Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 15 de maio de 2014 Páx. 21870

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de maio de 2014 pola que se inclúe a especie Cheilanthes guanchica C. Bolle no Catálogo galego de especies ameazadas, na categoría en perigo de extinción.

A preservación ambiental da flora e da fauna galega obedece a unha repartición de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que vén regulada nos artigos 148 e 149 da Constitución española. Neste senso, a competencia do Estado consiste en establecer a lexislación básica sobre protección do ambiente e, neste contexto, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que no seu artigo 52 estableceu a obriga das administracións públicas de catalogar aquelas especies de fauna e flora cuxa conservación exixa medidas específicas de protección. Así mesmo, o artigo 53 crea a Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e faculta as comunidades para establecer catálogos nos seus respectivos ámbitos territoriais, de-senvolvendo posteriormente o catálogo español mediante o Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas.

Neste contexto, co obxecto de aplicar medidas específicas de protección para as especies ameazadas, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, procedeu nos seus artigos 48 e 49 á creación do Catálogo galego de especies ameazadas, así como a especificar as categorías en que terán que ser catalogadas estas especies, respectivamente. A determinación dos taxons que, estando ameazados, requiran medidas específicas e excepcionais de protección e conservación en Galicia, realizarase mediante a súa inclusión nalgunhas das categorías do Catálogo galego de especies ameazadas.

A regulación do Catálogo galego de especies ameazadas formalizouse a través do Decreto 88/2007, do 19 de abril (Diario Oficial de Galicia núm. 89, do 9 de maio). Neste sentido, os artigos 7, 8 e 9 deste decreto establecen o procedemento para a catalogación das especies e, polo tanto, para a inclusión, exclusión ou cambio de categoría dunha especie xa catalogada. Para tal efecto, o artigo 9 dispón que, unha vez completado o expediente, se realizará a inclusión, exclusión ou cambio de categoría dunha especie xa catalogada, mediante orde da consellería competente en conservación da natureza, por proposta da dirección xeral competente na materia.

O fento Cheilanthes guanchica C. Bolle presenta unha poboación estimada nuns 160 exemplares aproximadamente, nunha área de ocupación duns 4.800 m2 no límite sur do concello de Sober (Lugo), nunha zona de características bioclimáticas mesomediterráneas, onde medra entre rochedos xistosos do tipo «Ollo de sapo», expostos ao sur nas encostas cultivadas de viñedo que caen ao río Sil.

A presenza desta especie en Galicia é outro dos exemplos de rarezas bioxeográficas que sitúan a Galicia como albergue de especies de flora de carácter mediterráneo claramente termófilo, capaces de desenvolver no noroeste ibérico unha poboación finícola, chamativamente separada dos conxuntos poboacionais máis próximos.

O 21 de setembro de 2010, a Universidade de Santiago de Compostela solicitoulle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a inclusión do fento Cheilanthes guanchica C. Bolle no Catálogo galego de especies ameazadas.

Os membros do Observatorio Galego da Biodiversidade, na súa reunión do 21 de decembro de 2010, foron consultados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza ao respecto desa proposta de catalogación e, tras avaliar a documentación complementaria achegada polo solicitante, valoraron positivamente a proposta.

Considerando que, en función da información científico-técnica dispoñible ao respecto na Dirección Xeral de Conservación da Natureza e segundo o ditame do Observatorio Galego da Biodiversidade, a especie presenta unha situación de ameaza e necesidade de medidas de protección específicas definidas segundo os criterios recollidos no artigo 6.2 e no anexo V do Decreto 88/2007, do 9 de maio, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza resolveu iniciar con data do 12.12.2013 o procedemento de inclusión da especie Cheilanthes guanchica C. Bolle na categoría de en perigo de extinción do Catálogo galego de especies ameazadas.

Igualmente, e de conformidade co artigo 8 do Decreto 88/2007, do 19 de abril, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza elaborou unha memoria técnica xustificativa, na cal resultou suficientemente acreditada a situación de ameaza desta especie, o que motiva a presente catalogación.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Inclusión no Catálogo galego de especies ameazadas, na categoría de en perigo de extinción.

Inclúese a especie Cheilanthes guanchica C. Bolle no anexo I, taxons e poboacións catalogadas en perigo de extinción, do Decreto 88/2007, do 9 de maio, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas