Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE nº 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:
– «Explotación porcina de ceba para 4.650 porcos.
Severino Bello Fuentes y Otros, S.C.
Vilamaior da Boullosa, Baltar (Ourense)».
Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:
– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).
Ademais poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2014
Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO
Memoria resumo
Clave do expediente: 2012-IPPC-I-119.
Peticionaria: Severino Bello Fuentes y Otros, S.C.
Domicilio social: lugar Boullosa, s/n, 32632 Baltar (Ourense).
Localización da instalación: lugar Boullosa, s/n, 32632 Baltar (Ourense). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM (ED50): X: 603.510, Y: 4.643.600.
Actividade: explotación porcina de ceba.
Descrición do proceso: trátase dunha explotación existente con dúas naves cunha capacidade unitaria para 1.488 animais, con cadanseu seu anexo nas cabeceiras, nos cales se atopan os cadros de control dos equipamentos e os aseos e vestiarios. Esta explotación ampliarase coa construción dunha terceira nave, con capacidade para 1.674 animais, cun anexo na cabeceira destinado a vestiarios e oficina.
Os ciclos de produción comezan coa entrada nas naves dos animais procedentes das granxas de preceba con 20 kg de peso, nas cales permanecen ata que acadan un peso de sacrificio, entre os 85 e os 95 kg de peso vivo; unhas 15 semanas despois. Neste momento retíranse da explotación para o seu traslado ao matadoiro.
Ao final de cada ciclo, unha vez que os animais abandonen a explotación, procederase á limpeza e desinfección das instalacións. Comézase retirando o xurro para ser empregado como fertilizante en parcelas de uso agrícola e a continuación límpanse as paredes, teito, piso, comedeiros, bebedoiros e demais instrumental das naves cunha hidrolimpadora que proporciona auga a presión e desinféctase pulverizando unha solución antiséptica. A explotación permanece pechada quince días ata que se introduce un novo lote de animais.
Verteduras: as verteduras procedentes dos aseos e vestiarios da explotación, e das augas de limpeza, conduciranse ás fosas de xurro, sendo empregadas, xunto con este, como fertilizante en parcelas agrícolas. As augas pluviais non serán recollidas e verteranse directamente ao terreo.
