Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 8 de setembro de 2014 Páx. 37330

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2014 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de especialista de oficios, calefactor, grupo IV.1, pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

O reitor, en uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como os estatutos desta universidade, e en execución do previsto na Resolución do 9 de decembro de 2011 (DOG do 19 de decembro) pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2011, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional especialista de oficios, calefactor, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza vacante na categoría profesional de especialista de oficios, calefactor, grupo IV.1, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e de acceso libre realizaranse separadamente e será en primeiro lugar o de promoción interna. De non cubrirse a vacante por promoción interna, ofertarase para ser cuberta por acceso libre.

1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso.

1.4. O sistema de selección da persoa aspirante será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.5. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.6. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.7. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderá participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e, cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de 21 anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, sen ser español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non ter acadada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria e obrigatoria, graduado escolar, FPI ou equivalente ou certificado de profesionalidade. No caso de que as persoas aspirantes posúan unha titulación académica estranxeira, para poderen participar no proceso selectivo deberán ter homologado previamente o título de acordo co previsto na lexislación española.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos forma parte da solicitude a declaración responsable contida nela de que a persoa aspirante nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á cal pretende incorporarse.

e) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.5.2 desta convocatoria para as persoas discapacitadas, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

2.2. As persoas aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da USC.

b) Estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional.

c) Pertencer a unha categoría distinta que á da praza ofertada nesta convocatoria.

d) Ter unha antigüidade efectiva de polo menos seis meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

e) Poderán quedar exentas do requisito da titulación exixida para a quenda libre, dado que a relación de postos de traballo non recolle unha titulación específica, de acordo co previsto no artigo 37.2 do Convenio colectivo para o persoal laboral.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá solicitalo ao reitor da USC en solicitude segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As persoas aspirantes deberán facer constar na súa solicitude a quenda pola que se inscriben, libre ou promoción interna, segundo corresponda.

A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:

– Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 2 ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– Fotocopia do anexo V a que se fai referencia na base 11 desta convocatoria.

3.2. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– De conformidade co disposto na base 6.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que estean exentas da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán para tal efecto fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

Os antigos diplomas de español nos seus niveis intermedio e superior serán equivalentes, para todos os efectos, aos diplomas previstos no Real decreto 264/2008, nos seguintes termos:

a) O diploma de español (nivel intermedio) será equivalente ao diploma de español (nivel B2).

b) O diploma de español (nivel superior) será equivalente ao diploma de español (nivel C2).

3.3. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase no momento de presentar a solicitude, e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

3.3.1. Certificado acreditativo dos servizos prestados en que conste a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

3.3.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.3.3. O certificado acreditativo dos aspectos indicados nos anteriores números 3.3.1 e 3.3.2 (certificaranse os cursos que constan no expediente) expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC e engadirase á solicitude da persoa aspirante.

3.3.4. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.3.5. En calquera momento a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.4. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos números anteriores farase no Rexistro Xeral da Universidade, situado na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela), no Rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros (avda. Bernardino Pardo Ouro, Polígono de Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.5. Os dereitos de exame serán de 24,90 €, que se ingresarán na conta de Abanca «oposicións», número ES07 2080 0388 2031 1000 0646. Para realizar o ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.5.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando orixinal ou copia compulsada da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo solicitada por persoas que figuren como demandantes de emprego desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

3.5.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptación específicas e o seu motivo.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da USC ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se encontra exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constará o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para emendalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivasen a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III desta convocatoria e terá a categoría terceira das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución, o tribunal para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.7. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel cá exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.2 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vai realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2014 da Consellería de Facenda.

6.2. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizase o primeiro deles, así como na Reitoría da Universidade, na páxina web http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, cunha antelación de, polo menos, 24 horas á sinalada para o seu inicio.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro (BOE do 8 de novembro), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto, e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estaren en posesión do diploma de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación, non poderán ser declaradas exentas e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita anteriormente.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo de audiencia á persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, e comunicaralle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas pola persoa aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, na sede do tribunal, na páxina web http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida e do documento acreditativo da identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. No caso de empate, a orde de prelación será a seguinte: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior idade e orde alfabética.

7.6. O tribunal fará pública, para cada quenda de acceso, a listaxe das persoas aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas e que en ningún caso poderá conter un número de persoas superior ao de prazas convocadas. A dita relación, que será elevada polo tribunal ao reitor da universidade xunto coa proposta de contratación a favor da persoa aspirante que figure nela, será publicada no taboleiro de anuncios da reitoría.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de persoas aprobadas na Reitoría da universidade, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, rúa Nova, 6, Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Fotocopia compulsada da titulación exixida.

d) Declaración xurada de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Contratación como persoal laboral fixo.

9.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

9.2. O período de proba será de dous meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese con anterioridade desenvolvendo funcións similares na USC.

10. Adxudicación do posto de traballo.

10.1. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaboraranse listaxes de espera, tanto para promoción interna como para acceso libre, coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción por campus, as persoas aspirantes presentarán a solicitude que figura como anexo V desta convocatoria, xunto coa solicitude de admisión ás probas selectivas.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2014

Juan Manuel Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I
Denominación da praza: especialista de oficios, calefactor

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican para as quendas de promoción interna e de acceso libre, agás as exencións previstas na descrición do primeiro e cuarto exercicios.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto, que será obrigatorio e non eliminatorio para as persoas que se presenten pola quenda de acceso libre.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do número 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente xunto coa solicitude estar en posesión do certificado Celga 2 ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito.

A duración desta proba será de 45 minutos.

Segunda proba. Comprensión oral.

As persoas aspirantes escoitarán un texto (gravado ou lido no momento) e, nun cuestionario tipo test, deberán contestar unha batería de preguntas que asegure a súa comprensión do fragmento escoitado.

A duración desta proba será de 15 minutos.

Terceira proba. Comprensión escrita.

Ás persoas aspirantes proporcionaráselles un texto breve, sobre o cal se lles fará unha batería de preguntas tipo test de modo que se avalíe a súa capacidade de comprensión do texto.

A duración desta proba será de 15 minutos.

Cuarta proba. Expresión oral.

Consistirá nunha entrevista co persoal examinador, quen nun modelo de folla de avaliación irá anotando distintos parámetros da fala da persoa entrevistada, tanto da súa fonética como da súa riqueza léxica, tanto da pronuncia como da sintaxe.

A duración da entrevista será de dez minutos.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes aos coñecementos específicos que figuran no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 90 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas.

Terceiro exercicio, proba práctica: consistirá en contestar por escrito dous supostos prácticos relacionados co temario específico, cuxos datos e documentación serán facilitados polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de dúas horas e media. A puntuación será de 0 a 35 puntos, e será necesario para aprobar obter un mínimo de 17,5 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que se presenten pola quenda de promoción interna.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

II. Fase de concurso.

Quenda de promoción interna: máximo 35 puntos.

Experiencia: máximo 30 puntos.

• Na mesma categoría ou categoría equivalente nas administracións públicas: valorarase 0,40 puntos/mes, ata un máximo de 20 puntos. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías nas administracións públicas: valorarase 0,08 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Celga 4: 0,50 puntos.

• Celga 3: 0,25 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. Os Celga valoraranse a partir do nivel superior ao exixido na convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 30 puntos.

Experiencia: máximo 25 puntos.

• Na mesma categoría ou categoría equivalente na USC: valorarase 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría ou categoría equivalente noutras administracións públicas: valorarase 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

Formación: valorarase igual que para promoción interna, ata un máximo de 5 puntos.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan serán resoltas por unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II
Denominación da praza: especialista de oficios, calefactor

Programa.

Primeira fase: coñecementos específicos:

1. Coñecementos básicos.

1.1. Magnitudes, unidades e conversións.

1.2. Enerxía e calor, transmisión da calor.

1.3. Xeración de calor, combustión e combustibles.

2. Instalacións e equipamentos de calefacción e produción de auga quente sanitaria.

2.1. Definicións e clasificación das instalacións.

2.2. Partes e elementos constituíntes.

2.3. Análise funcional. Instalacións de combustibles.

2.4. Combustión.

2.5. Chemineas.

3. Instalacións e equipamentos de acondicionamento de aire e ventilación.

3.1. Partes e elementos constituíntes: circuíto frigorífico (condensador, evaporador, compresor, expansor); filtro; ventilador ou electroventilador; elementos de control de fluxo do refrixerante; bombas de circulación; presóstatos, termóstatos e humidóstatos.

3.2. Análise funcional. Procesos de tratamento e acondicionamento de aire.

3.3. Equipamentos de xeración de calor e frío para instalacións de acondicionamento de aire.

3.4. Plantas enfriadoras.

3.5. Bombas de calor.

3.6. Grupos autónomos de acondicionamento de aire.

4. Aproveitamento das enerxías renovables nas instalacións térmicas.

5. Redes de transporte de fluídos portadores.

5.1. Bombas e ventiladores: tipos, características e selección.

5.2. Redes de tubaxes, redes de condutos e os seus accesorios: redes de tubaxes (distribución inferior, distribución superior, instalación de tubaxes para condución de auga quente, principio de funcionamento das redes de fluídos); redes de condutos; accesorios (instalacións de auga quente, instalacións de ventilación).

5.3. Illamento térmico: illantes térmicos; colocación do illante (colocación de coquillas, colocación de cobretubaxes, illamento de grandes tubaxes con pranchas.

5.4. Válvulas, tipoloxía e características: tipos de válvulas e as súas características (válvulas de comporta, válvulas de globo, válvulas de diafragma, válvulas de bóla, válvulas de bolboreta, válvulas de retención e de alivio); as válvulas nas redes de tubaxes e condutos, segundo o RITE.

5.5. Calidade e efectos da auga sobre as instalacións.

5.6. Tratamento de auga.

6. Equipamentos terminais e de tratamento de aire.

6.1. Unidades de tratamento de aire e unidades terminais.

6.2. Emisores de calor.

6.3. Distribución do aire nos locais.

6.4. Reixas e difusores.

7. Regulación, control, medición e contabilización de consumos para instalacións térmicas.

7.1. Medición e contabilización de consumos: consumo de auga; consumo de gas; consumo de gasóleo; consumo de enerxía eléctrica; consumo de enerxía térmica; sistemas de lectura de contadores (sistemas de lectura mediante cables, sen cables).

8. Coñecementos básicos de electricidade para instalacións térmicas.

8.1. Magnitudes eléctricas nas instalacións térmicas.

8.2. Planos e esquemas eléctricos: símbolos; trazos; marcas e índices (referencia de bornes de conexión dos aparellos, identificación de condutores).

8.3. Instalación de ligazón.

8.4. Cadros eléctricos: clasificación dos cadros eléctricos; elementos de protección nos circuítos eléctricos: fusibles; interruptores diferenciais; pequenos interruptores automáticos (PIA); protección contra sobretensións.

8.5. Condutores e cables: formas comerciais; cables eléctricos (tipos de cables); diferenza entre neutro e terra.

8.6. Canalizacións eléctricas, tipos: tipos de canalizacións eléctricas (instalacións baixo tubo encaixadas en obras de fábrica, instalacións no interior de ocos da construción, instalación de cables illados sen tubo, instalacións superficiais baixo tubo, instalacións baixo moldura ou quenlla, canalizacións prefabricadas); descrición dos elementos que compoñen as canalizacións eléctricas. Principios de regulación e control: control mediante autómatas.

8.7. Riscos da corrente eléctrica: efectos da corrente eléctrica no corpo humano; anomalías que se poden producir nas instalacións (sobreintensidades, sobretensións, contactos eléctricos).

9. Mantemento das instalacións térmicas.

9.1. Técnicas de diagnose e tipificación de avarías.

9.2. Procedementos de reparación.

9.3. Lubricación.

9.4. Refrixerantes e a súa manipulación.

9.5. Prevención de fugas e recuperación.

10. Explotación enerxética das instalacións térmicas.

11. Técnicas de medición en instalacións térmicas.

11.1. Coñecemento e manexo de instrumentos de medida: instrumentos de medida de variables termodinámicas; instrumentos de medidas de variables hidráulicas; instrumentos de medida de variables eléctricas.

12. Probas e posta en funcionamento das instalacións térmicas.

12.1. Acendido e apagado de caldeiras. Bloqueo de queimadores. Bloqueo de bombas

13. Seguridade na montaxe e mantemento de equipamentos e instalacións.

13.1. Normas de seguridade e hixiene.

13.2. Factores e situacións de risco.

13.3. Criterios de seguridade e saúde laboral aplicados á actividade.

14. Calidade no mantemento de equipamentos e instalacións térmicas.

15. Real decreto 865/2003 polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose.

16. Guía técnica do IDAE para instalacións de auga quente sanitaria: número 7, mantemento.

17. Mantemento de piscinas:

17.1. Elementos da instalación.

17.2. Calidade da auga (cloro, pH).

17.3. Limpeza de fondo.

17.4. Limpeza de filtros.

17.5. Problemas frecuentes derivados do estado da auga e a súa solución.

Segunda fase: coñecementos non específicos:

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas.

2. O Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

3. Estatutos da USC: do persoal de administración e servizos.

4. Estatutos da USC: órganos xerais da Universidade.

5. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

6. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

7. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, nese caso deben entenderse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III
Denominación da praza: especialista de oficios, calefactor

Tribunal titular.

Presidente:

– José Antonio Burés Liñares, persoal laboral fixo da USC.

Vogais:

– José Ángel Carrillo Presedo, persoal laboral fixo da USC.

– Manuel Ángel Meijón Padín, persoal laboral fixo da USC.

– José Ángel Díaz Pérez, persoal laboral fixo da USC.

Secretaria:

– Amalia Díaz Sánchez, funcionaria de carreira da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente.

Presidente:

– Ramón Fernández Varela, persoal laboral fixo da USC.

Vogais:

– Arturo Campanero García, persoal laboral fixo da USC.

– Luis Miguel Muñiz Sobrido, persoal laboral fixo da USC.

– María Isabel del Rocío García del Río, persoal laboral fixo da USC.

Secretaria:

– María Obdulia Lareo Currás, funcionaria de carreira da USC, que actuará con voz e voto.

missing image file
missing image file