Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2014 Páx. 21047

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se fai pública a convocatoria, mediante o procedemento aberto con criterio único (prezo), para o alleamento de madeiras na provincia de Ourense.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial desta consellería en Ourense (avenida da Habana, 79, 1º, 32004 Ourense) e no enderezo http://mediorural.xunta.es/forestal/poxas, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro) pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar no Edificio Administrativo, avenida da Habana, 79 baixo, 32004 Ourense.

Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e mais os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente no Servizo de Montes de Ourense, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar durante os vinte e seis días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense ou en calquera das formas legalmente establecidas.

Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Ourense, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante telegrama ou fax ao número 988 38 66 97.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do décimo quinto día hábil, que non cadre en sábado, contado a partir do remate do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa, e o sobre B, coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que teñan lugar ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2 % do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 103 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante, TRLCSP).

3. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 60 do TRLCSP, así como na nova redacción establecida pola Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación de conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración xeral do Estado, e pola Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e da Administración.

A dita declaración comprenderá expresamente a circunstancia de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda estatal e da comunidade autónoma e coa Seguridade Social e estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Esta declaración presentarase sen prexuízo de que a xustificación acreditativa dos ditos aspectos deba ser achegada, antes da adxudicación, polo empresario a prol do que se efectuará a adxudicación.

Malia o anterior, poderán presentarse os certificados administrativos do cumprimento das citadas obrigas, agás no caso do IAE, cuxa xustificación se efectuará mediante a presentación da alta, referida ao exercicio corrente, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non terse dado de baixa na matrícula do citado imposto, segundo o artigo 15.1 do Regulamento de contratos das administracións públicas.

4. Acreditarase a solvencia financeira, económica e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica, así como unha declaración responsable en que manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación.

Ademais desta documentación, deberá xuntarse a que proceda en cada caso segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes de Ourense. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5 % do prezo de licitación, agás nos expedientes en que o aproveitamento se realice a resultas ou o motivo sexa «rareo». Nestes últimos casos engadirase o 5 % de fianza complementaria, acadando unha garantía definitiva dun 10 %.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva dentro dos dez días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2014

Alfonso García Magariños
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar