Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 31 de xullo de 2014 Páx. 33009

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 22 de xullo de 2014 pola que se fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 22 de maio de 2014, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014.

A Orde do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014, establece no seu artigo 2.2º que os créditos estimados que financian os programas contidos na orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Dado que existen remanentes de crédito de fondos finalistas procedentes doutras convocatorias que poden ser utilizados para o financiamento desta orde, procede darlles a oportuna publicidade, en cumprimento do disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de créditos

Amplíase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014, nas aplicacións 11.03.322A.460.0 e 11.03.322A.460.2 polos importes globais de 304.641,05 e 10.436,29 euros, respectivamente.

Artigo 2. Prazo de solicitude

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar