Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 10 de xuño de 2014 Páx. 26107

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

INSTRUCIÓN conxunta 3/2014, do 13 de marzo, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria e da Axencia Galega de Infraestruturas, con relación aos préstamos para obras públicas de infraestruturas viarias.

As obras civís de infraestrutura promovidas polo Estado (Administración xeral, comunidades autónomas e entidades locais) son obras de interese público que precisan para a súa construción de materiais externos (préstamos) en cantidade e calidade. Así mesmo, a súa execución debe cumprir determinados prazos e axustarse a un orzamento aprobado.

Os materiais externos clasifícanse, de acordo coa Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, como recursos xeolóxicos da sección A, que o Estado pode explotar directamente ou ceder a un terceiro nos termos fixados no título III da citada lei. Ademais, o Estado (Administración xeral, comunidades autónomas e entidades locais) pode decidir, en consideración do maior interese ou da utilidade para a economía xeral, sobre a explotación dos recursos da sección A.

Dadas as particularidades derivadas da construción das obras de infraestrutura civil e o seu interese xeral, xa o artigo 37.3 do Regulamento para o réxime da minaría, que desenvolve a Lei 22/1973, estableceu que no caso dos aproveitamentos de recursos da sección A, destinados a obras públicas, dirixidas ou inspeccionadas polos organismos dependentes do Ministerio de Fomento, o cumprimento das prescricións, en relación cos servizos do Ministerio de Industria e Enerxía, do título III, quedan atribuídas ao devandito departamento.

En consonancia co anterior e considerando a repartición competencial operada pola nosa Constitución, a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, amplíalles esa atribución ao resto de órganos substantivos competentes para a aprobación de obras públicas (comunidade autónoma e entidades locais). Así, no seu artigo 16.3 literalmente di:

«No caso de aproveitamentos inmediatos, directamente asociados a proxectos de obras públicas e que non impliquen beneficios económicos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, corresponderalle ao órgano competente para a aprobación do correspondente proxecto de construción, calquera que for o sistema de execución, a súa autorización, mediante o cumprimento das prescricións da presente lei».

Recentemente, a partir da tramitación das denuncias formuladas pola Asociación Galega de Áridos (AGA) en relación con posibles faltas de autorización de préstamos de estradas, observouse diverxencia de criterios na interpretación que fan deste precepto os órganos dependentes da Consellería de Economía e Industria e os da Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Esas diverxencias derivan do sentido que se dá á definición destes aproveitamentos contida no mencionado artigo 16.3 («inmediatos, directamente asociados a proxectos de obras públicas e que non impliquen beneficio de recursos no territorio da Comunidade Autónoma»). Iso incide na atribución da competencia para a súa autorización e o cumprimento das prescricións previstas na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas (título III), e na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

Por ese motivo, e con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de administración xeral e sector público de Galicia, considérase preciso, por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e da Axencia Galega de Infraestruturas, ditar esta instrución para clarificar a atribución de competencias sobre os aproveitamentos de recursos da sección A (préstamos) destinados a obras públicas realizadas en infraestruturas viarias promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Por razón dos efectos que esta instrución poida producir, considérase conveniente a súa publicación oficial, a prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica.

Instrución.

Primeiro. Préstamos de obras públicas

Considerarase que un aproveitamento de recursos da sección A é inmediato, directamente asociado a un proxecto dunha obra pública e que non implica beneficios económicos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cando exista concorrencia no tempo entre o aproveitamento e a obra, os materiais aproveitados se utilicen na construción ou na reparación desta e o uso deses materiais sexa exclusivo e íntegro nela.

Segundo. Autorización de préstamos de obras civís de infraestruturas viarias, promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia

A competencia para a autorización e o cumprimento das prescricións da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas (título III), e da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, no caso dos aproveitamentos de recursos da sección A destinados a obras públicas de infraestrutura viaria promovidas pola Xunta de Galicia, está atribuída aos órganos dependentes da Axencia Galega de Infraestruturas (AGI).

Correspóndelles aos órganos da AGI velar para que o outorgamento desas autorizacións respecte as prescricións da normativa mineira, ambiental, agraria e de ordenación do territorio e calquera outra que resulte de aplicación; así como exercer a potestade sancionadora polos incumprimentos que diso deriven.

Os órganos dependentes da AGI deberán de dar conta ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria do comezo e da finalización dos aproveitamentos, para os efectos do exercicio das funcións de vixilancia da seguridade e saúde no traballo e da prevención de riscos laborais. Así mesmo, para os efectos estatísticos, comunicarán anualmente as cantidades de materiais extraídos.

Terceiro. Tramitación de denuncias relativas a autorizacións de préstamos de obras públicas de infraestrutura viaria

No caso de denuncias formuladas ante as xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, relativas a aproveitamentos de recursos da sección A que poidan asociarse a unha obra pública de infraestrutura viaria promovida pola Comunidade Autónoma de Galicia, procederase da seguinte forma:

1. De existir constancia de comunicación do inicio dos traballos pola Axencia Galega de Infraestruturas, daráselle traslado da denuncia como órgano substantivo para a aprobación da obra pública de infraestrutura viaria a que se asocia o préstamo, e as xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria inhibiranse da súa tramitación.

2. De non constar comunicación do inicio dos traballos pola Axencia Galega de Infraestruturas, daráselle traslado dela para que, en virtude do establecido na epígrafe primeira, se manifeste nun prazo máximo de dez días hábiles sobre a súa competencia no asunto. De declararse competente, procederase como no suposto anterior.

3. De non constatarse que se trata dun préstamo, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía e Industria procederá á instrución da denuncia e, de ser o caso, á apertura de expediente sancionador.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

Ethel María Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega
de Infraestruturas