Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 24 de xullo de 2014 Páx. 32343

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de xullo de 2014 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de bolsas destinadas aos/as estudantes universitarios/as que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2014/15.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve unha política de apoio económico ao alumnado de ensino universitario encamiñada a favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A formación e o perfeccionamento do alumnado das universidades galegas desempeña un papel fundamental para o progreso tanto individual como da sociedade no seu conxunto e constitúe a base para proporcionar o capital humano altamente cualificado e formado que a sociedade galega precisa para afrontar os retos que a sociedade actual demanda.

A mobilidade dos/as estudantes é un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente a súa mantendo a condición de universitario/a, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos así como a súa cualificación.

Así pois, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, consciente de que a mobilidade contribúe de forma esencial á formación integral do alumnado universitario de Galicia considera conveniente continuar coa súa política de axudas á mobilidade convocando esta orde de axudas para os/as estudantes universitarios/as que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 100 bolsas destinadas ao alumnado universitario matriculado nunha universidade do Sistema universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que participe, no curso 2014/15, en programas de intercambio relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 cunha contía total de 100.000 euros. Non obstante, a cantidade total pode ser incrementada no caso de producirse remanente doutras convocatorias financiadas con cargo á mesma aplicación orzamentaria, de acordo co disposto no artigo 31.2 letra b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, empregándose neste suposto a listaxe de suplentes referida no artigo 10 desta orde.

Artigo 3. Período e dotación da bolsa

1. O programa de mobilidade para o que se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2014/15.

2. A dotación económica asignada a cada beneficiario/a será dun máximo
de 1.000 euros.

Artigo 4. Requisitos dos/as solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2014/15 en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

b) Ter cursados os últimos tres anos académicos nalgún centro ou universidade da Comunidade Autónoma.

c) Os estudantes extracomunitarios non poderán realizar o intercambio con universidades do seu pais de orixe.

d) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe (universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia).

e) Non ter gozado desta bolsa de mobilidade en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes, e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED441B dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.es.

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441B) deberá achegar:

a) Copia do DNI cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia compulsada da autorización de estadía ou residencia no caso de que o/a solicitante sexa extracomunitario/a.

c) Orixinal do extracto do expediente académico selado pola universidade correspondente nun período non anterior a un mes desde a publicación desta orde, no cal se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

Os/as alumnos/as que estean cursando estudos de 2º ciclo (licenciado, arquitecto, e enxeñeiro) por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar ademais o orixinal do extracto do expediente completo do primeiro ciclo realizado selado pola universidade correspondente. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar o orixinal do extracto do expediente completo en que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes selado pola universidade correspondente.

d) Orixinal ou copia compulsada do certificado do órgano competente da universidade en que conste que o/a alumno/a está admitido nun programa de intercambio indicando o centro, o país e o período temporal en que realiza a estadía.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Artigo 6. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e, unha vez examinadas estas e a documentación presentada polos/as solicitantes exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e podrán, durante ese prazo, emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, para o cal presentarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. O devandito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. A selección de alumnos/as realizada pola comisión avaliadora ordenarase de maneira decrecente en función da orde da nota media calculada segundo os parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

2. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varios/as solicitantes procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1. Menor número de suspensos.

2. Maior número de matrículas de honra.

3. Maior número de sobresalientes.

Artigo 9. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

2. A Secretaría Xeral de Universidades notificará a proposta de resolución aos/ás seleccionados/as como beneficiarios/as. No caso de rexeitar a bolsa deberán presentar o modelo de renuncia dispoñible no enlace https://sede.xunta.es/modelos.normalizados nun prazo de cinco días contados desde a data de recepción da notificación co fin de adxudicar a bolsa aos/ás seleccionados/as na listaxe de suplentes.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de beneficiarios/as.

b) Listaxe de suplentes en que figurarán os/as alumnos/as que, reunindo os requisitos exixidos non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatararios/as da bolsa.

c) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23, número 4, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Os/as solicitantes aos/ás cales lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Pagamento

O aboamento das bolsas convocadas nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo do punto 1ª do artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

As bolsas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

b) Notificar á Secretaría Xeral de Universidades por escrito a renuncia á bolsa e a causa que determina a dita renuncia xunto coa da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia.

c) Informar ao órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 13. Compatibilidades, alteración, modificación e reintegro das bolsas

1. Estas bolsas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá ao reintegro das cantidades xa percibidas, xunto cos xuros de mora que lle correspondan en cada caso, no caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Universidades.

6. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a
sxu@edu.xunta.es.

Artigo 16. Obrigas das universidades

As oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia e os centros asociados da UNED remitirán unha certificación do órgano competente onde conste unha relación de todos os alumnos que realizaron o programa de intercambio.

Disposición adicional primeira

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file