Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21415

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2014 pola que se fai público o acordo do Pleno do 22 de abril polo que se aproba a creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación.

O Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do día 22 de abril de 2014, aprobou o acordo de creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación.

En cumprimento do disposto neste acordo, resolvo a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Xesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia
(Substitución provisional artigo 8.3 Lei 6/1985)

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 22 de abril de 2014,
polo que se aproba a creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación

O Consello de Contas é un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no artigo 53 do Estatuto de autonomía e regulado pola Lei 6/1985, do 24 de xuño, que se relaciona, principalmente, coas entidades que compoñen o sector público, definido no artigo 2 da propia norma, pero que tamén se relaciona con persoas físicas e xurídicas de carácter privado, ben cando exerce as súas competencias administrativas de xestión ou ben cando facilita o exercicio dos dereitos dos cidadáns en relación coas institucións públicas.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos seguindo o camiño iniciado pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este dereito leva consigo a obriga, por parte das administracións, de ofrecer os seus servizos polas diferentes canles que faciliten esta posibilidade, resultando indispensable para o cumprimento deste obxectivo a adaptación tanto dos recursos humanos como dos materiais, así como dos procedementos administrativos que se veñen realizando por outras vías.

Para posibilitar o exercicio das comunicacións electrónicas o Consello de Contas xa creou e regulou o funcionamento do seu Rexistro Electrónico mediante acordo do Pleno do día 23 de decembro de 2011 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2012), implantou a rendición de contas do subsector público local en soporte electrónico e procedemento telemático, por acordo do Pleno do día 3 de maio de 2011 (DOG nº 137, do 18 de xullo) e agora, mediante o presente acordo, compleméntase e mellórase o marco en que se desenvolven as relacións coas administracións e cos cidadáns en soporte electrónico coa creación da sede electrónica da Institución.

De conformidade co disposto no artigo 7.3.b) da Lei 6/1985, logo de audiencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e de acordo co preceptuado no artigo 10 da Lei 11/2007, o Pleno do Consello de Contas, na súa sesión celebrada o día 22 de abril de 2013, adoptou o presente acordo.

Primeiro. Sede electrónica

1. Esta norma ten por obxecto a creación e regulación do funcionamento da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia e a utilización do selo electrónico e do código seguro de verificación.

A sede electrónica do Consello de Contas é o enderezo electrónico dispoñible para os cidadáns a través das redes de telecomunicacións cuxa titularidade corresponde á Institución no exercicio das súas competencias.

2. O ámbito de aplicación da sede electrónica esténdese exclusivamente ao Consello de Contas de Galicia, coa finalidade de que os particulares e as entidades públicas poidan relacionarse con el por medios electrónicos.

3. A sede electrónica do Consello de Contas será accesible no enderezo
https://sede.consellodecontas.es; en todo caso, existirá un enlace á sede na páxina web principal do Consello de Contas (http://www.ccontasgalicia.es).

4. As condicións e especificacións técnicas da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia serán publicadas na citada sede.

5. No funcionamento da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia observarase, no non previsto neste acordo e non resulte incompatible coa natureza da Institución, o disposto pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; no seu defecto, o regulado no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se desenvolve parcialmente a anterior lei no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa de desenvolvemento.

6. A publicación na sede electrónica de informacións, servizos e transaccións respectará os principios de accesibilidade e usabilidade de acordo coa normativa, cos estándares abertos e, se é o caso, con aqueloutros que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns.

Segundo. Principios

A sede electrónica do Consello de Contas de Galicia funcionará baixo os principios de publicidade oficial, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade, interoperabilidade, integridade, veracidade e actualización da información e os servizos, de conformidade co disposto nos artigos 4 e 10 da Lei 11/2007.

Terceiro. Dispoñibilidade

1. A sede electrónica do Consello de Contas de Galicia estará dispoñible todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrupcións técnicas que sexan imprescindibles.

2. As interrupcións programadas serán comunicadas aos usuarios na páxina web oficial do Consello de Contas e na mesma sede electrónica. A interrupción deberá anunciarse aos potenciais usuarios coa antelación que resulte posible.

Cuarto. Contido da sede electrónica

1. A sede electrónica do Consello de Contas de Galicia conterá:

a) Información actualizada sobre a sede electrónica, na cal se incluirá a súa normativa reguladora, con identificación, de forma claramente visible, do órgano responsable da súa xestión e administración.

b) O mapa de navegación da sede electrónica.

c) O Rexistro Electrónico do Consello que se rexerá pola súa normativa reguladora.

d) O catálogo de procedementos xurídicos susceptibles de ser tramitados a través de medios electrónicos.

e) Acceso, de ser o caso, ao estado de tramitación do expediente.

f) O perfil do contratante.

g) Un medio a través do cal os usuarios poidan formular as queixas e suxestións que consideren convenientes.

h) Información xeral dos medios postos á disposición dos cidadáns para o acceso electrónico aos servizos que presta o Consello de Contas, en particular sobre os sistemas de sinatura electrónica admitidos para relacionarse a través de medios electrónicos, e sobre as condicións xerais da súa utilización e os instrumentos necesarios para comprobar a validez dos documentos asinados mediante este procedemento.

i) Relación de sistemas de sinatura electrónica que sexan admitidos ou utilizados na sede.

l) A relación de certificados electrónicos correspondentes aos selos electrónicos utilizados polo Consello na actuación administrativa automatizada.

m) Data e hora oficiais polas que se rexe a sede electrónica do Consello de Contas.

n) Servizos de axuda e asesoramento electrónico para a correcta utilización da sede electrónica.

ñ) Calquera outra información ou servizo que se determine mediante resolución do Pleno do Consello de Contas de Galicia.

2. Desde a sede electrónica poderase acceder mediante enlaces a outras informacións ou servizos que, por non reunir os requisitos necesarios, non forman parte dela. Nestes casos, o usuario será advertido expresamente cando abandone a sede electrónica.

3. Serán canles de acceso aos servizos dispoñibles na sede:

a) Para o acceso electrónico, a través da internet, no enderezo electrónico previsto no artigo 1 deste acordo.

b) Para a atención presencial, a Oficina de Rexistro do Consello de Contas, sen prexuízo do acceso a través dos rexistros mencionados no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Para a atención telefónica, os servizos de información telefónica relacionados na páxina web do Consello de Contas.

Quinto. Catálogo de procedementos administrativos electrónicos

1. O catálogo de procedementos xurídicos susceptibles de ser tramitados a través de medios electrónicos estará situado de forma claramente visible na páxina da sede electrónica.

2. En cada procedemento poderase acceder á información xeral relativa a el que, en todo caso, deberá conter as instrucións xerais para a tramitación, o órgano competente, os efectos do silencio administrativo e os recursos que proceden contra la resolución e o órgano ante o cal se deben interpoñer, con indicación dos prazos.

3. A incorporación ou supresión dun novo procedemento xurídico e da aplicación informática que o sustente corresponderá ao Pleno do Consello de Contas.

Sexto. Medios para a formulación de queixas e suxestións

1. Habilitarase un formulario para que os usuarios poidan presentar as queixas e suxestións que consideren pertinentes.

2. A presentación dunha queixa ou suxestión non suporá, de ningún modo, o inicio dun procedemento administrativo; esta circunstancia será advertida expresamente ao interesado.

3. Non se considerarán medios para a formulación de queixas e suxestións os servizos de asesoramento ao usuario para a correcta utilización da sede, sen prexuízo da súa obriga de atender aos problemas técnicos que susciten os cidadáns.

Sétimo. Xestión e administración

1. Sen menoscabo das competencias atribuídas pola Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, o órgano responsable da xestión e seguridade da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia é a Secretaría Xeral. Igualmente, correspóndelle a coordinación e supervisión da implantación das medidas xurídicas, tecnolóxicas e administrativas que se adopten nesta materia e das resolucións que se diten en aplicación deste acordo.

2. Baixo a dependencia da Secretaría Xeral as tarefas de administración material e mantemento da sede electrónica corresponden ao Servizo de Informática da Institución. Así mesmo, tamén velará porque as medidas de seguridade garantan a accesibilidade e a integridade da información nos servizos que se ofrezan na sede.

Oitavo. Identificación da sede

A sede electrónica do Consello de Contas identificarase a través dun certificado específico de dispositivo seguro. O certificado de sede electrónica terá como finalidade exclusiva a súa identificación.

Noveno. Selos electrónicos

1. Para a identificación e a autenticación do exercicio da competencia na actuación administrativa automatizada, o Consello de Contas utilizará o sistema de sinatura electrónica vinculado ó Consello de Contas denominado selo electrónico, baseado en certificado electrónico que reúna os requisitos exixidos pola lexislación de sinatura electrónica.

As actuacións administrativas aprobadas polo Pleno do Consello de Contas e publicadas na sede electrónica que fan uso do selo electrónico son:

a) Xustificante de recepción do Rexistro Electrónico do Consello de Contas de Galicia.

b) Intercambio de información coas entidades que integran o sector público para os efectos do artigo dous da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas e demais normas de aplicación xeral.

c) Procesos de selaxe de documentos electrónicos, co obxecto de facilitar a súa interoperabilidade, conservación e lexibilidade.

2. Na sede electrónica do Consello estará dispoñible a relación de certificados electrónicos correspondentes aos selos electrónicos utilizados, así como as medidas adecuadas para facilitar a súa verificación.

3. Créase o selo electrónico do Consello de Contas de Galicia, coas características seguintes:

a) A titularidade corresponde á Institución e o órgano responsable da utilización e custodia do selo que se crea mediante esta resolución é a Secretaría Xeral do Consello de Contas.

b) As características técnicas xerais do sistema de sinatura e certificado aplicable son as derivadas do Esquema nacional de interoperabilidade e da política de sinatura electrónica e certificados da Administración xeral do Estado, que son as que constan na declaración de practicas de certificación aprobadas pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, que poden ser obxecto de consulta no enderezo:

https://www.cert.fnmt.es/dpc/ape/dpc.pdf

c) A verificación do certificado poderá realizarse a través do servizo VALIDE da plataforma de validación de certificados da Administración xeral do Estado, que estará accesible desde a sede electrónica do Consello de Contas (https://sede.consellodecontas.es).

Décimo. Código seguro de verificación

1. As copias realizadas en soporte papel de documentos públicos administrativos emitidos por medios electrónicos e asinados electronicamente terán a consideración de copias auténticas sempre que inclúan a impresión dun código xerado electronicamente ou outros sistemas de verificación que permitan contrastar a súa autenticidade mediante o acceso aos arquivos electrónicos da Administración pública, órgano ou entidade emisora segundo o artigo 30.5 da Lei 11/2007.

2. Con este fin, o Consello de Contas de Galicia poderá incorporar un código seguro de verificación (en diante CSV) nos documentos electrónicos que se materialice unha actuación automatizada prevista no catálogo publicado na súa sede electrónica, e en todo caso, no xustificante de presentación emitido polo Rexistro Electrónico do Consello.

3. O CSV do Consello de Contas de Galicia obtense mediante un algoritmo aleatorio que xera un código de 35 carácteres alfanuméricos único para cada documento.

4. A integridade dun documento xurídico, pertencente a un procedemento automatizado, emitido polo Consello de Contas de Galicia poderá verificarse mediante o seu CSV accedendo á sede electrónica do Consello de Contas (https://sede.consellodecontas.es).

5. Será órgano responsable do emprego do CSV nos procedementos a Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia. A xestión tecnolóxica das infraestruturas e aplicacións necesarias para a xeración e verificación do CSV corresponderá ao Servizo de Informática da Institución.

Disposición adicional. Procedemento de rendición electrónica de contas das EE.LL.

O procedemento de rendición electrónica de contas das entidades locais de Galicia, a pesar de estar incluído no Catálogo de procedementos electrónicos do Consello de Contas, continuará rexéndose polo disposto no acordo do Pleno do Consello de Contas do día tres de maio de dous mil once e, na súa consecuencia, queda baixo o abeiro da sede electrónica do Tribunal de Cuentas, na subsede www.rendiciondecuentas.es

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorizase o conselleiro maior do Consello de Contas para desenvolver este acordo.

Disposición derradeira segunda. Posta en funcionamento

A sede electrónica, o selo electrónico e o código seguro de verificación poranse en funcionamento no prazo de seis meses contados dende a entrada en vigor deste acordo nas datas que previamente se publicarán na propia sede electrónica.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.