Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 1 de setembro de 2014 Páx. 36706

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación da Resolución do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

No Diario Oficial de Galicia núm. 39, do 26 de febreiro de 2014, publicouse a Resolución do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

No artigo 8 da devandita resolución establécese que o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2014.

Pola súa parte, no artigo 16 establécese que a actividade subvencionada deberá ser xustificada antes do 30 de outubro de 2014.

Próximo a rematar o prazo de presentación de solicitudes, á vista de que aínda resta crédito nunha contía que permite atender un número superior de proxectos subvencionables, e co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas axudas, considérase oportuno ampliar o prazo de presentación de solicitudes e, consecuentemente, o prazo de xustificación das subvencións solicitadas de acordo co novo prazo.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dado que non se causan prexuízos a terceiros por tratarse de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva,

RESOLVO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar ata o 15 de novembro de 2014, inclusive, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 8 da Resolución do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Artigo 2. Ampliación do prazo de xustificación

Ampliar ata o 15 de decembro de 2014, inclusive, o prazo de xustificación previsto no artigo 16 da devandita resolución.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración