Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 17 de setembro de 2014 Páx. 41431

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2014 pola que se convoca un curso de patoloxías estruturais, apeos e apuntalamentos-nivel I, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

missing image file

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), no cal se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de patoloxías estruturais, apeos e apuntalamentos-nivel I, con unha edición, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Curso de patoloxías estruturais, apeos e apuntalamentos-nivel I

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

21

Prazas por edición

20

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

Adquirir coñecementos sobre o recoñecemento das partes dunha edificación, o seu comportamento, tipos de esforzos a que se encontran sometidas, lesións mais frecuentes que se producen nas construcións, as súas múltiples causas e as súas medidas correctoras.

Adquirir coñecementos para realizar traballos de estabilización, apuntalamentos e derrubas para poder realizar tarefas de forma segura que eviten os riscos que poidan derivar do estado das edificacións e que poden chegar a afectar a poboación civil.

Contidos:

Xornada 1: patoloxías na edificación (7 horas).

• Contido teórico (5 horas).

1. Introdución.

2. Consideracións sobre a seguranza na edificación.

3. Lexislación aplicable.

4. Comportamento estrutural e análise patolóxico.

– Xeneralidades.

– Distribución de cargas.

– Tipos, elementos e materiais estruturais.

• Contido práctico (2 horas).

1. Exercicio de análise patolóxica na aula.

Xornada 2: medidas correctoras. Apeos e apuntalamentos en ocos (7 horas).

• Contido teórico (2 horas).

1. Introdución.

2. Xeneralidades e terminoloxía.

3. Límites de seguranza.

4. Tipos de apeo e apuntalamento.

5. Cegamento de ocos.

6. Cálculo e metodoloxía de traballo.

• Contido práctico (5 horas).

1. Exercicios de cegamento de ocos de fachada.

Xornada 3: medidas correctoras. Apeos e apuntalamentos en placas e muros (7 horas).

• Contido teórico (2 horas).

1. Introdución.

2. Xeneralidades e terminoloxía.

3. Límites de seguranza.

4. Tipos de apeo e apuntalamento.

5. Apeos horizontais, verticais e inclinados.

6. Cálculo e metodoloxía de traballo.

• Contido práctico (5 horas).

1. Exercicios de apeo de placas e muros.

3. Destinatarios/as.

Profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas: do 27 ao 29 de outubro.

Horario: das 9.00 ás 13.30 horas e das 15.00 ás 17.30 horas (3 xornadas).

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Uso da residencia: os/as alumnos/as poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa cuartos dispoñibles.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición, é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico.

6.2. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentaranse ás da quenda xeral.

6.3. Se, despois de aplicar os criterios anteriores, houber empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web (http://agasp.xunta.es) unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a imposibilidade de asistir con, polo menos, 48 horas de anticipación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación, será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 8 de setembro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública