Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 18 de xullo de 2014 Páx. 31636

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2014 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2014/15.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Sanidade, contribúe á unha mellora dos hábitos alimenticios e a unha nutrición saudable do alumnado dos centros escolares de Galicia, a través do programa Aliméntate ben. No marco do dito programa intégranse as accións da Consellería que teñen como obxecto a incidencia nos hábitos alimenticios do alumnado dos centros escolares de Galicia.

Desde o ano 2009 a Unión Europea, no marco da política agrícola común, conta co plan de consumo de froita nas escolas destinado á distribución de froita e hortalizas nestas. O dito plan ten por obxectivo, a curto prazo, potenciar o consumo destes produtos pola xuventude en virtude do seu aprovisionamento aos centros escolares, e, a longo prazo, trata de desempeñar un papel pedagóxico nos hábitos alimentarios, constituíndo unha auténtica acción educativa destinada a manter ou a fomentar nas escolas o hábito de consumo de froita.

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, crea unha organización común de mercados dos produtos agrarios. No seu artigo 23 prevé unha axuda comunitaria para a distribución de produtos dos sectores de froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano aos nenos.

O Regulamento (CE) nº 288/2009 da Comisión, do 7 de abril, establece disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a distribución de froitas e hortalizas, froitas e hortalizas transformadas e produtos do plátano aos nenos nos centros escolares, no marco dun plan de consumo de froita nas escolas.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), así como no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria –Fogga– (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo –DOG nº 251, do 30 de decembro–), e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os seus estatutos, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994, do 29 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á distribución de froita ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia e a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2014/15, de conformidade co previsto no artigo 23 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e no Regulamento (CE) nº 288/2009 da Comisión, do 7 de abril.

Capítulo I
Bases reguladoras

Artigo 2. Destinatarios/as

Deberán ser destinatarios/as da axuda os/as alumnos/as que asistan regularmente aos centros escolares situados na Comunidade Autónoma, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenzan aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil segundo ciclo.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3. Custos que se subvencionan e restricións

1. As actividades que se subvencionan son os custos de adquisición no mercado da froita fresca.

2. A axuda concederase ás froitas incluídas na definición do CAE (Código alimentario español), no seu capítulo XXII, sección 1ª, artigo 6 con excepción do tomate.

En atención a criterios de dispoñibilidade e ambientais, optarase preferentemente por froitas frescas de tempada obtidas na Comunidade Autónoma de Galicia, empregando na súa obtención sistemas de produción sustentables (agricultura ecolóxica ou integrada).

3. As froitas frescas distribuídas aos escolares serán sempre de excelente calidade e atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo.

4. As froitas frescas serán consumidas nas dependencias do establecemento escolar no momento do recreo. Con carácter excepcional, o centro escolar, logo de comunicación ao servizo territorial correspondente, poderá variar o lugar e horario da repartición en función da programación anual das actividades escolares.

5. Os/as alumnos/as non serán destinatarios/as da axuda durante a súa estadía en colonias de vacacións, fóra do período lectivo.

Artigo 4. Contía da axuda e período de repartición

1. O importe máximo da axuda é de 0,25 euros por alumno/a e día lectivo.

2. A froita repartirase nos períodos autorizados que serán de cinco días lectivos consecutivos. Poderanse solicitar de un a catro destes períodos, de manera consecutiva ou non.

3. O centro escolar poderá variar o/s período/s de repartición de froita concedido/s, logo de comunicación ao servizo territorial do Fogga correspondente.

4. No suposto de que a contía das axudas das solicitudes, que cumpran os requisitos exixidos, supere as dispoñibilidades orzamentarias da convocatoria, a concesión destas realizarase priorizando as solicitudes conforme o seguinte criterio: terán prioridade os solicitantes de subministración para un período fronte aos de dous, os de dous fronte aos de tres, e estes sobre os de catro. Se for necesario axustar as solicitudes á cantidade orzamentaria, reduciríanse os períodos que fosen necesarios, pasando de catro a tres, de tres a dous e de dous a un período respectivamente, empezando a supresión polo último período de subministración previsto.

No caso de empate no número de períodos solicitados polos centros escolares, o criterio que se empregará será o de dar preferencia aos centros con menor número de alumnos/as para que a axuda se distribúa entre o maior número de centros posible, dadas as características da xeografía galega no ámbito rural.

Artigo 5. Presentación e tramitación da solicitude de autorización e de axuda

1. Os solicitantes das axudas serán os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2 que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia e sexan autorizados conforme o disposto neste artigo, e que cumpran o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os centros escolares que pretendan subministrar as froitas frescas deberán ser autorizados pola directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Para estes efectos, presentarán a solicitude de autorización e de axuda, contida no anexo II desta resolución no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no servizo territorial do Fogga que corresponda no enderezo que se indica, ou por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xefatura Territorial da Coruña.

Servizo Territorial do Fogga.

Praza Luís Seoane, s/n, 15008 A Coruña.

Teléfono: 981 18 45 25, fax: 981 18 45 59.

Xefatura Territorial de Lugo.

Servizo Territorial do Fogga.

Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Teléfono: 982 29 44 62, fax: 982 29 44 11.

Xefatura Territorial de Ourense.

Servizo Territorial do Fogga.

Rúa Curros Enríquez, 1-6ª, 32003 Ourense.

Teléfono: 988 38 69 48, fax: 988 38 69 40.

Xefatura Territorial de Pontevedra.

Servizo Territorial do Fogga.

Paseo de Cervantes, 7-1º, 36002 Pontevedra. Teléfono: 986 80 54 55, fax: 986 80 55 69.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Conforme o previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, salvo que o solicitante denegue expresamente o consentimento, debendo presentar entón certificación nos termos previstos regulamentariamente.

7. A ordenación e instrución do procedemento de autorización e concesión da axuda corresponderá á Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria.

8. No poderá obter a autorización, nin por tanto concedérselle a axuda, quen estea incurso nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de beneficiario previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 6. Resolución de autorización e concesión da axuda

Tendo en conta a solicitude, a directora do Fogga, unha vez rematado o prazo previsto no punto 2 do artigo 5, resolverá no prazo de dous meses, entendéndose estimadas por silencio positivo aquelas solicitudes de autorización que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo e desestimadas por silencio negativo as solicitudes de axuda.

Artigo 7. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para o mesmo proxecto, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 8. Obrigas dos beneficiarios das axudas

Os centros escolares que distribúan froitas de acordo con esta resolución deberán:

a) Destinar a froita subvencionada exclusivamente ao alumnado de asistencia regular ao centro escolar, nas condicións previstas na resolución de concesión da axuda, para o consumo dentro do centro escolar, durante o horario de recreo, sen prexuízo do establecido no artigo 3.4 desta resolución.

b) Manter os produtos subministrados en correctas condicións de conservación, ata o momento da distribución ao alumnado.

c) Reembolsar as axudas aboadas indebidamente, polas cantidades que corresponda, no caso de comprobar que os produtos non foron subministrados aos/ás nenos/as indicados no artigo 2, ou que a axuda se pagou por produtos que non son subvencionables en virtude desta resolución.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

e) Ter visible un cartel que se axuste aos requisitos mínimos que se reflicten no anexo I desta resolución, e que estará exposto permanentemente na entrada principal dos centros, nun lugar onde se poida ver e ler claramente.

f) Manter permanentemente actualizado un rexistro das compras e subministracións dos produtos ao alumnado, que conterá como mínimo os datos que se recollen no anexo III.

Artigo 9. Solicitudes de pagamento da axuda

1. Os solicitantes autorizados solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo IV e de acordo co establecido no artigo 5.3 desta resolución.

2. A solicitude de pagamento farase unha vez rematado cada período de subministración. O solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

3. O prazo de presentación da solicitude de pagamento rematará o último día do terceiro mes seguinte ao mes no que se subministraron os produtos. Non obstante, cando o citado prazo se exceda en menos de dous meses, admitiranse as solicitudes presentadas, reducíndose o seu importe nun 5 % se o atraso é igual ou inferior a un mes, e nun 10 % se é superior a un mes pero inferior a dous. Cando o prazo fixado se exceda en dous meses, a axuda reducirase nun 1 % máis por cada día adicional.

4. Coa solicitude de pagamento da axuda achegaranse:

a) As correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado, así como unha proba do seu pagamento.

b) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando o solicitante denegue expresamente o consentimento segundo establece o punto 6 deste artigo.

5. O centro escolar comprométese a establecer unha conta corrente que manterá para todo o curso escolar. No caso de que esta conta ou calquera dos datos contidos na solicitude inicial de autorización e de axuda varien, deberá poñelo en coñecemento do correspondente servizo territorial do Fogga.

6. Conforme o previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención por el interesado comportará autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, salvo que o solicitante denegue expresamente o consentimento, debendo presentar entón certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 10. Controis das axudas

O Fogga establecerá un plan de controis por período comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo, co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axuda, de acordo co establecido no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 288/2009.

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga remitirán a oportuna proposta sobre as solicitudes presentadas, coa conformidade do subdirector xeral de Xestión da PAC, na cal se certificará a adecuada xustificación da axuda e a concorrencia dos requisitos para o pagamento desta.

2. O prazo máximo de pagamento das axudas será de tres meses, contados a partir do día de presentación da solicitude no rexistro do servizo territorial do Fogga, correctamente cuberta e válida.

Artigo 12. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades nos tipos de produtos subministrados, na calidade sanitaria ou comercial destes, na distribución incorrecta ao alumnado participante, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio do alumnado, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto no artigo 13 desta resolución.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. En todo caso, os beneficiarios das axudas están suxeitos ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Suspensión e retirada da autorización

1. A autorización poderá ser suspendida por un período de un a doce meses ou retirada pola directora do Fogga, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo solicitante autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 12 desta resolución. As devanditas medidas non se imporán en caso de forza maior ou cando o Fogga determine que a infracción non se cometeu deliberadamente ou por neglixencia, ou que sexa de pouca importancia.

2. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de polo menos doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do interesado, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

Artigo 14. Recuperación de pagamentos indebidos

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e dos xuros de mora producidos desde a notificación da obriga de reembolso segundo o establecido no artigo 80.2 do Regulamento (CE) nº 1122/2009, da Comisión, do 30 de novembro de 2009, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. De conformidade co disposto no artigo 13.10 do Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril de 2009, en caso de fraude ou de neglixencia grave, ademais da recuperación dos pagamentos indebidos, o solicitante deberá aboar un importe igual á diferenza entre o importe pagado inicialmente e o importe a que ten dereito.

Artigo 15. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola directora do Fogga poderase interpoñer recurso de alzada ante a presidenta do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Se a resolución non for expresa, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as personas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería do Medio Rural e do Mar/Fondo Galego de Garantía Agraria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Rúa dos Irmandiños, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dereitosarco.fogga@xunta.es.

CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o curso escolar 2014/15

Artigo 17. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o curso escolar 2014/15 as axudas para a subministración das froitas frescas incluídas no Plan de consumo de froita nas escolas, sinaladas no artigo 3 desta resolución, ao alumnado que asista regularmente aos centros escolares.

Artigo 18. Autorización como subministrador de produtos subvencionados e solicitude de axuda

Os solicitantes que queiran participar na liña de axuda de subministración de produtos incluídos no Plan de consumo de froita nas escolas deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo o modelo que figura no anexo II. O prazo para presentar as solicitudes correspondentes ao curso escolar 2014/15, será dun mes e iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Solicitudes de pagamento

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e prazo disposto no artigo 9 desta resolución e conforme o modelo de anexo IV.

Artigo 20. Financiamento

1. Estas axudas cofináncianse con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nunha porcentaxe dun 75 % e ao orzamento da Xunta de Galicia nunha porcentaxe dun 25 %.

2. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 12.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2014/15 por importe máximo de 305.000 euros.

Da contía máxima serán imputables á anualidade corrente 15.000 euros.

As ditas dotacións orzamentarias poderán incrementarse, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma.

Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou transferencia de crédito.

3. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 21. Controis

Para o curso escolar 2014/15 a porcentaxe de controis sobre o terreo previstos no artigo 10 abranguerá polo menos un 5 % da axuda e un 5 % dos solicitantes.

Artigo 22. Publicidade das axudas

Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas. En calquera caso, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Fogga publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional única

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2014

Patricia Ulloa Alonso
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I
Requisitos mínimos que debe cumprir o cartel sobre o
Plan de consumo de froitas nas escolas

Tamaño do cartel:

A3 ou maior

Letras:

1 centímetro ou máis

Título:

Plan de consumo de froita nas escolas

Contido:

Deberá figurar, cando menos, a seguinte frase, que se adaptará en función do tipo de centro escolar:

«O noso (tipo de centro escolar (xardín de infancia, centro de preescolar, escola) participa no Plan de consumo de froita nas escolas coa axuda financeira da Unión Europea»

O cartel levará o emblema da Unión Europea

missing image file
missing image file

ANEXO III
Rexistro de compras e subministración de produtos

Data de compra

Nome ou razón social do subministrador

NIF do subministrador

Produto

Quilos

Data de repartición

Produto

Nivel de ensino

Nº alumnos/as aos que se reparte

Quilos

missing image file
missing image file