Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2014 Páx. 22099

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2014 pola que se convoca o Curso de rehabilitación, renovación e rexeneración urbana en Galicia: métodos, accións, xestión e aplicación do novo Plan 2013-2016.

Conforme os fins que lle encomenda a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Estudos do Territorio (IET), convoca o Curso de rehabilitación, renovación e rexeneración urbana en Galicia: métodos, accións, xestión e aplicación do novo Plan 2013-2016.

1. Obxectivos.

– Transmitir a necesidade da renovación e rehabilitación urbana como alternativa ao modelo de crecemento urbano sen límites.

– Dar a coñecer unha metodoloxía exitosa na elaboración das memorias-programa para a petición das ARI.

– Mostrar como conseguir unha xestión eficiente dos programas de rehabilitación para lograr que se poidan levar a cabo con éxito, tanto desde unha perspectiva da protección patrimonial como da solución ás problemáticas nas vivendas que necesitan rehabilitación.

– Coñecer principios básicos dos sistemas de información xeográfica para o seu emprego como ferramenta xustificativa da necesidade da rehabilitación e como recurso na xestión da recuperación urbana.

– Transmitir criterios baseados na experiencia na elaboración de ordenanzas e bases de axudas públicas para a revitalización e rehabilitación de áreas urbanas.

– Coñecer as disposicións do novo Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

2. Contido.

No curso trataranse os seguintes temas:

– A necesidade da recuperación do espazo construído. Medidas para lograr a recuperación demográfica dos núcleos históricos e dos sectores urbanos en proceso de degradación social e ambiental. A rehabilitación e rexeneración como instrumento para a recuperación social, funcional e física dos espazos construídos.

– Os sistemas de información xeográfica e as novas tecnoloxías para o tratamento da información do territorio.

– Os sistemas de información xeográfica como ferramenta para a elaboración das memorias-programa das ARI e a xestión da rehabilitación.

– A promoción pública da rehabilitación. As áreas de rehabilitación urbana en Galicia.

– O novo Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas (2013-2016).

– Repensar a cidade. Estratexias de microintervencións sobre a cidade construída.

– Metodoloxía de recolla de información, creación de bases de datos, xeorreferenciación e conclusións na investigación sobre rexeneración e renovación urbanas.

– Criterios de intervención desde o punto de vista da protección patrimonial nos núcleos históricos e no resto do espazo urbano.

– «Pensar a cidade: desde a creatividade á innovación urbana».

– A ARI do núcleo histórico de Muros.

– A xestión da rehabilitación na cidade de Santiago (I): a ARI de Vista Alegre. Análise do proceso de implantación do programa.

– As intervencións de renovación e rehabilitación no espazo público en Santiago de Compostela: un exemplo a seguir.

– A xestión da rehabilitación na cidade de Santiago (II). Criterios para o acceso ás axudas. Ordenanzas que as regulan.

– A rehabilitación de vivendas, mantemento e intervención en elementos catalogados no núcleo histórico de Santiago de Compostela.

– «A Pedra que pisas», iniciativas do Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción de Galicia para a formación de traballadores, empresas e técnicos na conservación e mantemento dos pavimentos enlousados de Compostela.

– Repensando a mobilidade nos espazos de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana.

– A rehabilitación nas vilas: o exemplo de Mondoñedo.

– Rehabilitación e renovación urbana en Santiago de Compostela.

– Intervencións de rehabilitación e renovación en espazos singulares. Os casos de Sabarís en Baiona e Moimenta en Boiro.

3. Prazas: 40.

4. Destinatarios.

4.1. O 75 % das prazas (30) teñen como destinatarios os empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto da autonómica como da local e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

4.1.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.1.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

Este curso valorarase con 0,40 puntos a aqueles alumnos que sexan considerados aptos cando finalice e, polo tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do previsto na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2009).

4.2. Poderán optar ao 25 % restante das prazas (10) os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos.

As prazas de calquera dos grupos que non se cubran na súa totalidade acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de cen euros (100 €) para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1 e que, ademais, no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas directamente co curso.

5.2. O importe da matrícula é de douscentos cincuenta euros (250 €) para os demais solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.2.

O pagamento da matrícula deberá efectuarse dentro dos cinco días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro do prazo marcado, perderán a súa condición de alumnos deste curso.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscrición será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará, na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo:

http://egap.xunta.es/cursoRehabilitacion

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

8.1. Se os peticionarios son os referidos no número 4.1:

8.1.1. Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

8.1.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.2. Se os peticionarios son os referidos no número 4.2:

8.2.1. Orixinal ou copia debidamente cotexada do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

8.2.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentándose a documentación exixida numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos suporá a non valoración destes.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para o efecto cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Para os solicitantes incluídos no número 4.1, valoraranse:

9.1.1. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.1.2. Formación:

9.1.2.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.1.2.2. Formación impartida:

a) Ensinos oficiais universitarios.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.1.3. Outros méritos:

9.1.3.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionadas coa materia do curso.

9.1.3.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentándose a documentación exixida numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos suporá a non valoración destes.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

9.2. Para os solicitantes incluídos no número 4.2, valoraranse:

9.2.1. Experiencia profesional. Terán prioridade aqueles solicitantes que acrediten mediante certificación emitida polo organismo ou entidade contratante e/ou, se é o caso, mediante copia do contrato, que a súa actividade profesional actual ten relación directa coa materia do curso. Para estes efectos consideraranse como méritos destacados os seguintes:

9.2.1.1. Ser membro das oficinas de rehabilitación.

9.2.1.2. Contratos con institucións ou entidades públicas ou privadas que acrediten actividade relacionada co obxecto do curso. Neste caso deberá acreditarse a data de inicio e finalización do contrato.

9.2.1.3. Ditames ou informes que teñan como obxecto principal cuestións relacionadas con temas de rehabilitación, vivenda ou urbanismo.

9.2.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.2.3. Formación:

9.2.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos de entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.2.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.2.4. Outros méritos.

9.2.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.2.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se poidan suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia para cubrir as posibles vacantes de persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas.

12. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela, os luns, martes e mércores, entre o 9 de xuño e o 9 de xullo de 2014, das 16.00 ás 20.00 horas.

Terá unha duración de 50 horas de docencia presencial, en aulas teórico-prácticas.

13. Renuncia, asistencia e puntualidade.

13.1. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 30.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

13.2. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

14. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán superar un exame en que deberán responder a cuestións de aplicación directa dos coñecementos adquiridos en relación a espazos concretos (como aplicar e xestionar nunha ARI, como realizar a memoria programa, etc.).

15. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e resolver as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso así como a de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización).

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o seu desenvolvemento.

A realización deste curso queda condicionada á formalización das matrículas, así como ao pagamento destas. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública