Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2014 Páx. 27133

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula o plan Proxecta e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería, durante o curso escolar 2014/15.

O artigo 105 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas favorecerán o recoñecemento do labor do profesorado dos centros educativos que amose unha especial dedicación ao centro e á implantación de plans que supoñan innovación educativa.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a colaborar de xeito continuado con distintos organismos para facilitar a integración de determinados programas educativos nos centros de ensino non universitario.

As distintas estruturas que presentan estes programas, os diversos protocolos de desenvolvemento, as variadas metodoloxías que os sustentan e os distintos calendarios que rexen a súa posta en práctica fan imprescindible a adopción dun sistema de coordinación eficaz que permita optimizar a utilización destes recursos educativos.

Trátase, xa que logo, de establecer un marco xeral de colaboración entre as distintas entidades que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos, de fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, de integrar estes programas na planificación anual dos centros, nas programacións didácticas do profesorado participante e, ao mesmo tempo, crear unha rede de traballo cooperativo e recoñecerlle ao profesorado a súa participación nos proxectos de innovación educativa que se estean a desenvolver no ámbito deste plan. Este marco xeral busca, en suma, ser unha referencia para o fomento da innovación educativa mediante a metodoloxía centrada na realización de proxectos nos centros de ensino non universitario.

Esta resolución pretende regular mediante o plan Proxecta estes programas e establecer as bases para a participación nel dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular o plan Proxecta e establecer as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o curso escolar 2014/15.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Sección 2ª. O plan Proxecta

Artigo 3. Definición do plan

O plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan de xeito paralelo as competencias e a educación en valores.

Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que teñan un alto potencial de transferibilidade tanto no propio centro no que se orixinan coma no resto da comunidade educativa galega.

Artigo 4. Obxectivos xerais

Con este plan preténdense lograr os seguintes obxectivos:

1. Ofrecerlle á comunidade educativa galega programas educativos de diferentes ámbitos que fomenten a innovación educativa. Estes programas descríbense no anexo I desta resolución.

2. Establecer un marco xeral de colaboración para presentar todos os programas implicados dun xeito estruturado.

3. Fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns dirixidos á realización nos centros de proxectos educativos de innovación que desenvolvan as competencias e os valores.

4. Establecer unhas pautas comúns en relación co recoñecemento do traballo do profesorado nestes proxectos educativos.

5. Ofrecerlles aos centros a posibilidade de integrar dentro da súa planificación anual e ao profesorado a posibilidade de incluír dentro das súas programacións aqueles programas que mellor se adapten ás súas características específicas.

6. Crear unha rede de traballo cooperativo e interdisciplinario que consiga transformar e mellorar a práctica educativa, transferindo eficazmente as iniciativas innovadoras. Priorizarase que a creación desta rede e as interaccións entre o profesorado participante se leven a cabo no grupo do plan Proxecta en Redeiras (https://www.edu.xunta.es/redeiras/groups/profile/129626/plan-proxecta), rede social do profesorado.

Artigo 5. Eixes e accións do plan

Os eixes do plan son tres:

1. Organización.

Este eixe está marcado por tres accións centrais:

a) Sistematizar e actualizar os programas educativos dos distintos organismos (anexo I).

b) Difundir o plan a toda a comunidade educativa.

c) Utilizar ferramentas eficaces de xestión do plan.

2. Apoio.

As principais accións deste eixe son:

a) Ofrecerlle ao profesorado un marco para o desenvolvemento de accións nas aulas que fomenten a innovación mediante actividades formativas, propostas materiais e outras iniciativas que leven á mellora da calidade do ensino.

b) Establecer un sistema de asesoramento e seguimento a través das estruturas de formación permanente do profesorado, da inspección educativa, dos equipos responsables de cada un dos programas e da asesoría de innovación educativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. Avaliación, recoñecemento e transferibilidade.

Neste caso as accións que cómpre seguir son:

a) Recoñecer a participación dos centros, das persoas coordinadoras e do profesorado no plan como actividade de innovación educativa tras unha avaliación da memoria do traballo realizado.

b) Realizar, se é o caso, unha convocatoria de premios de innovación educativa aos mellores proxectos polo traballo levado a cabo polo profesorado e os centros participantes nos diferentes programas.

c) Difundir os mellores proxectos a través das canles dixitais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, máis especificamente, mediante a publicación das mellores experiencias de cada programa na sección específica do plan Proxecta na Revista Galega de Educación, EDUGA (http://www.edu.xunta.es/eduga/revista/Plan%20Proxecta).

Artigo 6. Liñas estratéxicas do plan

Este plan organízase en torno a tres grandes liñas estratéxicas:

1. Desenvolvemento transversal dos valores sociais e cívicos.

Os programas incluídos neste plan teñen en común o obxectivo de desenvolver de xeito transversal a educación en valores: a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, a vida saudable, o respecto polo medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a non discriminación, a resolución pacífica de conflitos ou o consumo responsable, entre outros moitos valores que cómpre tratar nas aulas.

2. Desenvolvemento das competencias.

O desenvolvemento das competencias é fundamental na organización curricular tanto do ensino obrigatorio coma da educación infantil, do bacharelato e da formación profesional. De xeito destacado, a educación infantil, a primaria e a secundaria obrigatoria fan do desenvolvemento das competencias unha das liñas centrais de acción. As competencias clave son:

1. Comunicación lingüística.

2. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

3. Competencia dixital.

4. Aprender a aprender.

5. Competencias sociais e cívicas.

6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor.

7. Conciencia e expresións culturais.

3. Utilización de estratexias metodolóxicas comúns.

A terceira liña estratéxica é o fomento de estratexias metodolóxicas comúns a todos aqueles programas educativos que participen no plan Proxecta. Unha proposta metodolóxica de aprendizaxe por proxectos que se basea en dinámicas activas, cooperativas e centradas na experiencia próxima do alumnado e que leva ao desenvolvemento de valores desde unha crecente posición crítica e autónoma, partindo dos seus intereses, das súas experiencias e dos seus coñecementos previos. Deste xeito, as actividades levadas a cabo por cada programa no centro organizaranse conformando un proxecto interdisciplinario que inclúa contidos e obxectivos de diversas materias, áreas, ámbitos ou módulos e que se integrará nas programacións especificas do profesorado participante e na programación xeral anual dos centros.

Artigo 7. Profesorado participante

1. Nos proxectos interdisciplinarios realizados nos centros deberán tomar parte, como mínimo, unha persoa coordinadora e un profesor ou unha profesora. A participación máxima estará delimitada polo establecido especificamente por cada programa educativo.

2. O profesorado coordinador e participante deberá ter destino no centro solicitante durante o curso escolar completo.

3. A coordinación e/ou participación en varios proxectos de xeito simultáneo estará limitada a dous por curso.

4. Será posible realizar proxectos en que participen varios centros. Neste caso cada centro debe facer por separado unha solicitude na aplicación de xestión, contar cunha persoa coordinadora e co número de profesorado mínimo e máximo establecido no punto anterior. Para os efectos de avaliación terase en conta o proxecto de cada centro por separado, pero valorarase especialmente o esforzo de colaboración intercentros.

Sección 3ª. Proceso de solicitude e selección dos proxectos

Artigo 8. Proceso e prazo de solicitude

1. Para participar nesta convocatoria as persoas responsables da dirección dos centros educativos (director/a ou secretario/a) deberán solicitar os programas listados no anexo I mediante o formulario accesible na sección plan Proxecta da aplicación programas educativos (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos), aloxada na epígrafe Servizos do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es/web/services). As persoas responsables da dirección do centro consignarán no formulario de solicitude os datos da persoa coordinadora do proxecto que, a partir dese momento, poderá cubrir o resto de información solicitada (profesorado participante, número de alumnado participante desagregado por curso e breve descrición do proxecto que se poñerá en marcha no centro). Ao final deste mesmo formulario, a persoa responsable do equipo directivo confirmará o compromiso do centro de levar a cabo o proxecto correspondente a cada programa, rematará o proceso e enviará a solicitude pulsando no botón correspondente da aplicación.

2. No caso dos programas con modalidades, e se o programa non o especifica doutro xeito, os centros poden participar con proxectos que integren as diferentes modalidades, nunha combinación dalgunhas delas ou nunha modalidade única, dependendo das condicións específicas de cada programa educativo (http://www.edu.xunta.es/web/node/6180). De calquera xeito, só se recibirá unha única certificación.

3. Unha vez rematada e enviada a solicitude, a aplicación enviará un xustificante ao buzón de informes da persoa responsable do equipo directivo que a cubra na aplicación de xestión. Unha vez revisados e comprobados os datos e asinado e selado este xustificante, a dirección do centro presentarao no portelo único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O xustificante debe remitirse ao seguinte enderezo:

Plan Proxecta.

Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bq. II-2º andar.

15781 Santiago de Compostela.

Non serán válidas as solicitudes xestionadas exclusivamente mediante o rexistro do propio centro.

4. O prazo para cubrir e enviar a solicitude vai desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de setembro de 2014, ambos incluídos.

5. Unha vez pechado o prazo, as institucións responsables dos distintos programas educativos que forman parte do plan Proxecta farán a selección dos centros educativos participantes segundo os criterios de selección publicados na súa ficha informativa da aplicación de xestión ou na sección de programas da páxina web do plan Proxecta
(http://www.edu.xunta.es/web/node/6180).

6. A comisión de selección, atendendo ao disposto no artigo 9, valorará e validará a selección de centros realizada polas institucións correspondentes. As listaxes provisorias de centros seleccionados resultantes serán publicadas no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web e notificadas ás persoas responsables da dirección dos centros a través da aplicación telemática do plan Proxecta.

Artigo 9. Comisión de selección

1. Baixo a presidencia da persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes.

2. A comisión estará integrada pola persoa titular da xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, por unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que realizará as funcións de secretaría, e polas persoas responsables de cada un dos programas que participan no plan Proxecta.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución de comisións técnicas, compostas por persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e das outras institucións participantes, para os efectos de elaboración de informes sobre os proxectos presentados.

4. Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considerarase incluída na categoría 3ª.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez rematado o proceso de selección das solicitudes, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web

2. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web. Transcorrido o prazo de seis meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 4ª. Seguimento, avaliación e certificación

Artigo 11. Seguimento e avaliación dos proxectos

1. O equipo directivo do centro supervisará o desenvolvemento dos proxectos e dará conta aos órganos de participación e goberno, aos pais, ás nais ou aos titores/as legais, así como ás institucións que participan no/s programa/s.

2. A inspección educativa realizará, ao longo de cada curso académico, o seguimento e a avaliación das diferentes actuacións previstas nos programas, e informará periodicamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A avaliación do/s proxecto/s realizada polo pola/s persoa/s coordinadora/s e polo profesorado participante incorporarase á memoria anual do centro.

4. A persoa coordinadora de cada proxecto elaborará unha memoria final do traballo realizado na sección correspondente da aplicación de xestión do plan segundo o anexo II desta resolución. A valoración positiva desta memoria será indispensable para acadar a certificación correspondente.

Artigo 12. Certificación de participación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria certificará, segundo a normativa vixente, a participación do profesorado no plan Proxecta como actividade de innovación educativa e recoñecerá e difundirá, se procede, as boas prácticas derivadas da aplicación dos programas en función dos resultados do seu seguimento e da súa avaliación.

Dependendo da duración do proxecto realizado, a equivalencia en horas de formación permanente do profesorado destas certificacións será a seguinte:

a) Curso completo: 20 horas para o profesorado participante e 30 horas para a persoa coordinadora.

b) Medio curso: 12 horas para o profesorado participante e 15 horas para a persoa coordinadora.

Só se recibirá unha certificación por curso académico, independentemente do número de programas nos que se participe.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I
Datos básicos dos programas participantes no plan Proxecta durante o curso escolar 2014/15

Institución

Nome do Programa

Definición

Temporización

Alumnado ao que vai dirixido

Centros aos que vai dirixido

Presidencia da Xunta de Galicia

(Secretaría Xeral para o Deporte)

Xogade

Fomento e consolidación de hábitos físico-deportivos saudables mediante a participación en actividades deportivas

Curso completo

Primaria e ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Deportivo de centro

Creación de unidades de promoción de actividade física saudable nos centros educativos

Curso completo

Primaria, ESO e adultos

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Máis e mellor actividade física

Desenvolvemento dunha hora lectiva semanal de Coñecemento do Medio en colaboración co profesorado de Educación Física nun contexto de actividade física e movemento fóra da aula

Curso completo

2º, 4º e 6º de primaria

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Móvete máis

Participación en actividades de carácter lúdico e transversal para o fomento da actividade física.

Curso completo

Infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

(Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea)

Cooperación galega: O mundo que queremos

Fomento da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza

Curso completo

ESO

Dependentes da Consellería

(públicos)

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

(Secretaría Xeral da Igualdade)

Por 365 días de respecto e igualdade

Prevención da violencia de xénero dentro do ámbito educativo

Curso completo

ESO, bacharelato, FP e adultos

Dependentes da Consellería

(públicos)

Donas de si

Visibilización das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega

Curso completo

ESO e bacharelato

Dependentes da Consellería

(públicos)

Rapazas Emprendedoras nas TIC

Fomento do emprendemento entre as alumnas de secundaria a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

Curso completo

1º e 2º de ESO

Dependentes da Consellería (públicos)

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Paisaxe e Sustentabilidade

Formar o alumnado na cultura da valoración da paisaxe próxima e da sustentabilidade

Curso completo

Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP

Dependentes da Consellería

(públicos)

MeteoEscolas

Coñecemento do clima da escola e do seu arredor

Curso completo

Primaria, ESO, bacharelato e FP

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Protexe o teu medio

Formación dunha comunidade escolar investigadora que busque a mellora da calidade do aire e das augas

Curso completo

Bacharelato e FP

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Terra

Coñecemento dos espazos que habita o alumnado. Proxecto para o curso 2014/15: «O lugar onde vivimos: Os nosos barrios e as nosas parroquias»

Curso completo

Primaria, ESO, bacharelato e FP

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Recíclate con Sogama

Fomento da recollida selectiva de residuos

Curso completo

ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Ríos

Fomento da conservación dos ecosistemas fluviais

Curso completo

Infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos

Dependentes da Consellería

(públicos)

Consellería de Economía e Industria (IGC)

Consumópolis

Mellora das pautas de consumo responsable do alumnado mediante a participación nun concurso con fases autonómica e estatal

Medio curso

5º e 6º de primaria e ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Galicons-net

Investigación do alumnado a través dunha das tres temáticas propostas:

• Consumo e xénero

• Publicidade

• Comercio electrónico

Curso completo

Todo

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Consellería de Sanidade

Clases sen fume

Prevención do tabaquismo

Medio curso

1º e 2º de ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Salvavidas

Fomento de actitudes favorables nos escolares cara á doazón e aos transplantes

Curso completo

Primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Consellería de Traballo e Benestar

Quérote+

Asesoramento, formación e información en temas de autoestima, educación afectivo-sexual e convivencia nas aulas, nas redes sociais e nos espazos de ocio. 2 modalidades:

a) Socializando

b) Coñecéndonos

Curso completo

3º ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Parlamento Xove

Fomento do diálogo e da argumentación razoada das ideas propias como ferramenta para o consenso

Medio curso

3º e 4º de ESO e bacharelato

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Rede de Centros Escolares Solidarios

Fomentar que os escolares se comprometan como voluntarios/as cunha entidade

Curso completo

ESO, bacharelato e FP

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Correspondentes xuvenís 3.0

Promocionar e difundir información de interese para a mocidade a través da creación dunha rede de correspondentes xuvenís nos institutos.

Curso completo

2º ciclo de ESO, bacharelato e FP

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Consellería do Medio Rural e do Mar

Aliméntate ben

Mellora dos hábitos alimenticios do alumnado. 3 modalidades:

a) Froita na escola

b) Lácteos na escola

c) Ponlle as pilas ao teu bocata (conservas do mar)

d) O sabor da aventura está no mar

Curso completo

a) 2º ciclo de infantil, primaria, ESO

b) 2º ciclo de infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP

c) Primaria

d) Primaria

a) e b) Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

c) e d) Dependentes da Consellería

(públicos)

O monte vivo

Participación dos escolares na protección do medio natural fronte aos incendios forestais

Curso completo

Primaria e ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Montentérate

Fomento do coñecemento da multifuncionalidade do monte, da súa xestión sustentable e da importancia dos montes veciñais en Galicia

Curso completo

Primaria e ESO

Sostidos con fondos públicos (públicos e concertados)

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Secretaría Xeral de Política Lingüística)

Nós tamén creamos!

Promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, creando curtametraxes en galego

Curso completo

2º ciclo de infantil e 1º e 2º ciclo de primaria

Dependentes da Consellería

(públicos)

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (CGAI)

Cine en curso

Exploración da potencialidade pedagóxica da creación cinematográfica

Curso completo

Primaria, ESO e bacharelato

Dependentes da Consellería

(públicos)

Fotografía en curso

Difusión e pedagoxía da creación fotográfica nos centros educativos

Curso completo

Primaria, ESO e bacharelato

Dependentes da Consellería

(públicos)

Para unha información máis detallada sobre os programas debe consultarse o enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/6180

ANEXO II
Estrutura da memoria final dos proxectos

1. Título do proxecto.

2. Introdución (sinopse do proxecto) [2.000 caracteres como máximo].

3. Grao de consecución dos obxectivos [3.000 caracteres como máximo].

4. Organización, desenvolvemento e metodoloxía [8.000 caracteres como máximo].

5. Avaliación (instrumentos utilizados e resultados obtidos) [3.000 caracteres como máximo].

6. Bibliografía e ligazóns utilizadas [3.000 caracteres como máximo].

7. Listaxe do profesorado participante e tarefas realizadas por cadaquén [10.000 caracteres como máximo].