Na sesión que tivo lugar o día 16 de xullo de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 6 de febreiro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 36, do 21 de febreiro) modificada pola Orde do 24 de marzo de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 8 de abril) para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de biólogos/as, convocado pola Orde do 20 de xuño de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 122, do 28 de xuño), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, que o terceiro exercicio da fase de oposición terá lugar o día 19 de setembro e que o lugar de realización será na aula número 13 da Escola Galega de Administración Pública de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas.
Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal e bolígrafo de tinta azul.
Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
En relación cos textos legais sen comentarios, excluídos os libros de consulta, dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admítense as súas versións consolidadas, aquelas en que figuran notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.
Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2014
Ascensión Labella Lozano
Presidenta do tribunal