Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2014 Páx. 20284

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2014 pola que se levanta a suspensión cautelar da Resolución reitoral do 10 de marzo de 2014 (Boletín Oficial del Estado do 20 de marzo), pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 31 de outubro de 2013, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou as normas que rexen a planificación de actuacións en materia de persoal docente investigador funcionario, que recollen as actuacións previstas para o ano 2014, e nas cales se prevé a creación de seis (6) prazas de persoal docente e investigador funcionario (tres de catedrático de universidade y tres de profesor titular de universidade).

Segundo. Con data do 28 de febreiro de 2014 remitiuse a comunicación da Comunidade Autónoma pola que se autoriza a convocatoria do citado concurso.

Terceiro. Con data do 30 de xaneiro de 2014, o Consello de Goberno aprobou a convocatoria do concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios (tres (3) prazas de profesor titular de universidade), que se publicou no Boletín Oficial del Estado con data do 20 de marzo.

Cuarto. Con data do 25 de marzo de 2014 recibiu escrito da Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, ao abeiro do artigo 44.1 da Lei da xurisdición contencioso-administrativa, no cal se require a USC para que anule a Resolución reitoral do 10 de marzo de 2014 pola que se convoca o concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios, ao non terse publicado a oferta pública de emprego (OPE) 2014 no boletín oficial correspondente, tal e como establece o artigo 21.cinco da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2014.

Quinto. Con data do 31 de marzo de 2014, atendendo ao requirimento, dítase resolución reitoral na cal se acorda suspender cautelarmente a Resolución reitoral do 10 de marzo de 2014 (BOE do 20 de marzo), pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios e, en virtude dela, os actos administrativos ditados na súa aplicación.

Sexto. Con data do 31 de marzo de 2014 remítese ao boletín oficial da Comunidade Autónoma proposta de publicación da oferta pública de emprego (OPE) relativa a tres prazas de catedrático de universidade e tres prazas de profesor titular de universidade, aprobadas, que se publica no citado boletín o día 9 de abril de 2014.

Aos anteriores feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. O artigo 67 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que permite a validación dos actos administrativos anulables, emendando os vicios de que adoezan.

Segundo. O artigo 72.1 e 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que permite acordar as medidas provisorias tendentes a asegurar a eficacia do acto e regula o levantamento ou a modificación das referidas medidas. Publicada a OPE no boletín oficial da Comunidade Autónoma, e emendado, polo tanto, o defecto procedemental en que se incorrera, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Levantar a suspensión cautelar acordada por Resolución reitoral do 31 de marzo de 2014, relativa á Resolución reitoral do 10 de marzo de 2014 (BOE do 20 de marzo) pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios, continuando o procedemento no punto en que quedou suspendido.

Segundo. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado e no da Comunidade Autónoma.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. No entanto, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres no recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2014

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela