentos TC-1 e TC-2, correspondentes á mensualidade de decembro de 2013.

2. Para o caso de centros que inician a súa actividade por seren de nova creación e solicitan a súa cualificación como centros especiais de emprego, así como para os centros que pola apertura dun novo centro noutra provincia solicitan a ampliación da súa cualificación, deberán presentar a documentación relacionada nas letras e), f) e g) do número anterior referida á data da solicitude e que recolla as altas, baixas ou variacións do cadro de persoal con discapacidade desde o primeiro mes polo que se solicita a subvención.

3. Xunto coas solicitudes as persoas ou entidades interesadas presentarán os documentos sinalados, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento o que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa ou entidade solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante da entidade solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 9. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das subvencións reguladas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será, de acordo coa competencia para coñecer e resolver as solicitudes, o Servizo de Traballo e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, sobre as autorizacións administrativas e inscricións no rexistro como centros especiais de emprego, así como o seu recoñecemento e inscrición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro, conforme o previsto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento (DOG número 138, do 19 de xullo; corrección de erros DOG número 147, do 2 de agosto).

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 10. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. A resolución comprenderá todo o período que se vai subvencionar e incluirá como anexo a relación dos traballadores e das traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego tidos en conta para o cálculo da contía da subvención.

Con cargo á anualidade orzamentaria de 2014 concederase a subvención polas mensualidades de decembro de 2013 e, se é o caso, a segunda paga extraordinaria de 2013, as mensualidades de xaneiro a outubro do ano 2014 e, se é o caso, a primeira paga extraordinaria de 2014.

Con cargo á anualidade orzamentaria de 2015 concederase a subvención polas mensualidades de novembro e decembro de 2014 e, se é o caso, a segunda paga extraordinaria do ano 2014, as mensualidades de xaneiro a xuño de 2015 e, se é o caso, a primeira paga extraordinaria do ano 2015.

O importe da subvención concedida poderá ser obxecto de modificación en función da documentación presentada para a xustificación do pagamento da subvención e poderá dar lugar, se é caso, a que se dite a resolución complementaria ou revogatoria que corresponda se o importe xustificado é superior ou inferior ao concedido inicialmente.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Cando a resolución sexa notificada polo órgano competente, as persoas ou entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 11. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos á conta da subvención concedida, que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse pola contía equivalente ás mensualidades xustificadas.

Poderanse realizar pagamentos anticipados, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior a unha porcentaxe do 90 % da subvención concedida, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Para realizar estes pagamentos anticipados e á conta, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4º do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O pagamento da subvención realizarase de acordo coas seguintes regras:

Primeira. Pagamento anticipado da subvención correspondente á anualidade orzamentaria de 2014.

O órgano xestor proporá un pagamento anticipado do 80 % da subvención concedida con cargo á anualidade orzamentaria de 2014, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria na súa solicitude inicial.

Se coa documentación xustificativa presentada para o pagamento final ata novembro de 2013, da subvención concedida ao abeiro da orde de convocatoria anterior, se xustifica unha contía superior da inicialmente concedida, emitirase unha resolución de concesión polo incremento, cuxo pagamento se efectuará con cargo aos créditos que financian esta orde.

Segunda. Pagamento anticipado da subvención correspondente á anualidade orzamentaria de 2015.

Unha vez que a entidade beneficiaria presente a documentación exixida para a xustificación da subvención correspondente á anualidade de 2014 realizarase un segundo pagamento anticipado polo 50 % da subvención concedida con cargo á anualidade do exercicio 2015, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria na solicitude inicial.

No suposto de que a contía da subvención xustificada correspondente á anualidade de 2014 fose menor da anticipada, a diferenza compensaranse minorando o importe que se debe aboar con cargo ao anticipo da anualidade orzamentaria de 2015 regulado nesta regra.

Terceira. Pagamentos á conta.

Unha vez que as cantidades xustificadas superen as anticipadas, aboarase o resto da subvención concedida mediante pagamentos á conta, conforme as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa na forma e nos prazos previstos no artigo 12 desta orde, ata o límite do 90 % da subvención concedida.

Cuarta. Pagamento final.

Despois de que as cantidades xustificadas superen as anticipadas e os pagamentos á conta realizarase o pagamento final polo resto da subvención concedida, unha vez presentada polas entidades beneficiarias, na forma e nos prazos previstos no artigo 12 desta orde, a documentación referida aos meses pendentes de pagamento.

1. Se coa documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento queda xustificada unha contía de subvención distinta da inicialmente concedida, ditarase a resolución revogatoria ou complementaria que corresponda.

2. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 12. Xustificación

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a relacionada a continuación.

Para os efectos de proceder á xustificación dos pagamentos da subvención do custo salarial, a entidade beneficiaria deberá presentar, referida á mensualidade ou mensualidades polas cales se solicita, a seguinte documentación:

a) Anexo III desta orde, coa relación da documentación xustificativa presentada para o pagamento.

b) Relación nominal dos traballadores e traballadoras con discapacidade polos cales se solicita o pagamento á conta e a contía solicitada (segundo o modelo do anexo IV).

c) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia validados pola entidade financeira que acrediten o seu pagamento.

d) Documentos TC1 e TC2 ingresados da mensualidade ou mensualidades polas cales se solicita o pagamento á conta.

e) De ser o caso, copia dos contratos de traballo e partes de alta na Seguridade Social, correspondentes ás novas persoas traballadoras contratadas no mes obxecto de pagamento á conta, así como todas as variacións de datos á Seguridade Social realizadas no dito mes.

De ser o caso, resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que recoñeza a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa que recoñeza unha pensión por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

f) Nos supostos de incapacidade temporal, achegarase parte de baixa e alta.

g) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo V).

2. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento nos seguintes prazos:

– As mensualidades anteriores á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, no prazo establecido na resolución de concesión.

– O resto das mensualidades, no prazo de dous meses contados desde o último día de cada mensualidade.

Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberalles ser notificado ás entidades beneficiarias.

Non obstante, en todo caso, a documentación xustificativa para o pagamento final das mensualidades concedidas con cargo á anualidade orzamentaria de 2014 deberá presentarse ata o 20 de decembro de 2014, e as concedidas con cargo á anualidade orzamentaria de 2015 ata o 31 de agosto de 2015.

Capítulo IV
Obrigas e incompatibilidades

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

De acordo con esta obriga, o centro especial de emprego deberá anunciar que está sendo subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público incluíndo o nome do centro, a expresión «centro especial de emprego» e o logotipo «Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia». Os formatos que se utilicen serán proporcionados pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e coa normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Ter presentada a memoria anual ante a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar co contido e no prazo establecido no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

l) Ter sometida a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 euros, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no Real decreto 180/2003, do 14 de febreiro, e no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo.

m) Para cumprir co establecido no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de centros especiais de emprego, os centros beneficiarios das subvencións con cargo ao Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego do ano 2014 deberán remitir a información identificativa do centro, as relacións nominais dos traballadores e das traballadoras con discapacidade e sen discapacidade a 31 de decembro de 2014, segundo os modelos de impresos Mem./1, 2, 3 e 4 que constan na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.

Esta documentación deberán remitila, xunto coas fotocopias do TC1 e TC2 do mes de decembro de 2014, non máis tarde do 15 de febreiro do ano 2015, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña.

Artigo 14. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións do custo salarial previstas nesta orde serán incompatibles para a mesma persoa traballadora con discapacidade coas establecidas na orde da Consellería de Traballo e Benestar pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 16. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17. Seguimento e control

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco ES82 2080 0300 87 311006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento destas subvencións.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nos xefes e nas xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería. Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional cuarta

A concesión das subvencións previstas nesta orde estará limitada aos créditos establecidos na disposición adicional quinta desta orde, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Disposición adicional quinta

En virtude do anterior, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos previstos na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014, coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade

Aplicación orzamentaria e código de proxecto

Importe

2014

11.02.322C.470.0 2014 00511

7.000.000,00 euros

11.02.322C.481.2 2014 00511

500.000,00 euros

2015

11.02.322C.470.0 2014 00511

5.600.000,00 euros

11.02.322C.481.2 2014 00511

500.000,00 euros

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file