Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 12 de maio de 2014 Páx. 21274

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2014 pola que se fixan os feitos impoñibles e límites cuantitativos polos cales os equipos de inspección poderán realizar totalmente e ultimar as actuacións inspectoras.

A Orde do 20 de decembro de 2012 pola que se organiza e atribúen funcións á Inspección dos Tributos no ámbito de competencias da Área de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia, establece no seu artigo 2.2 que «Nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia poderán constituírse, por acordo do xefe da área de Inspección Tributaria, equipos de inspección formados polo número de funcionarios da escala técnica de finanzas que en cada caso se determine, designándose un deles como xefe de equipo, que poderán realizar totalmente e ultimar actuacións inspectoras subscribindo as actas correspondentes con respecto aos feitos impoñibles e límites cuantitativos que estableza por resolución o director da Axencia Tributaria».

A Resolución do 2 de xaneiro de 2013 estableceu os feitos impoñibles e límites cuantitativos mencionados pola orde citada, aínda que, dada a experiencia acumulada tras a posta en funcionamento da estrutura da inspección tributaria na Axencia Tributaria de Galicia, se advirte a necesidade de acoutar novos supostos e definir con maior precisión os límites que lles afectan. Tales circunstancias aconsellaron proceder á redacción dunha nova resolución que actualice as previsións da anterior.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar os feitos impoñibles e límites cuantitativos polos cales os equipos de inspección poderán realizar totalmente e ultimar actuacións inspectoras.

Os equipos de inspección formados por funcionarios da escala técnica de finanzas que en cada caso se determine, designándose a un deles como xefe de equipo, poderán realizar totalmente e ultimar actuacións inspectoras subscribindo as actas correspondentes, agás nos seguintes supostos:

a) No imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, cando a base impoñible sexa superior a 1.000.000 de euros.

b) No imposto sobre sucesións e doazóns:

1º. Adquisición de bens a título sucesorio cando a masa hereditaria neta sexa superior a 1.000.000 de euros.

2º. Adquisicións de bens e dereitos a título gratuíto e inter vivos cando a base impoñible sexa superior a 1.000.000 de euros.

c) No imposto sobre o patrimonio cando a suma dos bens e dereitos menos as débedas deducibles, incluídos os exentos, sexa superior a 3.000.000 de euros.

d) Cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

1º. Se aprecie a existencia de simulación nos termos definidos no artigo 16 da Lei 58/2003, xeral tributaria.

2º. Se aprecie a existencia de conflito na aplicación da norma conforme o establecido no artigo 15 da Lei 58/2003, xeral tributaria.

3º. Se aprecie que a conduta do obrigado tributario puider ser constitutiva de delito tipificado no artigo 305 da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal.

4º. Cando a actuación sexa cualificada como de especial dificultade no Plan parcial de inspección.

Segundo. Aplicación

A presente resolución será aplicable a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Resolución do 2 de xaneiro de 2013 pola que se fixan os feitos impoñibles e límites cuantitativos polos cales os técnicos de finanzas poderán realizar totalmente e ultimar actuacións inspectoras.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia