Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2014 Páx. 25368

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de enfermeiro/a especialista do traballo e enfermeiro/a especialista de saúde mental.

Mediante Resolución da Dirección de Recursos Humanos do 21 de setembro de 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 186, do 28 de setembro) abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, entre outras, nas categorías de enfermeiro/a especialista do traballo e enfermeiro/a especialista de saúde mental.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 31 de outubro de 2012 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Mediante Resolución do 25 de outubro de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 211, do 5 de novembro) publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as.

Finalizado o prazo de emenda previsto nesta resolución, esta dirección, de conformidade coa base décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, de inicio do prazo de inscrición,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de enfermeiro/a especialista do traballo e enfermeiro/a especialista de saúde mental, iniciado pola Resolución do 21 de setembro de 2012.

Segundo. A lista definitiva de excluídos/as e a lista definitiva de admitidos/as coa asignación da puntuación provisional e mais o número de orde acadados atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Cuarto. De conformidade coa antedita base, as persoas admitidas, con respecto aos resultados da baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto de entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións presentadas entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución pola que se publiquen as puntuacións e a orde de prelación definitivas.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos