Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 1 de agosto de 2014 Páx. 33236

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións de programas desenvolvidos polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2014, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007-2013.

missing image file

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20º da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, establece, no seu artigo 58, que as competencias en materia de servizos sociais lle corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei. Así mesmo, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no seu artigo 5 establece que as actuacións que se desenvolvan desde as administracións públicas para a aplicación das medidas establecidas nesta lei se rexerán tamén polo principio de responsabilidade pública e solidariedade social, polo que os poderes públicos galegos desenvolverán as medidas reguladas nesta lei mediante a rede pública de servizos sociais e de emprego, sen prexuízo do fomento da participación e da colaboración complementaria das entidades de iniciativa social tanto na aplicación de recursos contra a exclusión coma na mellora continua do sistema.

A Consellería de Traballo e Benestar segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, é o órgano que ten asumidas as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social e as relativas á poboación inmigrante que lle corresponden á Xunta de Galicia.

A Unión Europea, a través da Estratexia 2020, asume como prioridade converterse nunha economía intelixente, sustentable e inclusiva que desfrute de altos niveis de emprego, de produtividade e de cohesión social.

Para lograr a converxencia con España e a Unión Europea, Galicia deberá aumentar a súa taxa de emprego, mellorando as condicións de empregabilidade e propoñendo oportunidades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo e que presentan un maior risco de exclusión.

Nesta liña, aumentar a participación no mercado laboral e mellorar a calidade e produtividade do traballo, impulsando a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos son os principais obxectivos do eixe 2 do FSE para o presente período.

Así o programa operativo do FSE de Galicia 2007/2013 establece que os beneficiarios últimos do eixe serán os grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais, entre os que se encontran aqueles con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo. Nestes grupos a intervención coas persoas cobra especial importancia por precisar de accións complementarias de acompañamento á inserción laboral dispensadas por persoal técnico cualificado non sempre de fácil alcance para as persoas destinatarias dos programas.

A Consellería de Traballo e Benestar, en virtude das súas competencias en materia de inclusión social, considera de especial interese a posta en marcha de programas dirixidos a compensar as dificultades que presentan estes colectivos, xa definidos no II Plan galego de inclusión social.

Así mesmo, e de acordo coas directrices comunitarias definidas nos cumios europeos de Lisboa e Niza en materia de protección social no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social, elaboráronse sucesivamente plans de inclusión social, facendo coincidir as súas vixencias coa programación temporal dos fondos estruturais (2000/2006 e 2007/2013), os cales, desde unha formulación estratéxica centraron en dar respostas globais e integradas que respondan ás necesidades dos grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais. A citada formulación vese reforzada, aínda máis, na Estratexia 2020 e na comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións: a plataforma europea contra a pobreza e a exclusión social, onde esta terá, entre as súas finalidades, «garantir a cohesión social e territorial de tal forma que os beneficios do crecemento e do emprego sexan amplamente compartidos e as persoas que sofren pobreza e exclusión poidan vivir dignamente e tomar parte activa na sociedade».

O II Plan galego de inclusión social naceu coa vocación de constituírse como instrumento decisivo de loita contra a pobreza e a exclusión social, entendido como debilitamento e/ou ruptura dos vínculos entre a persoa e o contorno social e incidindo na atención a persoas como proceso de cambio. Baixo este enfoque, o II Plan galego de inclusión social deseña medidas baseadas principalmente na atención a persoas que atravesan por procesos derivados de aquel debilitamento e que precisan dun acompañamento técnico que facilite e/ou posibilite a súa inserción social e laboral. Dentro deste contexto, os perceptores de rendas mínimas, persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana e os inmigrantes, entre outros, considéranse grupos vulnerables e, polo tanto, susceptibles de seren destinatarios de accións que os acompañen no seu proceso de cambio.

A inclusión nunha mesma base reguladora de diferentes colectivos de alta vulnerabilidade exixe que a ferramenta administrativa coa que se pretenda atender aprecie tanto as súas características comúns como que incida nas súas problemáticas singulares.

Coincidindo en que a atención as persoas baixo un principio corrector ou de reforzo, por persoal técnico cualificado, é a base dunha correcta inserción social, defínese como unidade de atención, para os efectos da presente orde, a intervención social entendida como a realización dun itinerario de inclusión sociolaboral a persoas e/ou familias de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral. No presente marco normativo, este entenderase como aquela ferramenta técnica desenvolvida por persoal técnico cualificado no cal este é o responsable de deseñar e conducir, a través do seu acompañamento activo, á realización de accións dirixidas á adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais dos participantes nas accións coa finalidade última de dinamizar as súas capacidades e recursos persoais, sociais e laborais e procurar a súa inclusión social.

Non obstante o anterior, a unidade de intervención así definida descoida aspectos que singularmente afectan en maior grao algúns colectivos, polo que se fai necesario introducir accións complementarias a aquel ao que traten de compensar eses factores de vulnerabilidade asociados. Estas accións complementarias, en función da problemática que se vai atender, adoptarán formas diversas con diferente intensidade de dedicación técnica.

Estes factores de vulnerabilidade asociados implican intervencións puntuais de diversa índole: son actuacións dirixidas á adquisición de habilidades residenciais e convivencia, habilidades educativas dirixidas a favorecer desde o ámbito sociofamiliar a plena normalización no sistema educativo dos menores a cargo, adquisición de pautas hixiénico-sanitarias, actuacións que impliquen a información, asesoramento e apoio na realización dos trámites administrativos, que en determinados colectivos, como poden ser os inmigrantes, teñan especial relevancia para regularizar a súa situación en España, e todas elas comprenderán actuacións de diferente contido e intensidade, aspectos que deberán referenciarse.

Así, defínese como unidades complementarias de intervención as actuacións de carácter residencial das persoas e familias incorporadas aos procesos de realoxo e erradicación do chabolismo ou con carencias básicas no fogar. Para os efectos da presente orde, estas accións deben entenderse como aquela intervención educacional dirixida a mellorar as condicións residenciais das persoas e/ou familias de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral, tanto nos procesos de realoxo por erradicación do chabolismo como noutros relacionados coas condicións de habitabilidade propias da vivenda en relación aos seus ocupantes (infravivenda), como o acompañamento dirixido á convivencia posterior nunha vivenda normalizada.

Por outra banda, unha intervención pública de fomento como a presente orde de axudas non pode obviar o crecente problema da pobreza infantil como axente de cronificación da pobreza, polo que debe impulsar decididamente programas que inclúan medidas dirixidas a mitigar ese perverso efecto. Por iso, a presente orde establece como unidade complementaria de intervención as accións de carácter educacional, e defíneas como aquelas enfocadas a favorecer desde o ámbito sociofamiliar a plena normalización no sistema educativo dos menores ao seu cargo.

Por último, cómpre destacar as unidades complementarias de carácter hixiénico-sanitarias dirixidas á adquisición de pautas normalizadas de atención aos problemas derivados da súa carencia, as cales, como as outras anteriores, deberán referenciarse á súa intensidade e contido.

Finalmente, hai que destacar tamén como unidade complementaria de intervención as actuacións de información, asesoramento e apoio, especialmente no caso das persoas inmigrantes, no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia de traballo, homologación de títulos, reagrupamentos familiares e na emisión de informes de arraigo e de vivenda axeitada.

En coherencia co anterior e desde o punto de vista de eficacia administrativa, defínese como criterio de repartición económica do crédito un sistema de módulos en que se reflictan os prezos para cada unha das intervencións sociais que se vaian realizar tomando como referencia básica a atención ás persoas.

A presente orde regula a convocatoria de subvencións ás corporacións locais para o cofinanciamento de programas desenvolvidos polos servizos sociais de titularidade municipal dirixidos á inclusión sociolaboral dos grupos arriba definidos e considerados vulnerables, de conformidade co establecido na normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE 276, do 18 de novembro de 2003) e do regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE 176, do 25 de xullo de 2006), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG 121, do 25 de xuño de 2007) e no regulamento que a desenvolve, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG 20, do 29 de xaneiro de 2009), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG 214, do 5 de novembro de 1999), Regulamento CE 1828/2006, da Comisión do 8 decembro de 2006 (DOUE do 17 de decembro de 2006), polo que se fixan as normas de desenvolvemento para o Regulamento CE 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento CE 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014 existe crédito adecuado e suficiente para o financiamento das subvencións previstas nesta orde, no estado de gasto correspondente á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Estas axudas están financiadas polo Fondo Social Europeo 2007/2013 nun 80 %, e pola Comunidade Autónoma de Galicia, amais da contribución económica da administración do Estado, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, no caso dos programas especificamente dirixidos á comunidade xitana.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular as bases polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás corporacións locais para o cofinanciamento de programas desenvolvidos polos servizos sociais de titularidade municipal dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral e proceder á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

Para os efectos da presente orde terán a consideración de colectivos de elevada vulnerabilidade os perceptores de rendas mínimas, persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana e a poboación inmigrante extracomunitaria residente en Galicia.

Estas accións son elixibles no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013 no eixe 2, temas prioritarios 70 e 71 e cun cofinanciamento do FSE ao 80 %.

Artigo 2. Entidades solicitantes

2.1. Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou desenvolver o programa mencionado no artigo anterior.

Enténdense incluídas no punto anterior as mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.

Non obstante o anterior e en relación con aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este punto cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da dita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual para o mesmo programa.

2.2. En calquera caso, as corporacións locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

2.2.1. Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2.2.2. Aquelas corporacións locais solicitantes dun programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar a emisión de informes de arraigamento social e vivenda axeitada que a lexislación, en materia de estranxeiría (Regulamento da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social), establece no ámbito da Comunidade Autónoma galega, así como unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante extracomunitaria empadroada segundo as seguintes regras:

Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria sobre a poboación total do concello e ter como mínimo empadroadas no concello máis de 100 persoas inmigrantes extracomunitarias. No caso de non superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria, débese ter como mínimo empadroadas no concello máis de 1.000 persoas inmigrantes extracomunitarias.

Consorcios locais e mancomunidades: superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria o 50 % dos concellos que integran as ditas entidades e ter de media o consorcio ou a mancomunidade máis de 500 persoas inmigrantes extracomunitarias.

Agrupacións de concellos: superar o 2 % de poboación inmigrante extracomunitaria o 50 % dos concellos agrupados e ter de media a agrupación máis de 300 persoas inmigrantes extracomunitarias.

O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e poboación inmigrante extracomunitaria empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria.

Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, agás a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.

No caso de que o solicitante sexa unha agrupación de concellos, o requisito exixido de emisión de informes de arraigamento social e vivenda axeitada enténdese referido aos concellos que compoñen a dita agrupación.

2.2.3. As corporacións locais solicitantes dun programa dirixido a inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga), ademais do establecido no artigo 2.1 e 2.2.1, non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa o deseño e realización de itinerarios personalizados de inclusión social dirixidos a persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia.

Artigo 3. Disposicións comúns, tipoloxía e criterios de formulación dos programas

3.1. Disposicións comúns aos programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral.

Establécese como elemento destinatario obxecto de atención ás persoas, agás nos casos en que a intervención social vincule varias persoas da mesma familia. No caso de referirse a familias e, para os efectos da presente orde, serán aquelas compostas por membros que, compartindo o mesmo marco físico de residencia, estean vinculados por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción, acollemento ou por parentesco de consanguinidade ou de afinidade ata o cuarto grao.

Para os efectos da presente orde defínense as seguintes intervencións como diferentes unidades de atención:

a) A intervención social realizada a través de itinerarios individualizados de inclusión sociolaboral personalizados, con persoas de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral, a cal constitúe a unidade básica de atención. O itinerario de inclusión sociolaboral defínese, para os efectos da presente orde, como aquela ferramenta técnica desenvolvida por persoal cualificado no cal este é o responsable de deseñar e conducir, a través do seu acompañamento activo, á realización de accións dirixidas á adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais dos participantes nas accións, coa finalidade última de dinamizar as súas capacidades e recursos persoais, sociais e laborais e procurar a súa autonomía. Estes itinerarios incluirán as accións necesarias, se é o caso, para o deseño, valoración social individual, revisión dos obxectivos ou actuacións, seguimento do itinerario sociolaboral, seguimento da escolarización dos menores, seguimento das medidas de acondicionamento das vivendas e convivencia en vivenda normalizada, seguimento de pautas hixiénico-sanitarias, medidas de acompañamento e orientación social e laboral, mellora de habilidades sociais básicas, técnicas de busca de emprego, intermediación laboral, información sobre procesos orientados ao realoxo etc, considerándose, para os efectos da presente orde, que cumpre a dita condición cando conteñan, polo menos, seis das citadas accións.

b) Accións de carácter residencial dirixidas a persoas e/ou familias incorporadas a procesos de realoxo e erradicación do chabolismo ou con carencias básicas no fogar: constitúe unha unidade complementaria á intervención social e consiste nunha intervención educacional dirixida a mellorar as condicións residenciais das persoas e/ou familias de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral, vinculada tanto a procesos de realoxo por erradicación do chabolismo como a calquera tipo de intervención dirixida á mellora das condicións de habitabilidade propias da vivenda en relación cos seus ocupantes (infravivenda).

c) Accións de carácter educacional a persoas e/ou familias de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral: constitúese como unidade complementaria da intervención social e serán aquelas accións enfocadas a favorecer, desde o ámbito sociofamiliar, a plena normalización dos/as menores desas familias na escola.

d) Accións dirixidas á adquisición de pautas hixiénico-sanitarias: entenderanse como aquelas dirixidas á adquisición de hábitos normalizados coa finalidade de atender e/ou previr as problemáticas derivadas da súa carencia.

e) Accións de asesoramento técnico especializado e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo, homologación de títulos, reagrupamentos familiares e emisión de informes de arraigo e de vivenda axeitada.

As accións relativas as unidades de intervención sinaladas nas epígrafes b), c), e d) adoptarán as seguintes metodoloxías:

• Accións formativas: consideraranse baixo esta epígrafe aquelas accións presenciais que teñan unha duración mínima de 15 horas cun contido formativo concreto, cun horario común de impartición e que se realicen de forma grupal cun número non superior a 20 participantes aos cales se lles teña deseñada unha intervención social. Poderán adoptar diferente contido en función das necesidades detectadas e versarán sobre contidos das unidades definidas como complementarias. Terán a consideración de accións formativas a realización de cursos formativo-laborais dirixidos á aprendizaxe dunha profesión ou oficio, tanto teóricos como prácticos, incluíndo as que teñan a finalidade de adquirir as competencias clave, así como aquelas que, sendo desa natureza, se definan como unidades complementarias da intervención social. A realización destas accións formativas unicamente será subvencionable se son realizadas directamente pola corporación local beneficiaria, tanto a través de medios propios ou baixo un procedemento de contratación. Excepcionalmente, poderanse considerar como accións formativas aquelas que teñan como contido formativo accións grupais dirixidas á adquisición e desenvolvemento de habilidades sociais e hábitos prelaborais. Neste último caso a dita elección por parte da corporación local excluirá a consideración da intervención social realizada a través de itinerarios individualizados de inclusión sociolaboral personalizados como financiable con cargo á presente orde de convocatoria. Estas accións formativas poderán deseñarse agrupando a destinatarios incluídos en varias tipoloxías de programas, debendo a corporación local solicitante expresar claramente este punto na solicitude. No caso de que a dita acción formativa sexa concedida, os participantes implicados non poderán ser incluídos na mesma acción formativa dentro doutra tipoloxía de programas.

• Accións informativas: consideraranse baixo esta epígrafe aquelas accións realizadas en presenza do/s beneficiario/s, de contido informativo grupal de duración inferior a 15 horas que versen sobre problemáticas comúns dos beneficiarios. Poderán adoptar diferente contido en función das necesidades detectadas e versarán sobre contidos das intervencións definidas como complementarias.

• Accións de asesoramento especializado en materia de estranxeiría: considérase baixo esta epígrafe aquelas accións realizadas con inmigrantes que impliquen a información e asesoramento ás persoas inmigrantes nas distintas situacións xurídicas en que se poden atopar respecto da lexislación de estranxeiría, adquisición de nacionalidade, retorno voluntario, así como a emisión de informes de arraigo e de vivenda adecuada e información sobre procedementos de validación e homologación de estudos e títulos.

En calquera caso, corresponderalle á comisión de valoración a cualificación das accións formuladas polo solicitante con base nos criterios establecidos neste artigo.

3.2. Tipos de programas.

As subvencións reguladas neste orde serán outorgadas segundo a seguinte tipoloxía de programas onde a corporación local solicitante indicará no programa que presente, segundo os anexos II, III e IV, a intervención social que se vai realizar e as súas accións complementarias especificando a natureza delas e demais datos relevantes para a resolución que lle sexan exixidos.

3.2.1. Programas dirixidos á inclusión social da comunidade xitana.

De acordo cos obxectivos establecidos pola Consellería de Traballo e Benestar no ámbito da inclusión social da comunidade xitana e tendo en conta as directrices marcadas pola Unión Europea no marco de apoio ás políticas destinadas a mellora do emprego e da promoción da inclusión social, esta orde subvencionará programas dirixidos á inclusión da comunidade xitana que incluirán as seguintes actuacións comprendidas nas seguintes áreas:

1) Área de inserción e emprego: deseño e posta en marcha de proxectos individualizados de intervención social realizados a través de itinerarios de inclusión sociolaboral enfocados a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral da poboación xitana da seguinte tipoloxía de accións.

a) Intervención social realizada a través de itinerarios de inclusión sociolaboral personalizados.

b) Accións formativas dirixidas ao o desempeño dun posto de traballo, tendo en consideración, de ser o caso, o emprego de metodoloxías adaptadas e con horarios flexibles que permitan a conciliación.

c) Accións formativas de alfabetización dixital.

d) Accións formativas no contorno laboral, tales como prácticas en empresas.

e) Accións formativas dirixidas á obtención de títulos e certificados de profesionalidade. Preparación de exames de competencias clave.

f) Accións formativas dirixidas á creación de emprego autónomo e asesoramento para o cumprimento dos requisitos legais e/ou fiscais, con especial atención á venda ambulante e recollida de residuos sólidos.

g) Accións formativas dirixidas á adquisición e desenvolvemento de habilidades sociais e hábitos prelaborais.

h) Accións formativas específicas para a adquisición do permiso de condución, incluíndo a educación viaria e primeiros auxilios.

i) Accións informativas dirixidas á obtención dos requisitos mínimos para o exercicio dunha profesión ou oficio.

Considerarase requisito indispensable para a concesión da subvención que a totalidade dos participantes teña deseñada unha intervención social realizada a través de itinerarios de inclusión sociolaboral personalizados, independentemente de que sexan ou non considerados financiables con cargo a presente orde de convocatoria.

A execución dos ditos itinerarios polos participantes implicará necesariamente a asistencia dos participantes á actividades formativo-laborais das enumeradas nas letras a, b, c, d, f, h e i ou similares, os cales poderán realizarse ben directamente pola corporación local beneficiaria ben por outros dispositivos existentes no mercado. Neste último caso, a corporación local beneficiaria poderá subcontratar a dita formación ou ben dirixir os participantes a outros recursos existentes cos que non teña vinculación contractual. Tanto neste último caso como se a acción fose obxecto de contratación deberá solicitar a información precisa sobre a asistencia e aproveitamento da formación recibida, segundo se estableza en modelo normalizado.

2) Área de vivenda: deseño e posta en marcha de accións de carácter residencial enfocadas a facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e acceso á vivenda normalizada, da seguinte tipoloxía de accións:

a) Accións formativas e/ou informativas de educación para a convivencia das persoas e familias incorporadas aos procesos de realoxo ou residentes en vivendas que non reúnen condicións de habitabilidade.

b) Accións formativas e/ou informativas de mantemento e coidado da vivenda cara a convivencia das persoas e familias que xa residen nunha vivenda normalizada.

c) Accións informativas dirixidas á incorporación das familias xitanas na bolsa de alugueiro, campañas de información, intermediación no acceso a vivenda usada etc...

3) Área de educación: deseño de accións de carácter educacional enfocadas a favorecer desde o ámbito sociofamiliar a plena normalización do alumnado xitano da seguinte tipoloxía de accións:

a) Accións formativas e/ou informativas coas familias para reducir o absentismo escolar dos/as menores e aumentar a participación das familias na escola.

b) Accións formativas e/ou informativas de reforzo, orientación e apoio ao alumnado xitano e, dun xeito especial, ás alumnas, para evitar o abandono prematuro da etapa de escolarización obrigatoria.

c) Accións formativas e/ou informativas das persoas e familias para a transición entre a educación primaria e a secundaria.

d) Accións formativas e/ou informativas de creación de espazos de compensación socioeducativa extraescolar e en medio aberto.

e) Accións formativas de realización de cursos de alfabetización dirixidos a reducir o analfabetismo da poboación maior de 16 anos.

4) Área de saúde: deseño e posta en marcha de accións enfocados á promoción integral da saúde da seguinte tipoloxía de accións:

a) Accións formativas e/ou informativas dirixidas ás persoas e familias de sensibilización sobre problemáticas sociosanitarias.

b) Accións informativas dirixidas ás persoas e familias que supoñan campañas específicas de educación para a saúde.

c) Accións formativas e/ou informativas de promoción integral da saúde que inclúan accións de fomento da saúde reprodutiva nas mulleres xitanas, controis médicos e pediátricos e adquisición de hábitos dirixidos á prevención da saúde.

3.2.2. Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante.

De acordo co tema prioritario 70 do eixe 2 do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, a través desta orde subvencionaranse os seguintes programas:

1. Programas de asesoramento técnico especializado ás persoas inmigrantes. Accións de información e o asesoramento ás persoas inmigrantes nas distintas situacións xurídicas en que se poden atopar respecto da lexislación de estranxeiría.

2. Programas de integración e inclusión sociolaboral da poboación inmigrante. Dentro destes programas terán a consideración de accións subvencionables as seguintes:

a) Accións formativas de reforzo educativo para o alumnado inmigrante en Galicia.

b) Accións formativas de aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida para adultos.

c) Accións formativas previstas na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, dirixidas á acreditar o esforzo de integración.

d) Intervención social realizada a través de itinerarios de inclusión sociolaboral personalizados.

e) Accións formativas para o desempeño dun posto de traballo, tendo en consideración, de ser o caso, o emprego de metodoloxías adaptadas e con horarios flexibles que permitan a conciliación.

f) Accións formativas de alfabetización dixital.

g) Accións formativas no contorno laboral, tales como prácticas en empresas.

h) Accións formativas para a adquisición de competencias clave.

i) Accións formativas dirixidas á obtención de títulos e certificados de profesionalidade.

j) Accións formativas para a creación de emprego autónomo.

Serán persoas beneficiadas dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto 2 as persoas inmigrantes que se atopen en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, de acordo co establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

Cando os participantes nestes programas sexan perceptores da renda de inclusión social de Galicia directos ou indirectos nos termos establecidos no artigo 11 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, será requisito imprescindible que a intervención social se realice a través de itinerarios de inclusión sociolaboral personalizados independentemente de que sexan ou non considerados financiables con cargo á presente orde de convocatoria.

A execución dos ditos itinerarios polos participantes implicará necesariamente a asistencia dos participantes á actividades formativo-laborais, os cales poderán realizarse ben directamente pola corporación local beneficiaria ben por outros dispositivos existentes no mercado. Neste último caso, a corporación local beneficiaria poderá subcontratar a dita formación ou ben dirixir os participantes a outros recursos existentes cos que non teña vinculación contractual. Tanto neste último caso como se a acción fose obxecto de contratación deberá solicitar a información precisa sobre a asistencia e aproveitamento da formación recibida, segundo se estableza en modelo normalizado.

3.2.3. Programas dirixidos á inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga).

Considéranse programas dirixidos á inclusión social de persoas beneficiarias de Risga aquela intervención social individual que conteña actuacións dirixidas a facilitar a inserción sociolaboral dos participantes nas accións deseñadas nun itinerario de inclusión sociolaboral. Estes itinerarios incluirán as accións necesarias para o deseño, acompañamento e a mellora de aptitudes básicas, desenvolvemento persoal, técnicas de busca de emprego etc.

A execución dos ditos itinerarios implicarán necesariamente que os participantes asistan a actividades formativo-laborais, os cales poderán realizarse ben directamente pola corporación local beneficiaria ben por outros dispositivos existentes no mercado. Neste último caso, a corporación local beneficiaria poderá subcontratar a dita formación ou ben dirixir os participantes a outros recursos existentes cos que non teña vinculación contractual. Tanto neste último caso como se a acción fose obxecto de contratación deberá solicitar a información precisa sobre a asistencia e aproveitamento da formación recibida, segundo se estableza en modelo normalizado.

Así mesmo, poderanse incluír accións de carácter residencial, educacional, de adquisición de pautas hixiénico-sanitarias ou outras que se consideren necesarias sempre que favorezan a inclusión social, e poderán adoptar a forma de acción formativa ou informativa, segundo a natureza e contido da tarefa que se vai desenvolver.

Para os efectos da presente orde terán a consideración de persoas beneficiarias destes programas os beneficiarios directos e indirectos da Risga, en aplicación do artigo 11.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

A realización dun itinerario de inclusión sociolaboral por parte dunha persoa participante con cargo a un programa dos establecidos nesta orde de convocatoria considerarase incompatible coa realización deste a través doutra entidade ou doutro programa dos subvencionados mediante esta orde. Para estes efectos contarase coa información contida no ficheiro de protección de datos de carácter persoal «Xestión de Servizos Sociais» da Consellería de Traballo e Benestar, a cal, como responsable, facilitará a dita información a través da Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Así mesmo, poderanse utilizar datos cedidos doutros ficheiros distintos do anterior.

Poderase presentar máis dun programa dirixido á inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga) sempre que estes conteñan un contido claramente diferenciado de tipo formativo ou metodolóxico baseado en variables que afecten o colectivo atendido no seu conxunto, aspecto que se fará constar na solicitude e será apreciado pola comisión de valoración.

3.3. Criterios de formulación dos proxectos.

Na formulación dos proxectos teranse en conta os seguintes criterios:

a) Aplicación do principio de normalización, evitando a duplicidade de recursos e a creación ou mantemento de dispositivos de atención específica.

b) Adopción do enfoque intercultural: accións que procuren o desenvolvemento das persoas nunha perspectiva de fomento da convivencia, a comprensión mutua e a mellora das relacións entre os colectivos destinatarios e o conxunto da sociedade maioritaria.

c) Implicación dos propios colectivos destinatarios no proceso de cambio, no seu caso.

d) Coordinación efectiva no territorio entre recursos públicos e de entidades de iniciativa social aos efectos de acreditación da posible duplicidade na realización dos itinerarios de inclusión sociolaboral. Coordinación interdepartamental das corporacións locais.

e) Incorporación da perspectiva de xénero.

Artigo 4. Financiamento

Na concesión das subvenciones reguladas nesta orde destínase os importes sinalados a continuación que figuran na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2014.

• 11.05.313C.460.1 cun importe de 526.723,00 euros, cofinanciada nunha porcentaxe dun 80 % polo FSE.

• 11.05.313C.460.2 cun importe de 688.285,99. euros, cofinanciada nunha porcentaxe dun 80 % polo FSE.

• 11.05.312C.460.0 cun importe de 373.260,00 euros, cofinanciada nunha porcentaxe dun 80 % polo FSE.

As contías citadas no presente artigo poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos contidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A este respecto, poderá incrementarse crédito procedente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade nos programas dirixidos á inclusión social da comunidade xitana.

A distribución dos créditos dispoñibles entre os diferentes tipos de subvención farase do seguinte xeito:

Programas dirixidos a inclusión social da comunidade xitana: 600.000,00 euros.

Programas dirixidos a inclusión social da poboación inmigrante: 373.260,00 euros.

Programas dirixidos a inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga): 615.008,99 euros.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de subvención poderá ser utilizado no resto das tipoloxías, sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables en relación co artigo 3 desta orde os que a seguir se relacionan e axustaranse ao establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao Decreto 11/2009, e, se é o caso, o establecido na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación de 2007/2013, e a Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo e Orde ESS/1337/ 2013, do 3 de xullo, que a modifican.

En todo caso, os gastos subvencionables deberán axustarse ao seguinte:

Gastos de mantemento:

1.1. Gastos do persoal.

1.1.1. Gastos de persoal de carácter directo necesarios para a execución das accións: terá a dita consideración o persoal que execute directamente funcións relacionadas coa operación subvencionada e que, polo tanto, desenvolvan funcións inequivocamente identificables con ela. A identificación da operación, no caso de traballadores por conta allea, deberá constar no contrato de traballo ou nunha previa asignación de funcións, no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da operación ou nunha previa asignación de funcións directas, no caso de dedicación parcial da xornada de traballo. A xustificación destes aspectos incorporarase na xustificación da axuda conforme o establecido no artigo 13.1.2 da presente orde. Así mesmo, poderá adoptar as seguintes formas:

a) Traballadores contratados pola corporación local: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda.

b) Traballadores por conta propia contratados pola entidade: estes terán a consideración de gastos subcontratados e seralles de aplicación o límite máximo establecido no punto 4 do presente artigo.

1.1.2. Gastos de persoal de carácter indirecto: terán a dita consideración aqueles que non teñan vinculación directa co desenvolvemento da operación pero que resulten necesarios para a súa realización. A asignación destes gastos exixirá a pro rrata á operación con arreglo a un método xusto e equitativo, de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas, que constará por escrito con carácter previo á realización dos gastos.

1.1.3. As axudas de custo e gastos de viaxe tamén se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos.

1.2. Gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade: comprenderán gastos do alugamento debidamente xustificados, gastos de mantemento do equipamento destinado á operación, gastos de material e outros necesarios para execución da actividade. Estes gastos terán carácter directo sempre que estean vinculados exclusivamente á operación e sexan necesarios para a súa execución. No caso de que a súa vinculación non teña natureza exclusiva serán considerados gastos de carácter indirecto e serán aplicables á operación a través dun método de imputación xusto e equitativo, de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas, que constará por escrito con anterioridade á realización dos gastos.

1.3. Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionable e os de administración específicos só serán subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta. Así mesmo, no caso de que se opte por unha contabilización separada da operación a través da apertura ou mantemento separado nunha conta bancaria específica poderán ser subvencionables os gastos de apertura, se é o caso, e os de mantemento.

1.4. Renting ou gastos de amortización derivados da adquisición de mobiliario, equipamento, vehículos, infraestruturas, bens inmobles e terreos, asignados exclusivamente durante a execución da operación, e, no caso da amortización, sempre que as axudas públicas non contribuísen á súa adquisición. A amortización calcularase de conformidade coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas e o custo referirase exclusivamente ao período subvencionable.

1.5. Os gastos dos/as usuarios/as participantes nas accións incluirán axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes. Estas axudas de custo de desprazamento ou as remuneracións ou asignacións a participantes non poderán ser percibidas por persoas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento, excluíndose da dita consideración os beneficiarios indirectos da dita prestación. Estas bolsas terán unha contía máxima subvencionable de 9 euros día/lectivo sempre que non superen no seu conxunto o 20 por 100 % do importe total do programa subvencionado.

1.6. Así mesmo, consideraranse subvencionables os gastos derivados dos seguros de accidentes dos alumnos, así como aqueles outros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actividade subvencionada.

1.7. Aqueloutros gastos correntes necesarios para a execución da operación, sempre que cumpran os requisitos establecidos na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, á Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e Orde ESS/1337/ 2013, do 3 de xullo, que a modifican.

2. Os gastos subvencionados por esta orde deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que se adecuen aos obxectivos e contidos do programa de traballo subvencionado.

b) Que exista constancia documental da súa realización de xeito que se poidan verificar.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Traballo e Benestar por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

4. Para os efectos previstos nesta convocatoria está permitida a subcontratación, entendendo por esta a concertación con terceiros da execución parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. O beneficiario poderá subcontratar ata un límite máximo do 80 % do orzamento total do proxecto subvencionado e deberá xustificar adecuadamente a súa necesidade. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada. O previsto neste artigo será aplicable a aquelas accións concertadas con terceiros a través de convenios de colaboración.

5. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, estando os subcontratistas obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este aspecto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica de máis vantaxe.

Artigo 6. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A solicitude (anexo I), que conterá o conxunto das axudas solicitadas e concedidas que cofinancien o programa, deberá ir acompañada, ademais, pola seguinte documentación:

a) Certificación da entidade en que conste o acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención.

b) Para o caso de xestión compartida de servizos, deberán achegar o convenio onde se fagan constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada concello membro da agrupación. Tamén debe constar o representante ou apoderado único con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.

c) Para os efectos establecidos no artigo 2 da presente orde, as mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, para os efectos de acreditar a realización conxunta do programa, deberán presentar unha memoria de actuación en que conste unha relación de posibles destinatarios en que figure o seu empadroamento actual e a sede do servizo onde se lles vai dispensar atención.

d) Memoria de aforro de custos presentada por calquera tipo de agrupación de concellos respecto da presentación individual.

e) Capacidade de representación legal do asinante da solicitude naqueles supostos en que o asinante sexa persoa distinta daquela que teña o cargo de alcalde/sa, presidente/a da entidade local ou representante da agrupación de concellos.

f) De ser o caso, aprobación do Plan local de integración da poboación inmigrante.

g) Memoria, asinada por técnico do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa das intervencións incluídas dentro do programa para o que se solicita a subvención, que deberán adecuarse ao establecido no artigo 3 desta orde, a cal detallará individualizadamente o número de intervencións que se van realizar, a súa calendarización, resultados esperados e demais información contida nos específicos segundo a tipoloxía de programa que se vai presentar (anexo II, anexo III ou anexo IV). Neste anexo inclúese un orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos e deberá comprender todos os gastos necesarios para o desenvolvemento e viabilidade do programa.

h) Compromiso, asinado polo interventor da corporación local, do mantemento separado na contabilidade dos gastos financiados e de conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contados desde o peche do programa operativo FSE Galicia 2007/2013 (anexo VI).

i) Compromiso, por parte do tesoureiro da corporación local, de xustificación dos pagos correspondentes aos gastos financiados superiores a 1.000 € mediante extractos ou certificacións bancarias asinadas polo beneficiario e seladas polo banco, aos efectos de cumprir os requisitos establecidos na normativa comunitaria e o artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (anexo VII).

4. Emenda da solicitude. A Subdirección de Inclusión, Inmigración e Acción Social comprobará que as solicitudes cumpren co establecido na presente orde e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días hábiles emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixan, se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Segundo o artigo 59.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no portal de Benestar da Consellería de Traballo e Benestar no enderezo http://benestar.xunta.es ou no Diario Oficial de Galicia. En todos os casos, o prazo de dez días computarase desde a notificación ou publicación na páxina web ou no diario dos citados requirimentos.

5. Sen prexuízo do anterior, a Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico que se indica na solicitude, sempre que nesta se faga constar, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Esta comunicación non afectará o prazo establecido no punto anterior.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

7. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 7. Tramitación dos expedientes

1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración de subvencións, que terá a función de avaliar as solicitudes e emitir o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. A composición da comisión de valoración de subvencións será a seguinte:

a) Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social.

b) Vogais: o/a xefa de Servizo de Inclusión Social e Acción Social e un/unha funcionario/a adscrito á Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social. Ademais, actuando como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a por proposta do presidente.

3. Para o exercicio das súas funcións, esta comisión poderá solicitar informes dos servizos técnicos pertinentes, que non terán carácter preceptivo nin vinculante, con excepción dos informes a que se refire o penúltimo parágrafo do artigo 8.1 da presente orde.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o/a presidente/a da comisión de valoración de subvencións e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo que o substituído.

Artigo 8. Criterios de valoración das subvencións

8.1. Criterios de valoración de programas dirixidos a inclusión social da comunidade xitana.

A comisión de valoración aplicará os seguintes criterios, segundo a súa importancia, sinalada en termos de porcentaxe:

a) A xustificación da necesidade e o impacto social das medidas que se van implantar e a adecuación dos proxectos ás actuacións prioritarias a que se refire o artigo 3.2.1 da presente orde: 30 puntos; acadarán a puntuación máxima aqueles que incorporen actuacións enfocadas a facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e acceso á vivenda normalizada.

b) A presentación conxunta de solicitude por calquera tipo de fórmula de agrupación de concellos, agás fusión municipal: 10 puntos.

c) Número de destinatarios potenciais do proxecto residentes dentro do termo municipal ou agrupación de concellos: 10 puntos.

d) A continuidade dos proxectos desenvolvidos en anos anteriores e os resultados da súa avaliación: 10 puntos.

e) Carácter integral dos proxectos de maneira que se aborden conxuntamente actuacións en máis dunha das áreas sinaladas no artigo 3.2.1 da presente orde: 20 puntos, outorgándose de xeito proporcional ao número de áreas en que se proxecten accións.

f) Memoria de aforro de custos presentada por calquera tipo de fórmula de agrupación de concellos, agás fusión municipal respecto da presentación individual: 10 puntos.

g) A coordinación dos proxectos das corporacións locais cos desenvolvidos por outras entidades, evitando crear redes paralelas de atención e duplicación de recursos: 10 puntos.

Amais do anterior, outorgarase 30 puntos pola presentación de solicitudes por parte dunha fusión de concellos. Neste caso, non serán de aplicación os criterios establecidos nas letras b), c) e f) do presente artigo.

Para a apreciación dos criterios establecidos na letra a) deste artigo a comisión de valoración, amais dos datos que se achegan na solicitude, poderá ter en conta outros, sempre que sexan extraídos de informes dos organismos oficiais competentes na elaboración e difusión dos citados datos, logo de audiencia ao interesado.

A puntuación máxima será de 100 puntos.

8.2. Criterios de valoración de programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante.

As solicitudes presentadas para desenvolver os proxectos subvencionables serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

a) Eficiencia e calidade técnica do proxecto: 30 puntos, desagregados nas epígrafes seguintes:

• Calidade técnica do proxecto referida ás actividades, ao calendario de realización e a os recursos previstos para a consecución dos obxectivos do proxecto: 15 puntos.

• Eficiencia do proxecto tendo en conta o seu custo medio en relación co número de persoas inmigrantes beneficiarias: 10 puntos.

• Continuidade dos proxectos que tivesen unha valoración satisfactoria dos seus resultados en anteriores convocatorias: 5 puntos.

b) Necesidade social do proxecto e adecuación ás actuación subvencionables referidas no artigo 3.2.2.: 20 puntos, dos que se reservarán 10 puntos para aqueles programas dirixidos a perceptores directos ou indirectos da renda de integración social.

c) Poboación total e poboación inmigrante extracomunitaria empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria: ata 10 puntos.

• Do 2,5 % ao 3 % de poboación inmigrante extracomunitaria, ou número de inmigrantes extracomunitarios superior a 1000: 1 punto.

• Do 3 % ao 3,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria: 2 puntos.

• De máis do 3,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria: 3 puntos.

Adicionalmente, incrementarase a puntuación nos seguintes casos:

• Superar as 1.000 persoas inmigrantes extracomunitarias: 3 puntos.

• Superar as 3.000 persoas inmigrantes extracomunitarias: 5 puntos.

• Superar as 8.000 persoas inmigrantes extracomunitarias ou superar o 10 % da poboación inmigrante extracomunitaria: 7 puntos.

d) Proxectos compartidos: ata 30 puntos.

i) Pola presentación de solicitude conxunta por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, ou calquera outra similar, agás a fusión de concellos)- 10 puntos.

ii) Memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual- 10 puntos.

iii) Carácter integral dos proxectos, cando se aborden máis dunha das áreas previstas no artigo 3.2.2- 10 puntos.

Ademais, outorgarase 30 puntos pola presentación de solicitudes por parte dunha fusión de concellos. Neste caso, non serán de aplicación os criterios establecidos nas epígrafes i), ii) e iii) do presente artigo.

e) Entidades locais con plans locais de integración da poboación inmigrante aprobado polo Pleno do Concello ou pola Xunta de Goberno local ou órganos equivalentes no caso de consorcios ou mancomunidades: 10 puntos.

A puntuación máxima será de 100 puntos.

8.3. Criterios de valoración de programas dirixidos á inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga).

a) A xustificación da necesidade e o impacto social das medidas que se van implantar: 25 puntos, que terá en conta a proporcionalidade entre a poboación beneficiaria e a residente no territorio.

b) Contido técnico do programa, incidindo, entre outras variables, na oportunidade e viabilidade das medidas comprendidas nas intervencións sociais deseñadas: 35 puntos, reservándose 10 puntos cando estean previstas accións noutras áreas de intervención distintas da de inserción social e laboral.

c) A presentación conxunta de solicitude por calquera tipo de fórmula de agrupación de concellos, agás fusión municipal: 10 puntos.

d) O número de destinatarios potenciais do proxecto residentes dentro do termo municipal ou agrupación de concellos: 10 puntos.

e) Memoria de aforro de custes presentada por calquera tipo de fórmula de agrupación de concellos, agás fusión municipal respecto da presentación individual: 10 puntos.

f) A coordinación dos proxectos das corporacións locais cos desenvolvidos por outras entidades, evitando crear redes paralelas de atención e duplicación de recursos: 10 puntos.

Amais do anterior outorgarase 30 puntos pola presentación de solicitudes por parte dunha fusión de concellos. Neste caso, non serán de aplicación os criterios establecidos nas epígrafes c), d) e e) do presente artigo.

Para a apreciación dos criterios establecidos na epígrafe a) deste artigo a comisión de valoración, amais dos datos que se achegan na solicitude, poderá ter en conta outros, sempre que sexan extraídos de informes dos organismos oficiais competentes na elaboración e difusión destes datos, logo de audiencia ao interesado.

A puntuación máxima será de 100 puntos.

Artigo 9. Criterios de repartición económica do crédito

Unha vez valoradas as solicitudes por tipoloxías conforme aos criterios establecidos no artigo anterior, obterase unha relación ordenada delas, a cal se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible na convocatoria, o cal se distribuirá segundo o establecido no parágrafo seguinte. No caso de que a corporación local presente máis dun programa por tipoloxía e estes resulten concedidos, o programa considerado non prioritario ocupará o lugar que lle corresponda segundo a puntuación acadada, pero sempre a continuación dos outros programas concedidos aos restantes solicitantes. A cualificación sobre a prioridade do programa presentado deberá constar expresamente na solicitude.

• Módulo de intervención social realizada a través de itinerarios de inclusión sociolaboral a persoas de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral: 1.250 € participante. Este módulo unicamente será aplicable para o cálculo do importe da axuda se inclúe as accións formativas de carácter prelaboral impartidas pola propia corporación local beneficiaria.

• Módulo de accións formativas teóricas/práctica/s, tanto se se imparte nunha aula ou en dependencias dunha empresa, sempre que comporte a presenza dun monitor para o seu desenvolvemento: 40 €/hora, incluíndo todos os gastos que leve consigo a realización do programa.

• Módulo formación práctica laboral en dependencias dunha empresa: 1,5 € por hora e participante ou 0,19 € por quilómetro, participante e día de asistencia, como máximo, en concepto de axuda ao transporte e/ou outros gastos.

• Módulo formativo de permiso de conducir: 20 € ou 46 € por hora de formación, cando o dito itinerario conteña formación dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C, respectivamente.

• Módulo de accións informativas: 5 € por unidade obxecto de atención.

• Módulo de asesoramento técnico especializado en materia de inmigración: 100 € persoa e ano.

En ningún caso o importe máximo da axuda a conceder superará o importe resultante das operacións anteriores e, como límite máximo de axuda concedida o importe de 50.000 € por cada programa subvencionado nos artigos 3.2.1 e 3.2.3, agás en caso de solicitude conxunta no que a dita contía se elevará a un importe máximo de 57.500 €.

No caso dos programas recollidos na epígrafe 3.2.2 dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante, o importe máximo da axuda a conceder non superará o importe resultante das operacións anteriores e, como límite máximo de axuda establécese o importe de 25.000 € por entidade local, agás no caso de solicitude conxunta en que a dita contía se elevará a un importe máximo de 28.750 €.

Artigo 10. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión actuando por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, unha vez avaliadas as solicitudes pola comisión de valoración e emitido o informe. A Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social formulará a proposta de concesión das subvencións que será fiscalizada pola Intervención Delegada. En todo caso, a tramitación da disposición do gasto a favor de cada corporación local exixirá o rexistro previo na aplicación informática dos participantes deseñada e implantada para o II Plan galego de inclusión social.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse ás corporacións locais no prazo máximo de 4 meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, sé é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte do que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE 14 de xullo de 1998), no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que consideren oportuno.

4. En aplicación do artigo 25 da lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da axuda da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar nun prazo de dez días a reformulación da solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención concedida e/ou formular as alegacións que se consideren pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer o desenvolvemento e viabilidade do programa, polo que se deberán manter aqueles gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

5. Todos estes aspectos serán apreciados pola comisión de valoración quen dará a súa conformidade e remitirá o actuado á Dirección Xeral de Familia e Inclusión, quen ditará resolución, a cal terá carácter definitivo.

6. A proposta de resolución definitiva notificaráselles ás corporacións locais solicitantes. Unha vez notificada a resolución definitiva, as corporacións locais beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a aceptación da subvención. Se transcorrido o dito prazo non se produce manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Non obstante o anterior, como regra xeral, permítese a acumulación de axudas, sempre que o importe total destas non supere o custo total do programa. Este aspecto farase constar na resolución de concesión. O sistema de selaxe de orixinais a que se refire o artigo 13.1 da presente orde servirá a estes fins como mecanismo de control da concorrencia de subvencións.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, por existir fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes, ou debido a un incremento dos créditos dispoñibles, nos termos establecidos polo artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

4. Serán de aplicación aos beneficiarios das subvencións recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 12. Obrigas das corporacións locais subvencionadas

As corporacións locais que sexan subvencionadas deberán:

a) Acreditar a realización do programa ou acción que fundamenta a concesión da subvención, o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente, mantendo de forma separada na contabilidade os gastos financiados. Para tal efecto, coa xustificación do gasto a corporación local deberá achegar una explicación razoada do sistema de contabilización elixido. Así mesmo, deberá conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contados desde o peche do programa operativo FSE Galicia 2007/2013.

b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións concedidos, a condición de subvencionada, se é o caso, polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo 2007/2013, conforme a normativa comunitaria, figurando a dita publicidade como mínimo nos partes de asistencia/participación, enquisas de avaliación ou certificado de asistencia.

c) Informar que as actuacións obxecto desta orde están financiadas, se é o caso, polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) e polo FSE, así como dos obxectivos dos ditos fondos, en aplicación dos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, e ao P.O. FSE Galicia 2007/2013.

d) O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. Para estes efectos, comunicará a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera administración pública, de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades tanto públicos como privados, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos programas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento de beneficiarios ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Traballo e Benestar e, se así é requirido, incorporaranse como usuarios da aplicación informática deseñada e implantada para o II Plan galego de inclusión social. Amais do anterior e para os efectos de xustificación da realización das accións obxecto de axuda, notificase obrigatoriamente a información establecida no punto 13.1 en relación co cumprimento da acreditación de unidades físicas de atención consideradas como módulo para cada un dos participantes das accións. En particular e coa periodicidade coa que sexa requirido, deberá comunicar á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o cumprimento polos usuarios beneficiados das accións subvencionadas, comunicación en que se farán constar, como mínimo, os datos de identificación e o seu grao de cumprimento.

f) Remitir no prazo de dez días a aceptación da subvención, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

g) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación do artigo 13 do Regulamento (CE) 1828/2006, do 8 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

h) Acreditar, mediante declaración responsable, atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, en virtude dos artigos 10 e 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) As corporacións locais estarán obrigadas ao cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e, en concreto, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da dita lei. O consentimento das persoas usuarias dos programas de inclusión social para o tratamento dos seus datos de carácter persoal implicará necesariamente a autorización expresa para o tratamento e comunicación dos seus datos ao «ficheiro de datos de carácter persoal Xestión de Servizos Sociais», creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 (DOG nº 246, do 27 de decembro de 2011). A entidade local beneficiaria das axudas convocadas será a responsable de solicitar e custodiar a dita documentación, sen prexuízo da posible cesión de datos para os efectos de xustificar a subvención concedida”.

i) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 13. Pagamento e forma de xustificación das subvencións

Respecto á forma de pagamento observarase o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

1. A xustificación da subvención realizarase pola modalidade de conta xustificativa, segundo se establece a continuación:

A corporación local deberá xustificar tanto as accións como os gastos realizados conforme o establecido a continuación:

1.1. Memoria económica xustificativa que conterá:

• Acreditación do número de unidades de atención realizadas.

• Contía total de subvención xustificada, calculada sobre o número de unidades de atención xustificadas segundo o anterior.

Para os efectos do cumprimento da acreditación de unidades físicas de atención consideradas como módulo deberá xuntarse documentación xustificativa do número de participantes nas accións subvencionadas, identificación veraz dos participantes ao que se xuntará intervencións sociais realizadas, horas de formación realmente impartidas ou de realización da acción informativa e partes de asistencia/participación asinados pola persoa participante e responsable/técnico da realización da actuación, que se engadirán como addenda a este e cuxo modelo será facilitado con posterioridade pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Así mesmo, como complemento de xustificación das intervencións sociais engadirase un parte de asistencia/participación de cada unha das sesións/accións realizadas. Para estes efectos utilizarase como modelo os formularios de rexistro de accións do sistema de información do II Plan galego de inclusión social. No caso de subcontratación os partes de asistencia arriba mencionados deberán conter, ademais, a sinatura do responsable executor. A documentación xustificativa da intervención social, no caso de que esta non sexa financiable por esta orde de convocatoria, será substituída por unha declaración do técnico responsable do programa onde se especifique que a dita actuación se desenvolve no marco dunha intervención social. En todo caso, esta acreditación implicará necesariamente a autorización expresa da persoa usuaria para o tratamento e comunicación dos seus datos de carácter persoal, e a entidade será a responsable de solicitar e custodiar a dita documentación. No caso de asesoramento técnico especializado a inmigrantes, deberá achegarse a relación das persoas atendidas así como a indicación do tipo de actuación que motivou a intervención.

1.2. Certificación do órgano que teña atribuída na corporación local as correspondentes facultades de control, xunto cunha relación dos gastos comprendidos na dita certificación. A estes documentos xuntarase:

1.2.1. Relación de gastos de persoal acompañada de copia das nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retención do imposto da renda sobre as persoas físicas, así como dos documentos xustificativos dos pagamentos.

1.2.2. Relación numerada de facturas con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto e importe e data de pagamento, xunto coas facturas estampilladas pola propia corporación local que soporten o gasto, ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE do 1 de decembro de 2012).

Polo que respecta aos gastos realizados con medios ou recursos propios, acompañaranse os documentos acreditativos dos gastos e a indicación dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación. En concreto, e con respecto aos gastos de persoal e en aplicación do artigo 5.1.1.1 da presente orde, incorporase copia compulsada do contrato de traballo, e/ou resolución expresa, asinadas polo representante da corporación local e o traballador, acreditativa da adscrición do persoal ao programa subvencionado, coa descrición das tarefas concretas que se van desempeñar, a dedicación horaria prevista, a duración da adscrición e o método de cálculo empregado e, de ser posible, os partes de traballo correspondentes.

En todo caso, calquera gasto imputado, tanto as retribucións de persoal como as facturas ou calquera documento acreditativo que figure e se xunte nas relacións, deberán vir acompañados dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto mediante extractos ou certificacións bancarias asinadas polo beneficiario e seladas polo banco, para os efectos de cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptándose a xustificación do pagamento mediante recibo do beneficiario e a súa consecuente saída de gasto en contabilidade no caso das bolsas referidas no artigo 5.1.5 da presente orde e sempre que o importe non exceda 1.000,00 €. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

No caso de que se efectuasen gastos subcontratados en aplicación do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, deberanse achegar os seguintes documentos: proposicións económicas presentadas, informe ou documento equivalente en que se baseou a proposta de adxudicación e a adxudicación. Esta documentación poderá ser substituída unicamente polo documento de adxudicación definitiva cando, en aplicación do citado texto refundido, non sexa exixible outra documentación.

2. O pagamento das subvencións realizarase segundo se establece a continuación:

2.1. Ata o 80 % da contía total concedida, o pagamento poderá facerse efectivo mediante pagamentos á conta da liquidación definitiva a medida en que a corporación local xustifique os gastos realizados na forma prevista anteriormente.

2.2. Antes de facer efectivo o 20 % restante a corporación local, amais da documentación establecida no punto anterior, deberá presentar:

1) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención (anexo VIII), con indicación das unidades de atención realizadas e dos resultados obtidos. Incluiranse, tamén, aquelas accións que, non sendo subvencionadas, supoñen un reforzo as accións do programa (campañas de sensibilización, accións de participación social). Para estes efectos, a corporación local beneficiaria deberá achegar todos aqueles documentos que lle sexan requiridos cara a xustificación perante os órganos cofinanciadores para o cal o órgano xestor achegará os modelos oportunos.

2) A declaración das subvencións e axudas solicitadas, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas ou concedidas, así como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade cofinanciar as actuacións obxecto da subvención (segundo o modelo do anexo V).

3) Declaración responsable de que a corporación local se atopa ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

O importe de axuda para percibir, tanto no caso dos pagamentos á conta da liquidación definitiva como no pagamento final, será o resultado obtido de multiplicar o importe de cada unidade de atención realizada segundo o establecido no artigo 9 polo número delas efectivamente xustificadas. Non obstante, no pagamento final, o importe resultante das ditas operacións aritméticas minorarase cando do contido do balance de ingresos e gastos se deduza que o importe para pagar foi superior ao gasto realizado.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. As actuacións que se subvencionan deberán efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2014. En todo caso e en aplicación do artigo 45.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a resolución de concesión fixará o prazo de xustificación da subvención. O disposto neste parágrafo aplicarase sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regula as operacións de cerramento do exercicio 2014.

Artigo 14. Reintegro das subvencións concedidas

Para os efectos de reintegro das subvencións observarase ao disposto no título 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento de desenvolvemento.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas sinaladas na presente orde. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 20 % sobre a contía total da axuda percibida as recollidas nas epígrafes b) e c) do artigo 12.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, amais do disposto na normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 15. Control

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar e as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE 2007/2013.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas e demais órganos implicados no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Así mesmo, autorizarán a verificación polos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Para verificar o cumprimento do disposto na presente orde, a Consellería de Traballo e Benestar aplicará un sistema de seguimento e control que poderá incluír visitas ás corporacións locais subvencionadas aprobadas para comprobar o grao de cumprimento do destino para o que foi concedida a subvención, e emitirá o correspondente informe.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, o modelo de solicitude (anexo I) inclúe a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Así mesmo, e en aplicación dos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE)1828/2006, a dita relación será comunicada á autoridade de xestión do programa operativo FSE Galicia 2007/2013, con expresión da operación financiada e os fondos públicos asignados para os efectos de ser publicada.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizanse as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Xestión de Servizos Sociais co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es.

Disposición derradeira primeira

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na directora xeral de Familia e Inclusión para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a directora xeral de Familia e Inclusión para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO VIII

Guión para a elaboración da memoria das accións realizadas e resultados obtidos

1. Datos relativos á acción.

• Denominación da acción con indicación do marco físico en que se desenvolve.

2. Xustificación da acción.

3. Obxectivos.

• Obxectivo xeral.

• Obxectivos específicos.

4. Metodoloxía e recursos empregados.

• Recursos propios, tanto humanos como materiais empregados.

• Cooperación con outras entidades.

5. Accións desenvolvidas.

• Fases da acción.

• Datas de inicio e remate.

• Número de horas para cada fase da acción.

• Relación de participantes con expresión do DNI ou equivalente.

• Lugar onde se realiza.

6. Datos relativos aos usuarios de cada acción.

– Perfil das persoas participantes:

• Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

• Clasificación segundo idade (por sexo).

• Clasificación por nivel de estudos etc. (por sexo).

• Clasificación segundo problemáticas dos participantes (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito, etc.) por sexo.

• Clasificación por situación laboral por sexo.

– Outros datos de interese (asistencia, número de baixas, motivación, dificultades, etc.).

– Perfil das persoas con inserción laboral:

• Número total de insercións laborais.

• Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

• Clasificación segundo idade (por sexo).

• Clasificación segundo problemáticas dos participantes por sexo (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.).

• Clasificación por nivel de estudos por sexo etc.

• Datos relativos ao tipo de contrato, xornada e sector de actividade por sexo.

7. Avaliación e seguimento.

• Obxectivos acadados.

• Protocolo de seguimento de actuacións e participantes.

• Valoración dos alumnos/participantes/usuarios.

• Resultado de indicadores de avaliación.

• Conclusións

(Este guión é orientativo, as corporacións locais poderán engadir nas súas memorias os aspectos que consideren significativos para a valoración das accións desenvolvidas).

A corporación local deberá presentar unha memoria para cada unha das accións subvencionadas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file