Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 14 de agosto de 2014 Páx. 35447

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCION do 1 de agosto de 2014 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da resolución do 23 de setembro de 2013, pola que se regula o procedemento para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convoca para o curso escolar 2013/14.

A Resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria do 23 de setembro de 2013 (DOG núm. 185, do 27 de setembro) regula o procedemento para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e convoca as axudas para o curso 2013/14.

No artigo 19 (financiamento) establécese que serán cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) nun 75 %, e con fondos propios que cofinancian da Xunta de Galicia por un 25 %.

Igualmente, neste artigo precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas para o curso 2013/14: 10.000 euros para o exercicio 2013 e 121.000 euros para o exercicio 2014.

No parágrafo 2 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder atender todas as solicitudes recibidas dos centros escolares relativas ás actividades que se subvencionan, detallados no artigo 3 da resolución, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, e nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 existe unha maior dotación orzamentaria para esta aplicación e proxecto, cómpre, mediante esta resolución, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no artigo 3 da Resolución do 23 de setembro de 2013 (DOG núm. 185, do 27 de setembro), conforme o artigo 19 parágrafo 2, increméntase no importe de 24.000,00 euros, e con cargo á aplicación 12.80.713F.779.0, plan de consumo de froitas na escola, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014, polo que o importe total para estas axudas despois deste incremento é de 311.135,08 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita resolución estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única. O incremento de crédito previsto no artigo único desta resolución non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Resolución do 23 de setembro de 2013 (DOG núm. 185, do 27 de setembro).

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2014

Patricia Ulloa Alonso
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria