Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 6 de agosto de 2014 Páx. 33819

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades.

A Lei 2/2003, do 22 de maio, creou o Consello Galego de Universidades como órgano colexiado de consulta e asesoramento da consellería competente en materia de universidades para o desenvolvemento da política de coordinación e planificación do Sistema universitario de Galicia (SUG).

O labor realizado por este órgano desde a súa creación e o protagonismo acadado ao longo dos anos coa participación na toma de decisións esenciais para o presente e o futuro do ensino universitario na nosa comunidade propiciaron unha reforma del tanto na súa composición como nas súas funcións.

É así como a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, contempla a reforma da composición deste órgano para dotar de maior representatividade tanto os órganos da Administración autonómica directamente implicados no desenvolvemento das políticas universitarias como as propias institucións universitarias galegas.

Así mesmo, o articulado da mencionada lei dota o Consello Galego de Universidades dunha serie de competencias que reforzan o seu papel de órgano consultivo e de asesoramento en materia de universidades, adaptando o seu contido ás necesidades actuais e previndo posibles necesidades futuras do sistema.

Para os efectos de que este órgano poida levar a cabo de xeito eficaz as funcións que se lle confiren, o artigo 64 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, prevé que o Consello Galego de Universidades elaborará o seu regulamento interno e tanto esta norma como as súas modificacións deberán ser adoptadas por decreto do Consello da Xunta.

De conformidade co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a iniciativa do Consello Galego de Universidades e por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xullo de dous mil catorce.

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobar o Regulamento do Consello Galego de Universidades que figura anexo a este decreto.

Disposición adicional

En todo o que non estea especificamente recollido neste regulamento observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e na demais normativa reguladora do funcionamento de órganos colexiados.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 313/2004, do 2 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de universidades para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do Regulamento do Consello Galego de Universidades.

Disposición derradeira segunda

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Regulamento do Consello Galego de Universidades

CAPÍTULO I
Definición, adscrición e competencias do Consello Galego de Universidades

Artigo 1. Definición

1. O Consello Galego de Universidades é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da consellería competente en materia de universidades para o desenvolvemento da política de coordinación e planificación do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG).

2. A súa organización e funcionamento rexerase polo disposto na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, na normativa reguladora dos órganos colexiados e neste regulamento.

Artigo 2. Adscrición

1. O Consello Galego de Universidades está adscrito organicamente á consellería competente en materia de universidades, que asumirá os custos derivados do seu funcionamento con cargo aos seus orzamentos.

2. A súa sede estará no lugar en que radique a consellería competente en materia de universidades.

Artigo 3. Competencias do Consello Galego de Universidades

1. Corresponde ao Consello Galego de Universidades asesorar a persoa titular da consellería competente en materia de universidades naquelas cuestións que decida someter á súa consideración, formulándolle cantas recomendacións considere oportunas para o desenvolvemento da política universitaria e do SUG.

2. O Consello Galego de Universidades emitirá informe, con carácter previo á toma de decisión polo órgano competente, respecto das seguintes materias:

a) Os proxectos de disposicións normativas autonómicas en materia universitaria.

b) As propostas de creación de universidades públicas e de recoñecemento de universidades privadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A creación, modificación e supresión de centros universitarios, de institutos universitarios de investigación ou de calquera outra estrutura docente ou investigadora no territorio de Galicia.

d) A creación, modificación e supresión de centros propios ou estruturas das universidades do SUG no ámbito territorial doutra comunidade autónoma.

e) A creación, modificación e supresión de centros ou estruturas que organicen ensinanzas na modalidade non presencial no territorio da Comunidade Autónoma.

f) As propostas de convenios para a adscrición de centros a unha universidade pública do SUG e nos supostos de revogación desta, así como ser informado sobre a adscrición de institutos universitarios de investigación, ou estruturas equivalentes, ás ditas universidades.

g) Os convenios para a adscrición ou a integración de centros universitarios a unha universidade pública ou privada non pertencente ao SUG, cando realicen as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) As propostas de implantación e supresión de ensinanzas, que se impartan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera modalidade, conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

i) As propostas de impartición por universidades non pertencentes ao SUG, de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, na modalidade non presencial.

j) As propostas de organización conxunta de estudos entre universidades do SUG ou destas con institucións non pertencentes ao sistema.

k) A impartición no estranxeiro de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, por parte das universidades do SUG.

l) A impartición en centros situados en Galicia de ensinanzas conducentes á obtención de títulos, certificados ou diplomas de educación superior universitaria de acordo con sistemas educativos estranxeiros, impartidos en calquera modalidade.

m) As propostas de avaliación e mellora da calidade dos servizos universitarios.

n) Os convenios de colaboración en materia universitaria con outras comunidades autónomas e con rexións ou países estranxeiros.

o) As normas reguladoras do acceso, progreso e permanencia do alumnado nas universidades do SUG, con carácter previo á súa aprobación no consello social da universidade.

p) As taxas e prezos públicos das ensinanzas oficiais.

q) O plan galego en materia de I+D+i.

3. Habilítase o Consello Galego de Universidades para:

a) Coñecer os estatutos das universidades do SUG así como as súas modificacións.

b) Coñecer e elaborar propostas sobre os criterios para a programación e o financiamento do SUG.

c) Facilitar o coñecemento mutuo, as consultas recíprocas e o intercambio de información entre as universidades galegas en todas as súas esferas de actividade, así como entre estas e a Xunta de Galicia, en especial en relación con aquelas intervencións que deban acometerse conxuntamente ou que afecten máis dunha universidade.

d) Coñecer os plans, estratexias e actuacións levadas a cabo polas universidades do SUG no eido do Consorcio Interuniversitario de Galicia.

e) Coñecer os plans de estudo das ensinanzas impartidas polas universidades galegas e as súas modificacións, logo da resolución de verificación.

f) Coñecer as propostas de creación, modificación ou supresión de centros dependentes dunha universidade galega no estranxeiro para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

g) Impulsar programas de actuación interuniversitaria e con outras entidades, públicas ou privadas, para a realización de estudos, actividades e ensinanzas que incidan na mellora dos sistemas de calidade.

h) Promover a cooperación entre as universidades galegas, as restantes administracións públicas e outras institucións universitarias estatais ou estranxeiras para a organización conxunta de actividades e ensinanzas, especialmente nos niveis de posgrao ou conducentes á obtención de diplomas e títulos propios das universidades.

i) Coñecer os plans estratéxicos das universidades do SUG así como a súa programación plurianual.

j) Coñecer os criterios e directrices de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación que desenvolvan a Administración autonómica e as universidades do SUG.

k) Coñecer as memorias anuais, estudos e actuacións levadas a cabo polos consellos sociais das universidades do SUG, así como promover a coordinación e colaboración entre estes órganos.

l) Designar ou propoñer a designación de representantes das universidades do SUG en órganos colexiados, cando así o requira a súa normativa reguladora.

m) A racionalización das ensinanzas, dos servizos e das actividades universitarias existentes en Galicia, especialmente mediante o intercambio de persoal, de instrumentos e infraestruturas de investigación existentes ou de futura adquisición, de fondos bibliográficos e de datos informáticos.

n) Coñecer a memoria anual que presentará cada unha das universidades do SUG.

4. Corresponderán ao Consello Galego de Universidades todas aquelas outras competencias que se determinen na normativa vixente.

Artigo 4. Relacións de cooperación

Para desenvolver as súas competencias, o Consello Galego de Universidades, a través da súa Presidencia, poderá requirir a colaboración de persoas físicas e/ou xurídicas, así como solicitar a información que precise de todos os órganos da universidade e da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (en diante, ACSUG).

CAPÍTULO II
Membros do Consello Galego de Universidades

Sección 1ª. Composición

Artigo 5. Composición

1. O Consello Galego de Universidades está integrado polos seguintes membros:

a) O conselleiro ou a conselleira competente en materia de universidades.

b) A persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia de ensino universitario.

c) A persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia de ensino superior non universitario.

d) Unha persoa representante de cada unha das consellerías competentes en materia de investigación e desenvolvemento, orzamentos e sanidade designada polos conselleiros ou as conselleiras entre as persoas titulares de órganos de dirección.

e) Os reitores ou reitoras das universidades integrantes do SUG.

f) As persoas titulares das xerencias das universidades integrantes do SUG.

g) Os presidentes ou as presidentas dos consellos sociais das universidades integrantes do SUG.

h) Catro membros designados pola comisión do Parlamento de Galicia competente en materia universitaria, en proporción á súa representación no Pleno do Parlamento.

i) A persoa responsable da dirección da ACSUG.

2. O nomeamento e cesamento dos membros a que se refiren as letras a), b), c), d) e) f), g) e i) do punto anterior determinará automaticamente a adquisición e perda da condición de membro do Consello Galego de Universidades.

Os acordos de designación dos membros elixidos polo Parlamento de Galicia serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá a nomealos mediante orde da súa consellería, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos a partir desa data.

3. Na composición deste órgano procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Sección 2ª. Dereitos e deberes dos membros

Artigo 6. Dereitos

Son dereitos dos membros do consello:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das sesións.

b) Asistir ás sesións dos órganos dos que forman parte e participar nos debates.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido e os motivos que o xustifican.

d) Delegar o voto noutro membro do consello. A persoa membro presente nunha sesión só poderá asumir unha única delegación de voto.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter, a través da Presidencia, a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

Artigo 7. Deberes

Son deberes dos membros do consello:

a) Asistir ás sesións do Pleno e das comisións de que formen parte.

b) Desempeñar o seu cargo atendendo aos fins do Consello Galego de Universidades, con independencia da representación que teñan.

c) Executar as funcións que lles sexan encomendadas por razón dos seus cargos.

d) Gardar segredo das votacións realizadas polos membros e das deliberacións internas sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren secretas.

e) Non utilizar a información ou documentación que se lles facilite para fins distintos daqueles para os que lles foi entregada.

f) Observar en todo momento a normativa de incompatibilidades que, segundo a lexislación vixente, lles poida afectar.

g) Poñer en coñecemento do consello calquera información que afecte as actuacións ou competencias deste órgano.

Sección 3ª. Estatuto xurídico dos membros

Artigo 8. Duración do mandato

1. Os membros natos do Consello Galego de Universidades exercerán as súas funcións desde a data en que tomen posesión do cargo que desempeñen ata o momento en que cesen no seu desempeño.

2. A duración do mandato dos membros do Consello Galego de Universidades de designación parlamentaria será de catro anos, e permanecerán en funcións desde a expiración do devandito período ata a toma de posesión dos novos membros.

Artigo 9. Perda da condición de membro do Consello Galego de Universidades

1. Os membros do Consello Galego de Universidades perderán a súa condición por algunha das seguintes causas:

a) Por terminación do mandato.

b) Por renuncia.

c) Por incapacidade declarada por resolución xudicial firme.

d) Por morte ou declaración de falecemento.

e) Por cesamento, no caso dos membros que teñan esta condición por razón do seu cargo.

f) Por condena xudicial firme que comporte a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público.

g) Por estar incurso en causa de incompatibilidade, segundo a lexislación que sexa aplicable en cada caso.

2. Cando un membro nato cause baixa por renuncia, incapacidade xudicialmente declarada, morte ou declaración de falecemento, por estar incurso en causa de incompatibilidade ou por condena xudicial firme que comporte a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público, así como por revogación da designación pola entidade ou institución á cal representa, designarase un/unha substituto/a, respectando o procedemento previsto en cada caso para a súa designación. O/a substituto/a será designado/a polo tempo que falte para a conclusión do correspondente mandato.

3. En relación coas persoas membros designadas polo Parlamento de Galicia observaranse as seguintes regras:

a) A renuncia deberase presentar por escrito á persoa titular da Presidencia da comisión parlamentaria competente en materia universitaria, quen a comunicará á persoa titular da consellería competente en materia de universidades para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá efectos a partir desa data.

b) As vacantes que se produzan entre os membros elixidos polo Parlamento antes da finalización do seu mandato cubriranse polo mesmo procedemento empregado para a súa designación, no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato, sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior.

Artigo 10. Indemnizacións

Os membros do Consello Galego de Universidades percibirán unicamente as indemnizacións por razón de servizo que, de acordo coa lexislación vixente, lles correspondan, agás cando manifesten a súa renuncia expresa a elas.

CAPÍTULO III
Organización e funcionamento do Consello Galego de Universidades

Artigo 11. Estrutura interna

1. O Consello Galego de Universidades estrutúrase en órganos colexiados e unipersoais.

2. Son órganos colexiados o Pleno, a Comisión de Titulacións e Centros, a Comisión de Financiamento e Investimentos e as demais comisións que o Pleno acorde constituír.

3. Son órganos unipersoais a Presidencia, a Vicepresidencia e a Secretaría.

Sección 1ª. Órganos colexiados

Artigo 12. O Pleno

1. O Pleno do Consello Galego de Universidades está integrado por todas as persoas membros del e exerce as competencias que correspondan ao consello en canto non estean encomendadas a outros órganos deste.

2. Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez por cuadrimestre.

3. Procederá realizar unha sesión extraordinaria cando así o acorde o/a presidente/a ou o soliciten por escrito a maioría dos seus membros. No escrito de solicitude deberán constar os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día e a achega de todos os documentos, se os houber, relacionados coa orde do día proposta.

Artigo 13. As comisións

1. O Pleno poderá crear comisións e designar, de entre os seus membros, as persoas en que delegará a realización de estudos, deliberacións e propostas, así como propoñer a adopción de acordos sobre materias concretas que lles sexan atribuídas polo Pleno ou recollidas no acordo de constitución.

2. O Pleno poderá designar de entre os seus membros as persoas integrantes da Comisión de Titulacións e Centros e da Comisión de Financiamento e Investimentos. Nestas comisións procurarase establecer unha representación adecuada de membros de designación administrativa, universitaria e parlamentaria atendendo, prioritariamente, ao perfil máis adecuado aos temas obxecto de estudo, análise e proposta.

3. O/a presidente/a do Consello Galego de Universidades, por vontade propia ou por solicitude de calquera membro do consello, poderá invitar a asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz e sen voto, a persoas expertas, membros das comunidades universitarias e representantes de calquera entidade ou institución pública ou privada, de acordo coa natureza dos asuntos que se traten.

4. Unha vez constituída unha comisión ou ordenada a súa reunión por parte do/a presidente/a, esta deberá reunirse no prazo máximo de dous meses, debendo indicar o/a presidente/a a data de entrega do estudo ou proposta.

5. As propostas, estudos ou documentos que elaboren as comisións aprobaranse pola maioría simple dos seus membros con dereito a voto. No caso de existiren discrepancias no seu texto, os membros da comisión poderán achegar ao texto a discrepancia mostrada, que tamén se incorporará á acta da comisión.

6. Os acordos adoptados por estas comisións elevaranse ao Pleno do Consello Galego de Universidades.

Sección 2ª. Órganos unipersoais

Artigo 14. A Presidencia

1. O/a presidente/a do Consello Galego de Universidades é a persoa titular da consellería competente en materia de universidades e exerce a representación legal deste órgano.

2. Exerce no Pleno e nas comisións as competencias propias da Presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate.

3. Correspóndelle á Presidencia:

a) Garantir o cumprimento das funcións e competencias do Consello Galego de Universidades.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e deliberacións concedendo e denegando a palabra, determinando os tempos de intervención e suspendéndoos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Coordinar as actividades dos membros dos órganos do consello.

f) Nomear e dispoñer o cesamento do/a secretario/a do Consello Galego de Universidades.

g) Facer delegación expresa do seu cargo no/a vicepresidente/a, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou outro caso legalmente previsto, ou calquera outra causa que impida a súa asistencia ao Pleno unha vez convocado este.

h) Ordenar a execución dos acordos acadados.

i) Invitar aos plenos e ás comisións, con voz pero sen voto, a todas aquelas persoas que considere oportuno en razón dos temas que se van tratar, nos termos sinalados no artigo 13.3.

j) Requirir a colaboración de persoas físicas e/ou xurídicas, así como solicitar a información que precise de todos os órganos da universidade e da ACSUG.

k) Resolver as dúbidas que se susciten en aplicación dos preceptos deste regulamento.

l) Asegurar o cumprimento das leis.

m) Visar as actas e certificacións dos acordos do consello.

n) Exercer cantas outras funcións considere necesarias para o bo funcionamento do Consello Galego de Universidades e sexan inherentes á condición de presidente/a deste.

Artigo 15. A Vicepresidencia

O/A vicepresidente/a é a persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia universitaria, quen substituirá o/a presidente/a por delegación expresa deste/a, así como no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Artigo 16. A Secretaría

1. O/A secretario/a do Consello Galego de Universidades será designado/a e removido/a pola Presidencia entre funcionarios/as do grupo A1 ao servizo da consellería competente en materia de universidades. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, poderá ser substituído/a temporalmente por un/unha funcionario/a designado/a pola Presidencia.

2. Exerce no Pleno e nas comisións as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado, e aquelas que lle encomende este regulamento e demais normativa vixente.

3. Correspóndelle á secretaria ou ao secretario:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto se non é membro do consello, e con voz e voto se é membro do Consello Galego de Universidades.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do consello por orde da presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros do consello e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar as reunións do Pleno e das súas comisións, así como dar fe dos acordos adoptados nelas.

e) Levantar acta das sesións e actuar de fedatario dos seus actos e dos seus acordos.

f) Expedir certificacións das actas, consultas, ditames e acordos adoptados nos plenos e nas súas comisións.

g) Auxiliar o/a presidente/a en cantas tarefas se lle encomenden.

4. A Secretaría contará co apoio do servizo responsable da coordinación do Sistema universitario de Galicia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como órgano encargado da garda e custodia da documentación do Consello Galego de Universidades.

Sección 3ª. Sesións e acordos

Artigo 17. A convocatoria

1. A convocatoria das sesións plenarias correspóndelle á Presidencia do Consello Galego de Universidades e deberá ser acordada e notificada aos seus membros cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

2. A convocatoria das sesións das comisións corresponderalle á Presidencia do Consello Galego de Universidades, e será de aplicación o establecido para as convocatorias do Pleno.

Artigo 18. A orde do día

1. Xunto coa convocatoria das sesións, deberase notificar a todos os membros do Pleno ou das comisións a orde do día, que será fixada pola presidencia. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida no artigo 17.1.

2. Poderá solicitarse a introdución dun punto na orde do día, por parte da maioría dos membros do Pleno ou da comisión respectiva, sempre e cando esta petición se formule con vinte días naturais de antelación á súa convocatoria.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do Consello Galego de Universidades ou da respectiva comisión e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 19. As sesións

1. Para a válida constitución do Consello Galego de Universidades ou das súas comisións, para os efectos da realización das sesións, das deliberacións e da toma de acordos, requirirase a presenza do/a presidente/a e do/a secretario/a ou, de ser o caso, daquelas persoas que os/as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

Para os efectos deste cómputo, terase en conta o disposto no artigo 21 deste regulamento respecto da delegación do voto.

2. As sesións do Pleno e das comisións non serán públicas.

Artigo 20. Acordos

1. Os acordos do Pleno e das comisións poderán adoptarse por asentimento ou por votación.

2. Entenderanse adoptados por asentimento os acordos que versen sobre propostas respecto das cales non formulasen obxeccións ningún membro presente.

3. Os restantes acordos adoptaranse por votación e será suficiente o voto favorable da maioría simple de votos. As votacións realizaranse polo procedemento de man alzada.

4. No caso de empate, decidirá o voto de calidade da persoa que presida.

5. Unha vez iniciada a votación, ningún membro do Pleno ou da comisión poderá ausentarse da sesión ata concluída aquela. No caso de producirse esta situación, o voto da persoa ausente considerarase como abstención.

6. Os acordos que adopten os órganos do Consello Galego de Universidades non terán carácter vinculante, dada a súa natureza consultiva e de asesoramento. O consello deberá ser informado das disposicións e resolucións relativas aos asuntos sobre os cales emitiu informe ou que coñeceu previamente.

Artigo 21. Delegación de voto

1. Os membros do Consello Galego de Universidades desempeñarán os seus cargos persoalmente. Non obstante, para unha sesión concreta, poderán delegar o seu voto cumprindo as seguintes indicacións:

a) A delegación de voto realizarase por escrito dirixido á Presidencia en que constará o motivo ou motivos da delegación.

b) Cada persoa membro presente nunha sesión poderá asumir só unha delegación.

c) A persoa que exerza a presidencia do consello, logo de verificar que existe quórum, informará as persoas presentes das delegacións de voto recibidas.

2. Para os efectos de establecer o número de asistentes así como as maiorías, consideraranse presentes os membros do consello que exercesen de xeito correcto a delegación do voto.

Artigo 22. As actas

1. O/A secretario/a levantará acta de cada sesión que teña lugar, tanto do Pleno coma dos distintos órganos do Consello Galego de Universidades. Nela especificaranse necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións así como o contido dos acordos adoptados e, de ser o caso, o resultado das votacións.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do consello, o voto particular, así como o sentido do voto e os motivos que o xustifican.

3. Calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale a Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou uniráselle copia a esta. Así mesmo, calquera membro poderá solicitar a modificación da acta, antes da súa aprobación, remitindo un escrito dirixido á Presidencia en que conste fielmente a súa intervención.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas contado desde o momento en que o/a presidente/a dea por finalizada a sesión. Este escrito incorporarase ao texto aprobado.

5. As actas aprobaranse na seguinte sesión; no entanto, o/a secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente esta circunstancia.

Artigo 23. Uso de medios electrónicos

1. Os órganos do Consello Galego de Universidades poderán constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 26 e 27.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A convocatoria poderá efectuarse por medio do correo electrónico sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Acreditarase a data e a hora en que se produza a posta á disposición dos membros da convocatoria notificada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. En todo caso, presumirase que a notificación se produciu polo transcurso de 24 horas, excluíndo sábados, domingos e festivos, desde a posta á disposición dos membros, agás que de oficio ou por instancia do/a destinatario/a se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

b) Todos os membros do Pleno ou das comisións que teñan a condición de cargo público ou persoal empregado público da Administración autonómica serán notificados no seu enderezo de correo electrónico institucional correspondente. O resto dos membros serán notificados electrónicamente no enderezo de correo electronico que sinalen para este efecto.

3. Os membros dos órganos do Consello Galego de Universidades poderán ser validamente convocados para que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos dos membros. Unha vez constituído o órgano, a persoa que exerza a Presidencia designará, para cada un dos lugares onde non se atope fisicamente o/a secretario/a, un/unha dos membros asistentes para que o/a auxilie nas súas funcións.

4. Para a exposición dos diferentes temas que se van tratar, os membros que así o consideren oportuno poderán facer uso dos medios audiovisuais, debendo comunicalo no momento en que se solicite a introdución do dito punto na orde do día.

5. As sesións do Pleno e das comisións serán rexistradas pola Secretaría por medios electrónicos. Estes rexistros quedarán baixo a garda e custodia do servizo responsable da coordinación do Sistema universitario de Galicia, garantindo, en todo caso, o deber de confidencialidade do seu contido. Os membros do Consello Galego de Universidades poderán acceder a estes rexistros respectando as determinacións contidas nos artigos 6 e 7 deste regulamento.

6. As actas das sesións do Pleno e das comisións do Consello Galego de Universidades poderán ser aprobadas por vía telemática, logo de sérenlles remitidas aos seus membros ao seu enderezo electrónico.

CAPÍTULO IV

Artigo 24. Reforma do regulamento

1. A iniciativa para a reforma do presente regulamento será proposta ao Pleno polo/a presidente/a ou pola maioría dos seus membros. A esta proposta, que deberá ser motivada, deberá xuntárselle un texto articulado.

2. Unha vez aprobada a proposta de reforma pola maioría dos membros do consello, o/a presidente/a, na súa calidade de conselleiro/a competente en materia de universidades, elevaraa ao Consello da Xunta para a súa aprobación mediante decreto e a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.