Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 11 de xuño de 2014 Páx. 26430

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2014, do Servizo de Infraestruturas da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de sendas peonís na AC-423, puntos quilométricos 11+580 e 13+970, no concello de Ponteceso (clave AC/13/063.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 10 de abril de 2014, a Xunta de Galicia procedeu á declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra, mediante o Decreto 46/2014, publicado no Diario Oficial de Galicia do 24 de abril de 2014.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares dos bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Ponteceso para que comparezan nos lugares, nas datas e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o seu valor e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Ponteceso.

Lugar: Casa do Concello de Ponteceso.

Data: 30 de xuño de 2014, das 10.00 ás 13.00 horas.

A relación de titulares, cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estará exposta no Concello de Ponteceso e no Servizo de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2-8º andar).

A ese acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade e o último recibo da contribución e poden facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer nº 2-8º andar), as alegacións que consideren pertinentes, co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Tamén se comunica que deberán comparecer ao acto achegando as escrituras de propiedade dos predios e o documento nacional de identidade.

A Coruña, 21 de maio de 2014

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo de Infraestruturas da Coruña