Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2014 Páx. 23022

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2014

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión celebrada o día 26 de marzo de 2014, adoptou o seguinte acordo:

De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído por Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do día 1 de outubro de 2013, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación co artigo 28.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ambas as partes as consideran solucionadas, sobre a base das seguintes consideracións:

1º Ambas as partes coinciden en que o artigo 28.3 da citada Lei de Galicia 8/2013 debe ser interpretado no sentido de que o devandito precepto se refire aos supostos en que, conforme o noso ordenamento xurídico, proceda un convenio con acordo do administrado, e sen que, en ningún caso, poidan entenderse afectadas ou alteradas as normas estatais sobre valoración do solo.

2º En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación co artigo 28.3 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia.

3º Comunicar este Acordo ao Tribunal Constitucional por calquera dos órganos mencionados no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, para os efectos que no propio precepto se establecen, así como inserir o presente Acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 2 de abril de 2014

Cristóbal Montoro Romero Alfonso Rueda Valenzuela
Ministro de Facenda Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
e Administracións Públicas Administracións Públicas e Xustiza