Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 2014 Páx. 23387

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (SI427A).

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece, no seu artigo 3, que a protección da maternidade é unha necesidade social que os poderes públicos galegos asumen e recoñecen politicamente, e sendo a maternidade un ben insubstituíble, todas as cargas e coidados que supón, a gravidez, o parto, a crianza, a socialización dos fillos e fillas, deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres.

Así mesmo, no artigo 28 desta lei establécese que a Xunta de Galicia adoptará dentro das súas competencias as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de exclusión social, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais, todo iso no ámbito do compromiso básico da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

A Secretaría Xeral da Igualdade, segundo dispón o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero. Incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Con base nas ditas competencias, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario colaborar e cooperar no desenvolvemento de actuacións das entidades de iniciativa social que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos e, en cumprimento do establecido na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, considera tamén necesario desenvolver programas específicos de apoio á protección da organización familiar, prestando especial atención ás mulleres novas embarazadas, en situación de risco de exclusión derivada da súa situación socioeconómica, formativa ou cultural, promovendo que estas poidan adquirir os medios e os recursos que lles permitan participar en pé de igualdade na sociedade, podendo conciliar o dereito á maternidade coa educación e a familia e facer fronte así a unha dobre discriminación: unha, a que radica no feito de ser muller, e outra, o embarazo, que reduce aínda máis as posibilidades de se integrar no mercado de traballo.

Dentro deste marco de actuación, a presente convocatoria vai dirixida ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, inscritas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, coa finalidade de contribuír aos gastos correntes e de persoal, contratación de profesionais de acción social para programas e recursos integrais para mulleres e para programas de centros de atención especializada a mulleres, e para gastos de investimento en equipamento e execución de obras de mellora e acondicionamento, todo iso co obxectivo prioritario da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

En consecuencia, a finalidade desta medida de apoio correspóndese directamente cos obxectivos que deben perseguir todas aquelas accións que se desenvolvan, ou sexan susceptibles de inclusión, no marco do eixo 2, tema prioritario 71, do Programa operativo FSE-Galicia 2007-2013, motivo polo cal o orzamento establecido nesta resolución conta cun cofinanciamento do Fondo Social Europeo do 80 % para as axudas e subvencións que se inclúan no ámbito desta convocatoria.

Como novidade e no marco de axuda ás entidades de iniciativa social mencionadas, para o ano 2014 incorpórase unha nova liña dirixida ao financiamento de investimentos das entidades a través de equipamento, obras de mellora ou acondicionamento, cofinanciadas nun 80 % con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e nun 20 % con cargo a fondos FCI. Estes fondos Feder están incluídos no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 6 «infraestruturas sociais», tema prioritario 79, «outras infraestruturas sociais», actuación 1, que ten como referencia, entre outras, a igualdade entre mulleres e homes mediante axudas para infraestruturas sociais.

Neste sentido, cómpre sinalar que o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes -Estratexia 2013-2015, aprobado polo Goberno galego o 14 de febreiro de 2013, establece como obxectivo xeral avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia, fixando ademais como un dos seus obxectivos estratéxicos dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas.

O procedemento para a concesión de subvencións a través desta resolución seguirá o réxime xeral de concorrencia competitiva, tendo en conta, en todo caso, os principios básicos de publicidade, transparencia e obxectividade; adaptarase en todo o procedemento ao establecido na normativa autonómica e na estatal e comunitaria de aplicación, con especial atención aos regulamentos comunitarios que regulan a xestión de fondos estruturais.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 80 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liñas de axuda

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria polas que se rexerá a concesión de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2. As axudas terán como finalidade a realización dos seguintes programas:

A) Liña 1: programas de recursos integrais para mulleres e programa de mantemento de centros. Esta liña poderá financiar os gastos correntes e de persoal e a contratación de profesionais de acción social, sempre que se trate de gastos imputables aos referidos programas.

B) Liña 2: programa de investimento. Esta liña poderá financiar os gastos que precisen realizar para investimento en equipamento e en execución de obras de mellora e acondicionamento das súas sedes ou locais de traballo.

3. As entidades poderán solicitar subvención para unha soa das liñas ou para ambas as dúas.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para as subvencións da liña 1 destinarase un orzamento total de 543.541,00 euros que se imputará á aplicación orzamentaria que se indica, estando cofinanciada ao 80 % con fondos FSE do Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 71.

Aplicación

Código proxecto

Importe

05.11.313B.481.2

2014 00164

543.541,00 euros

2. Para as subvencións da liña 2 destinarase un orzamento total de 425.000,00 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria que se indica, e que está cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 6, tema prioritario 79.

Aplicación

Código proxecto

Importe

05.11.313B.781.0

2014 00172

425.000,00 euros

3. O total dos créditos destinados ás subvencións obxecto desta convocatoria é de 968.541,00 euros.

4. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito e cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade de axudas públicas

Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o custo das accións subvencionadas.

Non obstante o anterior, de acordo co artigo 54.5º do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, os gastos cofinanciados polos Fondos no poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario, polo que os gastos de FSE non poderán cofinanciarse con outros instrumentos financeiros comunitarios, a excepción do propio FSE, e os gastos do Feder tampouco poderán cofinanciarse con outros instrumentos financeiros comunitarios a excepción do propio Feder.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das accións reguladas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter esta condición, con carácter xeral, aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable do/a interesado/a.

Artigo 5. Liña 1: programas de recursos integrais para mulleres e programa de mantemento de centros

Será subvencionable na liña 1 a realización de actuacións, integramente na Comunidade Autónoma de Galicia, dos seguintes tipos de programas:

a) Programa de mantemento de centros de atención especializada a mulleres (centros de acollida, centros de día) nos cales se ofrece asistencia básica (aloxamento, manutención) e que poderá incluír programas ou actuacións de apoio ás mulleres en situación de exclusión especial.

b) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos e/ou fillas menores de tres anos que conteñan actuacións dos tipos que se indican e semellantes:

– De información sobre recursos existentes para elas e os seus fillos e fillas.

– De acompañamento social con medidas de apoio psicolóxico para superación de cargas emocionais provocadas pola situación de embarazo ou maternidade.

– De orientación, asesoramento e busca de emprego.

– De adquisición de competencias persoais e sociais adaptadas para a inserción laboral e para afrontar a nova situación persoal.

– De medidas de apoio urxente.

c) Programa de recursos integrais de axuda para mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social (reclusas, ex-reclusas, drogodependentes).

d) Programa de recursos integrais de apoio a mulleres en situación de especial protección (anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, pertencentes a minorías étnicas).

e) Programa de recursos integrais de apoio e acompañamento dirixidos a vítimas de violencia de xénero.

f) Aqueloutros que se definan para mulleres en situación de especial discriminación ou desigualdade susceptibles de inclusión no ámbito desta resolución.

Artigo 6. Liña 1: número máximo de programas que se poden solicitar e subvención máxima

1. Cada entidade só poderá solicitar un programa dos referidos no artigo anterior.

Cando as actuacións do programa teñan conexión con posibles actuacións doutros programas, consideraranse as accións principais para catalogalo. Cando isto non sexa posible, ou soliciten máis dun programa, poñerase de manifesto á entidade para que adapte a súa solicitude.

2. A subvención máxima total que poderá recibir unha entidade para os programas da liña 1 será de 35.000,00 euros.

Artigo 7. Liña 1: obriga de execución e xustificación do orzamento presentado, orzamentos máximos que hai que presentar, período de referencia e concreción da imputación do gasto

1. As entidades estarán obrigadas a executar e xustificar o importe total do orzamento presentado; procedendo en caso contrario, a minoración da subvención ou a perda de dereito desta.

2. O orzamento máximo que unha entidade poderá presentar para o programa na liña 1 é de 50.000,00 euros. Cando se trate de programas anuais globais ou similares que pola súa propia natureza poidan exceder o dito orzamento, a entidade deberá concretar a parte do programa global para a cal presenta o proxecto concreto xunto co seu orzamento, que non excederá o importe antes referido, sen prexuízo de que na memoria de xustificación acredite a execución global do proxecto.

Cando o orzamento presentado sexa superior ao máximo permitido, o órgano instrutor requirirá a entidade para que reaxuste o seu orzamento.

3. O período de referencia temporal para a determinación da subvención é de doce meses anteriores ao mes de decembro do exercicio da convocatoria.

4. O proxecto presentado para obter a subvención, xunto co seu orzamento, deberá especificar de xeito preciso a imputación dos gastos ao programa.

Artigo 8. Liña 1: tipos de axuda, contías e gastos subvencionables

1. Os programas establecidos no artigo 5 poden optar aos dous tipos de axuda. Cada entidade só poderá solicitar un programa, sendo o orzamento máximo de 50.000,00 euros.

As entidades poderán recibir como máximo na liña 1, por todos os tipos de axuda, a cantidade de 35.000,00 euros.

2. Os tipos de axuda e contías que se establecen para os programas obxecto de subvención son:

a) Subvención para gastos correntes e de persoal, tales como soldos, cotas á Seguridade Social, material de oficina non inventariable, material funxible e específico, subministracións de auga, luz, teléfono; vestiario, alimentos, limpeza, alugamentos e similares.

b) Subvención para o fomento da contratación de profesionais da acción social (educadores/as, traballadoras/es sociais, técnicas/os en integración social, axentes de igualdade, etc.) que deberán estar especificamente contratados e directamente adscritos ao programa subvencionado. As contías máximas para esta subvención serán:

b.1. Ata 25.000,00 euros, por cada contrato laboral a tempo completo por un período mínimo de 12 meses pertencente ás categorías ou grupos profesionais I e II. Cando sexa a tempo parcial, ata 15.000,00 euros.

b.2. Ata 10.000,00 euros, por cada contrato laboral a tempo completo por un período mínimo de 6 meses pertencente ás categorías ou grupos profesionais I e II. Cando sexa a tempo parcial, ata 5.000,00 euros.

3. Estes gastos deberán estar efectivamente realizados e pagados no período establecido e estar vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. No caso de imputación parcial de gastos, a entidade deberá acreditar o criterio que estableza para o cálculo da porcentaxe ou contía imputada ao programa, de acordo cun método xusto e equitativo.

4. Cando non sexa posible determinar o importe concreto de axuda para cada tipo, o órgano concedente indicará o importe concreto de subvención a que queda vinculado cada tipo de axuda.

5. Para os efectos desta subvención, non se considera subvencionable ningún outro gasto non determinado expresamente neste artigo; ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación e ningún gasto que, incluso tendo natureza de gasto subvencionable, non sexa posible determinar o seu alcance, ou sobre o que non se achegue documentación económica completa conforme o establecido nestas bases.

Artigo 9. Liña 2: programa de investimento para as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes gastos derivados do investimento que precisen realizar, integramente na Comunidade Autónoma de Galicia, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro:

a) Adquisición de equipamento, mobiliario e equipamentos de oficina.

b) Adquisición de equipamento informático (ordenadores, monitores, impresoras, etc.)

c) Obras de mellora ou acondicionamento da súa sede ou locais de traballo, sempre que sexan propietarias ou usufrutuarias, arrendatarias por un mínimo de cinco anos, ou ben posúan un título que lles permita o uso do local polo dito período, contado desde o 30 de novembro de 2014, para o cal o contrato ou título deberá ter vixencia cando menos ata o 30 de novembro de 2019.

2. Non serán subvencionables como gasto de investimento as obras de mera reparación, mantenemento ou a conservación, tales como pintar, limpar, etc.

Así mesmo, non serán subvencionables os gastos de material para o normal funcionamento dos equipamentos informáticos, ofimáticos, transmisión e outros, adquisición de soportes de memoria externos e de gravación en xeral, paquetes estándar de software, etc.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feder, en ningún caso serán subvencionables os gastos que reúnan algunha das seguintes características: ser bens funxibles, non ser susceptibles de inclusión en inventario, ser gastos previsiblemente reiterativos, os gastos non subvencionables relacionados nas normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o Fondo de Cohesión, aprobadas pola Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro.

Artigo 10. Liña 2: período temporal de execución dos investimentos

Só serán subvencionables os investimentos realizados polas entidades no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de finalización da xustificación establecida no artigo 27 desta resolución.

Artigo 11. Liña: 2: orzamento máximo que hai que presentar e subvención máxima

1. O orzamento máximo que unha entidade poderá presentar para a liña 2 será de 25.000,00 euros. Cando o orzamento presentado sexa superior ao máximo permitido, o órgano instrutor requirirá a entidade para que reaxuste o seu orzamento.

2. A subvención máxima para investimentos na liña 2 será de 20.000,00 euros por entidade.

3. O proxecto presentado polas entidades para obter a subvención, xunto co seu orzamento, deberá especificar a xustificación da necesidade do investimento.

Artigo 12. Liña 1 e liña 2: obriga de execución e xustificación da subvención de acordo co orzamento presentado

1. As entidades beneficiarias das subvencións están obrigadas a cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. As entidades beneficiarias das subvencións quedan vinculadas á execución e xustificación das actuacións subvencionadas de conformidade co especificado nas memorias e/ou proxectos presentados e nos orzamentos que os integran, que terán o nivel de detalle suficiente.

3. En caso contrario procederá a minoración da subvención ou a perda de dereito desta.

Artigo 13. Liña 1 e liña 2: redución proporcional da subvención na xustificación

1. O importe da subvención será determinado pola comisión de valoración con base no orzamento elixible presentado, que non poderá superar os 50.000,00 euros para a liña 1 e os 25.000,00 euros para a liña 2, de acordo coa puntuación obtida na fase de valoración e co máximo das contías establecidas na convocatoria e/ou cantidade solicitada. Procederá a minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento elixible executado e xustificado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, manténdose constante a porcentaxe de concesión.

2. O pagamento da subvención realizarase aplicando a porcentaxe real de concesión sobre o orzamento elixible xustificado co máximo do importe subvencionado.

3. Todo iso, sen prexuízo da obriga da entidade de executar o proxecto presentado e sempre que non exista unha execución deficiente do proxecto e que a entidade beneficiaria da subvención cumpra o resto das condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 14. Liña 1 e liña 2: necesidade de solicitar tres ofertas cando o contrato, subministro ou servizo teñan un importe igual ou superior aos 18.000 euros máis IVE ou aos 50.000 euros máis IVE en obras

Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 15. Liña 1 e liña 2: obrigas de publicidade e información

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Todas as entidades beneficiarias, con independencia da contía do proxecto subvencionado, do importe da subvención concedida, da tipoloxía ou do número de actuacións que integran o proxecto subvencionado, estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, números 1 e 2, do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

3. Aqueles proxectos que inclúan varias actuacións deberán cumprir as obrigas de publicidade en todas e cada unha das devanditas actuacións, polo que a entidade beneficiaria procederá á colocación, en todos os lugares en que as actuacións se desenvolvan, dos respectivos carteis informativos e/ou da placa explicativa permanente e/ou adhesivo, segundo corresponda.

4. Liña 1: nas actuacións subvencionadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

5. Liña 2: nas actuacións subvencionadas cofinanciadas polo Feder, ademais do establecido no número 4 anterior, relativo á obriga de colocación do cartel informativo, a entidade beneficiaria está obrigada a:

a) Cando se trate de obras, á colocación dunha placa explicativa permanente no lugar onde se desenvolva o proxecto de acordo co modelo que se estableza na páxina web oficial coas características, logos e lendas de obrigada inclusión.

b) No caso de tratarse de equipamento, mobiliario etc., deberá colocarse unha adhesivo de acordo co modelo que estableza na páxina web do órgano concedente.

6. Cando o proxecto se publicite nun sitio da internet, deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio; cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dese lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom), deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

7. En todas as actuacións levadas a cabo pola entidade beneficiaria deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, fondos Feder ou FSE, segundo proceda, e da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Secretaría Xeral da Igualdade). No cumprimento desta obriga, as entidades beneficiarias coidarán especialmente de que en toda a documentación relacionada coa execución do proxecto subvencionado se utilicen as medidas de información e publicidade indicadas.

8. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de entidades beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo  3.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 16. Lugar, prazo e documentación para a presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Documentación común para ambas as dúas liñas:

a) Anexo I: solicitude.

b) Anexo II: certificación do/a secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención.

c) Documentación acreditativa de representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

d) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación, etc.), presentarase certificación orixinal da/o secretaria/o, co visto e prace da/o presidenta/e, ou órganos similares, acreditativa das asociacións ou federacións integradas, especificando o nome, NIF, número asignado no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de igualdade, e número de socias de cada unha delas.

4. Documentación específica para a liña 1:

a) Anexo III-I: liña 1: orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención.

b) Anexo IV: liña 1: declaración das actuacións relacionadas co obxecto desta solicitude realizadas pola entidade nos últimos dous anos, en que conste a denominación da actividade, a descrición do seu contido, o lugar e as datas de realización, o número de horas e número de participantes, as entidades implicadas no seu desenvolvemento, de ser o caso, e a valoración dos obxectivos conseguidos.

c) Anexo V: liña 1: para o caso de axuda para a contratación de profesionais de acción social, certificación relativa ao custo salarial, coas súas especificacións, de cada posto de traballo para profesionais da acción social, que reflectirá, como mínimo, o tipo de contrato, o grupo ou categoría profesional, os requisitos e titulacións exixidas e data de alta na Seguridade Social, retribucións básicas e complementarias e cotizacións sociais.

d) Memoria explicativa, asinada, do funcionamento do centro e/ou do programa integral para o que se solicita a axuda, definida para un período máximo de doce meses, elaborada nun documento cunha extensión non superior a dez páxinas e baixo o seguinte índice:

1. Fundamentación do programa solicitado (con expresión das necesidades que se pretende cubrir e da conveniencia da realización das actuacións previstas).

2. Destinatarias, con indicación do número de beneficiarias e do procedemento de selección e da documentación exixida ao respecto.

3. Ámbito territorial xeral da entidade e concreción do ámbito onde se desenvolve o programa.

4. Obxectivos.

5. Dedicación exclusiva ou non ao desenvolvemento de recursos similares ao solicitado.

6. Descrición da acción (contidos, metodoloxía, persoas responsables).

7. Sistema de avaliación.

8. Calendario (data de inicio e finalización e duración de cada actuación das que conformen o recurso).

9. Recursos materiais para o programa solicitado.

10. Recursos humanos para o programa solicitado.

11. Recursos económicos, establecido por partidas, para o programa solicitado e concreción da imputación de custos que se realiza ao programa e o seu financiamento:

– Cando se trate de gastos xerais como luz, teléfono, auga, alugamento, limpeza, seguros, etc. deberá concretarse a parte proporcional que se pretende imputar ao programa e o método de cálculo establecido para cada un dos conceptos.

– Nos gastos xerais de persoal, deberá especificarse o número de horas e a imputación concreta dos custos ao programa, o método de cálculo, o período de contrato/servizo e a adscrición ao programa subvencionado. Debe xuntarse unha resolución expresa, asinada polo/a representante legal da entidade, acreditativa da adscrición do persoal ao programa, coa descrición das tarefas concretas que se van desempeñar e o tempo que se destinará a elas.

– Nos gastos de contratación de profesionais de acción social, deberá concretarse o período de contratación e a adscrición ao programa subvencionado, ben no propio contrato, ben a través dunha resolución expresa, asinada polo/a representante legal da entidade, acreditativa da adscrición do persoal ao programa, coa descrición das tarefas concretas que se van desempeñar e o tempo que se destinará a elas.

A memoria deberá concretar especificamente a/s actuación/s proposta/s para a que solicita subvención de acordo co orzamento máximo permitido (artigo 7.2) e co orzamento que se poderá imputar ao programa.

e) Outra documentación que a entidade considere de interese para a valoración da solicitude.

5. Documentación específica para a liña 2:

a) Anexo III-II: liña 2: orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención.

b) Memoria explicativa, asinada, xustificativa da necesidade de realizar o investimento en equipamento ou en obra, considerando que só é subvencionable o investimento que se execute entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de xustificación, co seguinte contido mínimo:

1. Descrición do funcionamento xeral da entidade.

2. Fundamentación ou xustificación e/ou obxectivos do investimento e necesidades que se pretenden cubrir.

3. Número de destinatarias ou beneficiarias e persoas afiliadas á entidade, desagregado por sexo (mulleres e homes).

4. Ámbito territorial xeral da entidade e concreción do ámbito de realización dos investimentos.

5. Orzamento detallado do investimento e o seu financiamento (subvencións, fondos propios, etc.).

c) Certificado da/o secretaria/o da entidade do número total de persoas afiliadas desagregadas por sexo (mulleres e homes). Cando englobe varias asociacións ou a outras entidades, desagregarase por asociación ou entidades.

d) Cando se trate da execución de obras de mellora ou acondicionamento da súa sede ou locais de traballo, achegarase título de propiedade ou usufruto ou contrato de alugamento por un mínimo de cinco anos, ou ben título que lles permita o uso do local polo dito período contado desde o 30 de novembro de 2014, para o cal o contrato ou título deberá ter vixencia cando menos ata o 30 de novembro de 2019.

6. A Secretaría Xeral da Igualdade reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

7. As entidades observarán as especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando os anexos normalizados para os documentos especificados neste artigo, estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscadas. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe achegar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións, ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivamento e dixitalización da documentación, e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Cando da actuación de oficio resulte que a entidade solicitante ou beneficiaria non se atopa ao día das súas obrigas tributarias e sociais, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante, que se presentará xunto coa solicitude.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 18. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 19.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, procedéndose ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria.

Artigo 19. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 20, de determinar o orzamento elixible en cada caso, así como de emitir un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

Vogais: o/a xefe/a de servizo de Fomento, o/a xefe/a de servizo de Planificación e Programación, o/a xefe/a de servizo de Promoción e Cooperación Institucional e o/a xefe/a de servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

Secretaria/o: exercerá a secretaría da comisión un/unha dos/as vogais anteriormente sinalados/as.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 20, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible cando sexa posible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo. Cando os prazos non permitan novas adxudicacións, poderase liberar o crédito.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, para o caso de que concorran entidades integradas noutras de segundo nivel con solicitudes para o desenvolvemento de programas análogos, similares ou confluentes, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o que a comisión de valoración proporá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación da restante ou restantes.

Artigo 20. Criterios de valoración

Os criterios que servirán de base para a determinación da puntuación serán os seguintes:

1. Liña 1: programas de recursos integrais para mulleres e programa de mantemento de centros.

a) Número de destinatarias: ata 20 puntos:

1. Máis de 50 mulleres participantes, ata 20 puntos.

2. Entre 25 e 50 mulleres participantes, ata 12 puntos.

3. Menos de 25 mulleres participantes, ata 8 puntos.

b) Temporización do desenvolvemento do programa: ata 15 puntos:

1. Programa de desenvolvemento permanente, ata 15 puntos.

2. Duración ininterrompida entre 9 e 12 meses, ata10 puntos.

3. Duración ininterrompida entre 6 e 9 meses, ata 8 puntos.

4. Duración inferior a 6 meses, ata 5 puntos.

c) Calidade do proxecto: ata 30 puntos:

1. Deseño: ata 15 puntos. Valorarase o grao de concreción do programa segundo o reflectido na memoria: descrición clara das accións que o conforman, das súas fases e temporización, así como dos recursos económicos e humanos necesarios en cada unha das accións e fases.

2. Fundamentación: ata 8 puntos. Valorarase o grao de concreción das necesidades que se pretenden cubrir, así como a xustificación da conveniencia da realización do programa, segundo o reflectido na memoria.

3. Obxectivos: ata 7 puntos. Valorarase o grao de concreción dos obxectivos xerais e específicos de cada acción segundo o reflectido na memoria.

d) Achega de recursos económicos ao proxecto: ata 15 puntos:

1. Achega superior ao 60 % do custo do proxecto, ata 15 puntos.

2. Achega entre o 51 % e o 60 % do custo do proxecto, ata 13 puntos.

3. Achega entre o 41 % e o 50 % do custo do proxecto, ata 11 puntos.

4. Achega entre o 31 % e o 40 % do custo do proxecto, ata 9 puntos.

5. Achega entre o 21 % e o 30 % do custo do proxecto, ata 7 puntos.

6. Achega ata o 20 % do custo do proxecto, ata 5 puntos.

e) Localización do proxecto: ata 15 puntos:

1. Proxecto desenvolvido en establecementos pechados (hospitais, penitenciarías, centros de acollida, de día, de recuperación, ou similares): ata 15 puntos.

2. Proxecto desenvolvido en zonas rurais (concellos con densidade de poboación inferior a 150 hab./km2): ata 10 puntos.

f) Entidade dedicada exclusivamente ao desenvolvemento de recursos similares ao solicitado: 5 puntos.

2. Liña 2: programas de investimentos.

a) Número total de persoas afiliadas á entidade e número de mulleres: ata 35 puntos:

– Segundo o número total de persoas: ata 15 puntos.

– Segundo o número total de mulleres afiliadas: ata 20 puntos.

b) Achega de recursos económicos ao proxecto: ata 15 puntos:

1. Achega superior ao 60 % do custo do proxecto, ata 15 puntos.

2. Achega entre o 51 % e o 60 % do custo do proxecto, ata 13 puntos.

3. Achega entre o 41 % e o 50 % do custo do proxecto, ata 11 puntos.

4. Achega entre o 31 % e o 40 % do custo do proxecto, ata 9 puntos.

5. Achega entre o 21 % e o 30 % do custo do proxecto, ata 7 puntos.

6. Achega ata o 20 % do custo do proxecto, ata 5 puntos.

c) Calidade do proxecto: máximo ata 30 puntos:

1. Fundamentación: ata 15 puntos. Valorarase o grao de concreción das necesidades que se pretenden cubrir, así como a xustificación da conveniencia da realización dos investimentos, segundo o reflectido na memoria.

2. Obxectivos: ata 15 puntos. Valorarase o grao de concreción dos obxectivos xerais e específicos da actuación segundo o reflectido na memoria.

d) Ámbito territorial de actuación da entidade: ata 20 puntos:

1. Ámbito da Comunidade Autónoma: 20 puntos.

2. Ámbito provincial: 15 puntos.

3. Ámbito comarcal: 10 puntos.

4. Ámbito local: 5 puntos.

Artigo 21. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade. A resolución indicará a entidade solicitante ou a relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención, os compromisos das entidades beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada, o fondo europeo, eixe, categoría de gasto e porcentaxe de financiamento correspondente, a compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas, os prazos e formas de xustificación e os prazos e modos de pagamento; así mesmo, indicará, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes coa motivación sucinta da mesma.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, a solicitude supón a autorización ao órgano instrutor para pedir os correspondentes certificados.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade, e nos cinco días seguintes á notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, a notificación de todas as resolucións realizarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, as axudas concedidas, indicando a beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da axuda outorgada. Así mesmo, indicaranse as solicitudes denegadas con indicación sucinta da causa. Non obstante, o órgano competente para resolver poderá acordar a práctica da notificación individual en substitución da publicación das resolucións correspondentes.

5. Na resolución de concesión as beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 23. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención.

2. Acreditar ante o órgano concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

3. As entidades deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta resolución, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos gastos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

4. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, así como ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

7. Facilitarlle ao persoal asignado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para a verificación do cumprimento do disposto nestas bases, o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de subcontratación, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitar ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas.

8. Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Reintegrar total ou parcialmente o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados, nos termos establecidos no artigo 30 desta resolución.

10. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. A publicidade realizarase segundo o disposto no artigo 15 destas bases e no lugar onde se leven a cabo as accións correspondentes aos proxectos subvencionados deberá figurar, de forma visible para o público en xeral, un cartel informativo, placa permanente, adhesivo ou as outras medidas, segundo os casos, coas especificacións que fixa o dito artigo e sen prexuízo das demais obrigas.

11. Destinar os bens obxecto de subvención pola liña 2 ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos; procederase ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a súa natureza.

12. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 25. Subcontratación

1. Todo procedemento de subcontratación se desenvolverá de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, e as persoas subcontratistas quedan obrigadas a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. A entidade beneficiaria poderá subcontratar a execución de todas as actuacións nos termos da normativa vixente, excepto cando a actuación se deba executar mediante contrato laboral ou que da súa natureza non corresponda executala mediante subcontratación.

2. Os/as subcontratistas quedarán obrigadas/os soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nestas bases reguladoras en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

3. Os/as subcontratistas están obrigadas/os a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

4. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios/as ou asesores/as cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Artigo 26. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 27. Xustificación da subvención

Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e natureza destas subvencións, as entidades beneficiarias, para cobrar as subvencións concedidas, deberán presentar con data límite do 30 de novembro de 2014 a seguinte documentación, da que se achegará un único exemplar orixinal:

1. Documentación para xustificación da liña 1: programas de recursos integrais e programa de centros.

a) Anexo VI-I: liña 1: solicitude de cobramento.

b) Anexo VII-I: liña 1: certificación de gasto realizado; documento expedido polo órgano competente da entidade, acreditativa do gasto realizado no desenvolvemento do programa subvencionado que inclúe a relación de xustificantes de gasto, clasificada e ordenada conforme o orzamento da solicitude, na cal consten os importes que se imputan ao programa e incluída a data de pagamento.

As entidades beneficiarias que teñan que incluír un elevado número de xustificantes poden optar por presentar este certificado no formulario oficial publicado nesta resolución ou ben nun elaborado por elas adaptado ao volume de documentos; neste caso teñen que respectar exactamente o modelo sen excluír ningún dos datos nel exixidos, en caso contrario será rexeitado.

c) Anexo V: liña 1, para o caso das subvencións para contratación de profesionais de acción social, presentarase certificación do importe dos custos de persoal realizados (con desagregación de retribucións salariais e custos sociais) pola entidade no período subvencionable diferenciado por posto de traballo, acompañado do contrato de traballo vinculado á subvención.

d) Anexo VIII: declaración de axudas actualizada á data de xustificación.

e) No caso das subvencións para gastos correntes e de persoal e da contratación de profesionais de acción social, segundo proceda:

– Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos das actuacións, xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento, presentaranse ordenadas conforme a relación clasificada dos gastos certificados e a cada unha xuntarase o correspondente xustificante de pagamento.

– No caso das nóminas, acompañaranse dos orixinais dos seguros sociais e da retención á conta do IRPF xunto cos xustificantes bancarios que acrediten os seus pagamentos.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados, e asinados pola entidade beneficiaria da axuda.

f) No caso de gastos de persoal, certificación expresa, asinada polo/a representante legal da entidade e pola persoa traballadora de que se trate, acreditativa da adscrición do persoal ao programa subvencionado, coa descrición das tarefas concretas que foron desempeñadas e o tempo que se destinou a elas, acompañada, de ser o posible, dos correspondentes partes de traballo.

g) Na xustificación de gastos de desprazamentos é necesario presentar a orde de servizo asinada pola persoa responsable da entidade onde se indiquen o motivo do desprazamento, a data e o lugar, os datos de identidade da persoa que realiza o servizo, o seu custo co método de cálculo e o documento acreditativo do pagamento.

h) Memoria xustificativa, asinada, e en formato electrónico, da actuación realizada na cal se reflicta o cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención e que conteña unha explicación clara, completa e concisa das actividades levadas a cabo no desenvolvemento do recurso e dos resultados acadados como consecuencia da dita realización. Esta memoria deberá incluír os materiais didácticos e todos aqueloutros materiais, carteis, folletos, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complementa a xustificación da acción subvencionada.

Cando se trate do suposto previsto no artigo 7.2 de programas anuais globais ou similares cuxo orzamento excedese os 50.000,00 euros, a entidade deberá xustificar na memoria a execución completa do programa.

Á memoria xuntaráselle copia das enquisas de satisfacción cubertas polas mulleres beneficiarias das accións integradas do programa; estas enquisas deberán conter, como mínimo, os seguintes datos:

– Datos sobre o perfil das participantes: datos de idade coa seguinte desagregación: menos de 25/entre 25 e 54/maiores de 54.

– Datos do nivel de formación: primaria/secundaria obrigatoria ou equivalente/secundaria non obrigatoria ou equivalente/superior.

– Datos da situación laboral, desagregación mínima exixida: ocupada/desempregada/xubilada.

– Datos de situacións especiais, desagregación mínima exixida: inmigrante/discapacidade/minoría étnica/vítimas de violencia/outras.

– Datos da información sobre o FSE ofrecida pola entidade ás beneficiarias.

Así mesmo, como documento anexo á memoria, as entidades beneficiarias incluirán a relación de mulleres beneficiarias que conterá os datos de identidade e residencia.

i) Fotografías do lugar de realización da acción que reflictan claramente a exposición do cartel publicitario exixido no artigo 15.

j) Os gastos indirectos e xerais (luz, auga, etc.) presentaranse xunto co documento en que a entidade estableceu, de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas, o método, equitativo e xustificado, de rateo para a súa imputación con base no gasto real incorrido e na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a acción e sexan efectivamente necesarios para a súa execución, tendo en conta que as entidades son responsables da veracidade e exactitude dos custos xerais imputados, dos criterios de repartición empregados e de manter os rexistros e a documentación xustificativa soporte dos custos e dos cálculos a disposición dos órganos de control.

k) Acreditación da existencia dunha contabilidade separada, ou código de proxecto axeitado para os gastos financiados ao abeiro desta resolución: extracto da contabilidade que permita verificar como se contabilizaron os gastos vinculados ao programa. No caso de que a entidade, de acordo coa normativa aplicable, estea exenta de contabilidade, deberá achegar certificado do/a representante legal da entidade que acredite a dita exención.

l) Cando o programa fose financiado, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras axudas ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ao programa subvencionado.

m) Certificado da secretaría da entidade do cumprimento do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.

2. Documentación para xustificación da liña 2: programa de investimento.

a) Anexo VI-II: liña 2: solicitude de cobramento.

b) Anexo VII-II: liña 2: certificación de gasto realizado; documento expedido polo órgano competente da entidade, acreditativo do gasto realizado no desenvolvemento das actuacións subvencionadas que inclúe a relación de xustificantes de gasto, clasificada e ordenada conforme o orzamento da solicitude, na cal consten os importes que se imputan ao programa, incluída a data de pagamento.

c) Anexo VIII: declaración de axudas actualizada á data de xustificación.

d) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos investimentos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento, presentaranse ordenadas conforme a relación clasificada dos gastos certificados e a cada unha xuntarase o correspondente xustificante de pagamento.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda.

e) Memoria xustificativa, asinada e en formato electrónico, das actuacións realizadas na cal se reflicta o cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención. Esta memoria deberá incluír, se é o caso, os materiais didácticos e todos aqueloutros materiais, carteis, folletos, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complementa a xustificación da acción subvencionada.

f) Fotografías das obras executadas ou do equipamento adquirido e onde se aprecie a publicidade establecida no artigo 15.

g) Acreditación da existencia dunha contabilidade separada ou código de proxecto axeitado para os gastos financiados ao abeiro desta resolución: extracto da contabilidade que permita verificar como se contabilizaron os gastos vinculados ao proxecto. No caso de que a entidade, de acordo coa normativa aplicable, estea exenta de contabilidade, deberá achegar certificado do/a representante legal da entidade que acredite a dita exención.

h) Cando o programa fose financiado, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras axudas ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ao programa subvencionado.

i) Certificado da secretaría da entidade do cumprimento do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.

Artigo 28. Outros requisitos relativos á xustificación

1. Para os efectos do establecido nestas bases, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto da acción, que sexa axeitado aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (por exemplo: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede o prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e na Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican, así como na Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e fondos de cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo), e demais normativa de aplicación.

2. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, nas actuacións da liña 1 admitirase a acreditación de gastos realizados mediante tícket, como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. Non obstante, para os efectos de contar cunha pista de auditoría axeitada, a entidade beneficiaria deberá acreditar documentalmente o seu pagamento, e non se admitirán os pagamentos en metálico.

3. As facturas, documentos de valor probatorio equivalente e/ou documentos substitutivos presentaranse en orixinal para a súa conformidade e para seren selados, pola Secretaría Xeral da Igualdade, cun selo que indicará o procedemento para o cal se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada.

4. A xustificación do pagamento das facturas, documentos equivalentes e/ou substitutivos farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc., no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo na conta do dito cheque) en que consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas de que é obxecto.

5. As entidades beneficiarias deberán acreditar, na xustificación, de maneira documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) o cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

6. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 29. Pagamento

1. Una vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución. O 20 % restante, ou a parte que corresponda, libraranse logo da completa xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. Procederá a minoración do importe da subvención segundo o establecido no artigo 13 e demais normativa de aplicación.

5. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 30. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

d) O incumprimento da obriga de destinar os bens obxecto de subvención pola liña 2 ao fin concreto para o cal se concedeu a axuda durante un período mínimo de cinco anos dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

e) O incumprimento das obrigas establecidas nos números 3, 4 e 10 do artigo 24 desta resolución dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe do 20 % da totalidade da axuda percibida.

f) Calquera outro incumprimento das obrigas sinaladas na normativa reguladora da subvención dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

2. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entres públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

3. No suposto de incumprimento da obriga de execución e xustificación do orzamento presentado, aplicarase o disposto no artigo 13 desta resolución.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 31. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nestas bases.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, poderá realizar actuacións de comprobación material para verificar o cumprimento das condicións establecidas para as entidades beneficiarias. As comprobacións en todos os tipos de axuda incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan o cumprimento dos requisitos fixados nestas bases, nomeadamente nas contratacións, nomeamentos, tomas de posesión, altas na Seguridade Social ou mutualidades profesionais, efectividade dos pagamentos, das retencións á conta dos impostos correspondentes e dos seguros sociais, así como das obrigas sobre publicidade e información.

3. O persoal encargado da verificación redactará a acta da actuación de control, que asinará a entidade á que se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación, así como ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 32. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a igualdade@xunta.es

Artigo 33. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) núm. 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e na Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifica, así como na Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e fondos de cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo), e demais normativa de aplicación, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 34. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI427A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 981 54 53 51, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file