Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 27 de agosto de 2014 Páx. 36529

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 7 de xullo de 2014 pola que se notifica requirimento previo de desafiuzamento administrativo do departamento número 1 do porto de Tragove (Pontevedra) destinado a almacenamento de aparellos.

De conformidade co disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Vilagarcía de Arousa a Costaatlántico Fish & Selfish, S.L. requirimento previo de desafiuzamento administrativo do departamento número 1 do porto de Tragove destinado a almacén de aparellos, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos no último enderezo coñecido, sito na urbanización El Rial, rúa Xesta, 25, de Vilagarcía de Arousa.

Segundo informe da Xefatura da Zona Sur, por atoparse vencida a anterior autorización, requiriuse a empresa o 7 de febreiro de 2014 para solicitar nova autorización ou proceder ao desaloxo do departamento, sen obterse resposta; con posterioridade, o 9 e o 30 de abril de 2014 enviáronse outros dous requirimentos que foron devoltos polo servizo de Correos.

O presente acto administrativo, que emite a Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia de acordo coas competencias previstas no artigo 114 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, emítese ao abeiro do artigo 113 desa lei, do artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e do artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o regulamento da entidade pública Portos de Galicia.

Outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de 10 días hábiles contados desde a publicación da presente cédula no Diario Oficial de Galicia ou da súa exposición no taboleiro de edictos do Concello de Vilagarcía de Arousa, durante o cal poderán formularse alegacións e presentarse os documentos ou xustificacións que se consideren pertinentes. Durante o dito prazo poderá solicitarse nova autorización para regularizar a ocupación.

Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interdictais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.

E para que conste e sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2014

José Juán Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia