Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 25 de xuño de 2014 Páx. 28582

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar, de acordo co disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

No obxectivo principal da creación de emprego é necesario establecer medidas coa finalidade de mellorar a situación laboral das persoas que traballan no agro e promover a creación do emprego no sector agrario de Galicia.

O programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, no eixe 2 tema prioritario 69, a través do programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007. Este programa operativo FSE Galicia 2007-2013 considera as axudas para o fomento do emprego promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, visibilizando a presenza das mulleres no mundo laboral en xeral, e actuacións de apoio a mulleres traballadoras galegas para que regularicen a súa situación cara a diminución do emprego somerxido feminino.

A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, establece no seu artigo 31 que as políticas activas de emprego en Galicia terán en conta, de xeito prioritario, a situación das mulleres no medio rural. Así mesmo, o artigo 38 desta lei establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinada a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións positivas e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta, de xeito preferente, as mulleres emprendedoras do medio rural.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas de 40 ou menos anos de idade, e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Lei 18/2007, do 4 de xullo, procede á integración das persoas traballadoras por conta propia do réxime especial agrario no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2008, e crea, dentro deste réxime, un sistema especial para traballadores por conta propia agrarios. Esta lei establece unha redución durante cinco anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas de 40 ou menos anos de idade que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que esta estea dada de alta nos citados réxime e sistema especial.

A Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, modifica a Lei 18/2007, do 4 de xullo, e amplía a aplicación da redución na cotización á Seguridade Social ás persoas que teñan cincuenta ou menos anos de idade na data da súa incorporación ao sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

O Decreto 200/2012, do 4 de outubro, regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e crea unha nova sección para as explotacións agrarias de titularidade compartida.

Neste contexto normativo, esta orde establece a regulación do Programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e a súa convocatoria para o ano 2014, dando continuidade aos incentivos e melloras introducidas neste programa desde o ano 2006.

As bases reguladoras deste programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade, principios de xestión e normativa aplicable

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do Programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares e titulares de explotacións agrarias de Galicia, coa finalidade de promover a creación do emprego e a mellora laboral no agro galego, facilitando mediante incentivos a súa alta na Seguridade Social, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

3. As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e nesta orde.

Por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo, serán de aplicación o Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 210, do 31 de xullo de 2006) e o Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007) e a Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo (BOE nº 79, do 1 de abril), modificada pola Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo (BOE nº167, do 13 de xullo).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias deste programa as mulleres, dedicadas ou incorporadas á actividade agraria incluídas nalgún dos seguintes colectivos e que cumpran os requisitos previstos para cada suposto:

1. Mulleres incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014.

b) Ter cincuenta ou menos anos de idade na data da dita incorporación.

c) Que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que este estea dado de alta nos citados réxime e sistema especiais.

d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007, modificada e ampliada pola Lei 35/2011, do 4 de outubro.

2. Mulleres de cincuenta ou menos anos de idade na data de alta na Seguridade Social incorporadas a partir do 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014 ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, titulares de explotacións agrarias nos seguintes supostos:

a) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria en funcionamento que lles fose atribuída tras un proceso de separación ou divorcio.

b) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria tras o falecemento, xubilación ou incapacidade recoñecida do seu cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao incluído.

c) Mulleres que se incorporen a unha explotación familiar en marcha, cando o seu cónxuxe cause baixa no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, por dedicarse a outra actividade e mentres este permaneza en situación de alta noutro réxime ou sistema da Seguridade Social.

Nestes casos, deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.

3. Serán requisitos para poder acceder á condición de beneficiaria das axudas establecidas nesta orde que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos 6 meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial, nin percibisen subvencións ao abeiro deste programa de incentivos en anteriores convocatorias.

4. Non poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas nas que concorran as circunstancias previstas no punto 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar o día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar o día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 4 e 5 anteriores, para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 3. Axuda

A contía total da axuda será de 3.000 euros por persoa beneficiaria.

Artigo 4. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 5. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluida no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.

2. A solicitude e anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballo.xunta.es

3. Os prazos específicos para a presentación de solicitudes de axudas ao abeiro do programa de promoción da afiliación a seguridade social son os seguintes:

a) Aquelas incorporacións ao réxime especial de traballadoras por conta propia ou autónomas a través do sistema especial para traballadoras por conta propia agrarias, realizadas a partir do 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde de axudas, o prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte a publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.

b) Para as incorporacións posteriores a publicación da orde de convocatoria, dous meses desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social.

Nos prazos específicos para a presentación das solicitudes de axudas, establecidos nesta orde, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da solicitude de alta na Seguridade Social. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2014, aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos.

Artigo 6. Autorizacións

1. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada comportará a autorización expresa ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Axencia Tributaria de Galicia e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da persoa beneficiaria, a contía e a súa finalidade.

3. Coa presentación da solicitude, a persoa interesada pode autorizar expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

4. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle que os datos persoais recollidos na súa solicitude se incorporarán ao ficheiro Relacións administrativas coa cidadanía e entidades para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste programa. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro, no enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

Artigo 7. Documentación

1. A solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde e deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non prestar a autorización, no modelo da solicitude, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo II desta orde) ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións.

2. As solicitantes incluídas no suposto do artigo 2.1 desta orde, ademais, deberán achegar:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do libro de familia que acredite o parentesco coa persoa titular da explotación de acordo co requirido no punto 2.1 letra c).

b) No caso de dispor no momento da solicitude, fotocopia compulsada ou cotexada do recibo de liquidación de cotizacións para réximens especiais, sistemas especiais ou convenios especiais ou boletín mensual de pagamento das cotas correspondentes á Seguridade Social que deberán acreditar a aplicación á beneficiaria da redución do 30 por cento delas, durante 5 anos, de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

c) Resolución da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do Ministerio de Emprego e Seguridade Social de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

3. As mulleres solicitantes incluídas nos supostos do artigo 2.2 desta orde, ademais da documentación indicada no número 1 deste artigo, deberán achegar a seguinte:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento de alta na Seguridade Social no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos (modelo TA.0521/7), e a fotocopia compulsada ou cotexada da resolución da Seguridade Social en que se recoñece a alta no devandito réxime e sistema especial.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada dos libros de familia que acrediten o parentesco co anterior titular.

c) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2.2, letra a): fotocopia compulsada ou cotexada da sentenza de separación ou divorcio e fotocopia compulsada ou cotexada do documento acreditativo da asignación da explotación agraria á solicitante.

d) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2.2, letra b): fotocopia compulsada ou cotexada do certificado ou certificados de defunción ou fotocopia compulsada ou cotexada da resolución de xubilación ou incapacidade do cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao incluído e fotocopia compulsada ou cotexada do documento acreditativo da asignación da explotación agraria á solicitante.

e) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2.2, letra c): copia da baixa no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, e alta noutro réxime ou sistema da Seguridade Social do cónxuxe.

4. Ás solicitudes das persoas interesadas xuntaránselle os documentos sinalados neste artigo, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 8. Procedemento de concesión, tramitación e instrución

1. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo do Traballo Autónomo e Apoio ás Persoas Emprendedoras da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola intervención delegada da consellería das propostas emitidas polo Servizo do Traballo Autónomo e Apoio ás Persoas Emprendedoras, as resolucións serán ditadas polo director xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. As resolucións que se diten neste procedemento seranlles notificadas ás persoas interesadas, e deberanse motivar adecuadamente.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que subsista a obriga legal de ditar resolución expresa sobre a solicitude presentada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

6. Na resolución de concesión informaráselle á persoa beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 10. Xustificación do pagamento

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. En todo caso, respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo e Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

2. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada, da documentación que se exixa expresamente na resolución de concesión, entre a cal deberá figurar:

a) Recibo de liquidación de cotizacións para réximens especiais, sistemas especiais ou convenios especiais ou boletín mensual de pagamento das cotas correspondentes a Seguridade Social que deberán acreditar a aplicación á beneficiaria da redución do 30 por cento delas, durante 5 anos, de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

b) Declaración complementaria do establecido no artigo 7.1, alínea b) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo II), ou, de ser o caso, unha declaración actualizada de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións.

A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2014.

3. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 11. Incompatibilidades e concorrencia

1. A subvención establecida neste programa é incompatible coas establecidas nos programas para a promoción do emprego autónomo, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. En ningún caso o importe da axuda concedida ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma actuación, supere o custo da cotización á Seguridade Social satisfeita pola persoa beneficiaria correspondente a 36 mensualidades desde a data de solicitude de subvención.

A subvención establecida neste programa é compatible, de ser o caso, coas bonificacións ou reducións nas cotizacións á Seguridade Social establecidas na disposición adicional primeira da Lei 18/2007; na disposición adicional trixésimo quinta do texto refundido da Lei da seguridade social, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño; na disposición adicional décimo primeira da Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade; ou aqueloutras previstas na normativa da Seguridade Social.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias deste programa as seguintes:

a) Manter a alta no correspondente réxime especial da Seguridade Social e a actividade agraria durante un tempo mínimo de tres anos desde a data de alta, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente. No suposto de darse de baixa con anterioridade, deberá comunicar esta circunstancia ao órgano concedente dentro do prazo dos dous meses posteriores á dita baixa.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións previstas no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde son cofinanciables polo Fondo Social Europeo, as persoas beneficiarias garantirán a dispoñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos realizados e da xustificación da realización da actuación subvencionada, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

g) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se for o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Neste sentido, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o previsto no artigo 9.6 desta orde.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Modificación da resolución concesoria

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda prevista nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedecencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde no caso de non cumprir a obriga establecida no artigo 12, letra a) de manter a actividade agraria durante tres anos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos tres anos.

3. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 15. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. As solicitantes das axudas previstas nesta orde, no suposto de teren a condición de beneficiarias e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autorizan a Consellería de Traballo e Benestar para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social lle poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

Artigo 16. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante ingreso na conta de Novagalicia Banco ES83 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias, de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería

Disposición adicional cuarta

As referencias ao cónxuxe do titular da explotación agraria contidas nesta orde entenderanse tamén realizadas á persoa ligada de forma estable con aquel por unha relación de afectividade análoga á conxuxal unha vez que se regule, no ámbito do campo de aplicación do sistema da Seguridade Social e dos réximes que o conforman, o alcance do encadramento da parella de feito da persoa empresaria ou do titular ou da titular do negocio industrial ou mercantil ou da explotación agraria ou marítimo-pesqueira.

Disposición adicional quinta

A concesión das axudas reguladas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 32 do seu regulamento, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas e a inadmisión de posteriores solicitudes.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde financiarase con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

En virtude do anterior, no exercicio 2014 o financiamento das axudas recollidas nesta orde realizarase con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria 11.02.322C.480.0 2014 00514, cun importe de 62.500 euros. Esta contía está recollida na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estos efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos no artigo 13.1 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Disposición adicional sexta

As axudas concedidas ás mulleres a través deste programa son cofinanciables polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, no eixe 2 e tema prioritario 69, a través do programa operativo de Galicia do Fondo Social Europeo no marco do obxectivo de converxencia, aprobado pola decisión da Comisión Europea C (2007) 6733, do 18 de decembro de 2007, CCI 2007ES051PO004. Este cofinanciamento do Fondo Social Europeo farase constar expresamente nas resolucións de concesión.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file