Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 23 de setembro de 2014 Páx. 41882

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 115/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Decreto 227/2012, do 2 de decembro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia co fin de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, fundamentada nos criterios de eficacia, economía e austeridade que inspiran a actuación e a organización administrativa.

Esta nova dimensión organizativa reflíctese no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, no cal a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas se configuran como principios básicos que deben guiar a actuación da Xunta de Galicia.

Neste marco, procede agora realizar unha modificación da estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en vigor actualmente, co obxecto de conseguir unha estrutura que permita unha xestión administrativa máis áxil e eficaz dos asuntos públicos que ten atribuídos, e ao mesmo tempo eliminar as disfuncións e ineficiencias existentes alí onde foron detectadas, en aplicación dos principios anteriormente enunciados.

Así, desde un punto de vista funcional, actualízanse os órganos superiores e de dirección da Consellería ao mesmo tempo que as súas entidades públicas adscritas, unha vez que entraron en funcionamento o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, realízase unha nova distribución das funcións atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, reasígnanse e adáptanse as funcións da Dirección Xeral de Mobilidade á entrada en vigor da Lei 9/2013, do 4 de xullo, pola que se modifica a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e a Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea, e téñense en conta as novas necesidades xurdidas no ámbito da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, desde a aprobación do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, que aconsellan unha reordenación das funcións correspondentes ás subdireccións xerais e servizos desta dirección xeral.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, queda modificado como segue:

Un. Dáse nova redacción ao artigo 2, que queda redactado como segue:

«Artigo 2. Estrutura da Consellería

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

d) A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

e) A Dirección Xeral de Mobilidade.

f) A Dirección Xeral de Conservación da Natureza».

Dous. Dáse nova redacción ao artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos e entes:

a) O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cuxos estatutos establece o Decreto 213/2007.

b) A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creado pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e cuxo estatuto foi aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

c) O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1998, do 27 de abril.

d) O Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cuxo regulamento de organización e funcionamento foi aprobado polo Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

e) A Axencia Galega de Infraestruturas creada, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto.

f) O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en virtude do mandado recollido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co carácter, labores e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, regulado no Decreto 74/2006, do 30 de marzo.

b) A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 225.1.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no Decreto 119/1998, do 16 de abril.

c) O Consello Galego de Transportes, regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

d) O Comité Galego de Pesca Fluvial. A presidencia do comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

e) Os comités provinciais de pesca fluvial. A presidencia dos comités será asumida polos xefes ou xefas territoriais da Consellería.

f) O Comité Galego de Caza. A presidencia do comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

g) Os comités provinciais de caza. A presidencia dos comités será asumida polos xefes ou xefas territoriais da Consellería».

Tres. Dáse nova redacción ao punto 2 do artigo 9, que queda redactado como segue:

«2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da Consellería e que sexan atribuídas pola persoa titular da Subdirección Xeral, tanto nos proxectos de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da Consellería, como no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

2.2. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A emisión dos informes encomendados, ademais do estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como a coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

b) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo».

Catro. Dáse nova redacción aos puntos 2.2 e 2.3 do artigo 11, que quedan redactados como segue:

«2.2. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:

a) A tramitación dos expedientes derivados da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

b) O impulso da integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais e, en particular, no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por fondos europeos.

c) O apoio técnico ao exercicio por parte da persoa titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da Rede de Autoridades Ambientais de España.

d) A xestión e o seguimento dos pactos ambientais.

e) As actuacións derivadas da normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetaxe.

f) A homologación de empresas e equipamentos de avaliación de impactos, control da calidade ambiental e de seguimento e inspección ambiental.

g) A tramitación e seguimento das autorizacións ambientais integradas.

h) A tramitación das autorizacións de xestores/as e produtores/as de residuos.

i) A colaboración coas consellerías correspondentes no control da xestión dos residuos non incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia, especialmente coas consellerías de Sanidade, no control da xestión dos residuos producidos nos establecementos sanitarios, e do Medio Rural e do Mar, no control da xestión dos residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

j) A xestión e coordinación das actuacións derivadas da lexislación sobre calidade dos solos e, en particular, a tramitación dos procedementos sometidos á lexislación sobre solos potencialmente contaminados.

k) A xestión da recuperación de solos contaminados.

l) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.2.2.1. Servizo de Avaliación Ambiental.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á avaliación da incidencia dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

b) En xeral, prestarlle asistencia así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Prevención e Xestión Ambiental.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á avaliación da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.3. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á tramitación e seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.4. Servizo de Control da Xestión de Residuos e Calidade dos Solos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe ao control da xestión de residuos e da calidade dos solos.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Residuos.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Residuos exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:

a) A elaboración e seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos e contaminación de solos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A tramitación e o seguimento das autorizacións dos sistemas integrados de xestión.

d) O establecemento e xestión de procedementos que garantan a distribución da información en materia de residuos.

e) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.3.2.1. Servizo de Planificación, Prevención e Información.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á planificación, prevención e información en materia de residuos.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral».

Cinco. Dáse nova redacción ao artigo 12, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Mobilidade exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e ordenación do transporte e, en particular, exercerá as seguintes:

a) A planificación, a coordinación e o seguimento da política xeral de transportes e a execución dos servizos e das infraestruturas de transportes na Comunidade Autónoma.

b) A promoción da investigación sobre transporte, loxística e mobilidade, e o asesoramento ao departamento nestas materias.

c) O estudo e elaboración de proxectos normativos no ámbito das súas funcións.

d) A ordenación do transporte terrestre, por cable e marítimo no ámbito competencial da Comunidade Autónoma. No marco desta función, desenvolverá todas aquelas atribucións que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia e, singularmente:

– O outorgamento das autorizacións fixadas pola normativa sectorial habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte.

– O outorgamento de autorizacións para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as.

– A proposta de adxudicación da explotación dos servizos públicos regulares permanentes de persoas viaxeiras de uso xeral, a través do correspondente contrato de xestión de servizos públicos, e a resolución de expedientes referentes á súa modificación.

– O rexistro de empresas, vehículos, autorizacións, asociacións ou actividades relacionadas co transporte e a loxística.

e) A planificación e a execución das políticas de control e inspección dos diversos modos de transporte.

f) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores, de conformidade coas normas de atribución de competencias para o exercicio da potestade sancionadora en materia de transporte. O estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes e, de conformidade coas normas de atribución de competencias, a súa resolución.

g) O estudo, análise e implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable, o control e a supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados, a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e o fomento de melloras nos elementos móbiles do transporte.

h) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, e a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros/as.

i) A promoción, proxección, construción e xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

j) O control das actividades de transportes en portos, aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado.

k) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas.

l) O desenvolvemento da xestión administrativa en materia de transporte e, singularmente:

– Resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

– As funcións inherentes á xestión económica e o seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividade de fomento no ámbito das súas competencias.

– A tramitación dos expedientes de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.

– Instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración no ámbito das súas competencias.

m) A coordinación da actividade dos servizos territoriais de mobilidade.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, e para o adecuado exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a Dirección Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás cales corresponderán as funcións que a seguir se detallan:

2.1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) O estudo e a proposta de resolución en materia de contratos de xestión de servizos públicos de transporte e autorizacións.

c) O apoio e asistencia á Dirección Xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a propia Dirección Xeral lle encomende, coordinación do transporte, asistencia na coordinación con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte, e control e avaliación da xestión encomendada á Dirección Xeral.

d) A coordinación da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

e) A xestión das liñas de axudas en materia de transportes.

f) A coordinación da formación e a cualificación profesional no sector do transporte.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.1.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.1.2.1. Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Terá atribuído o estudo e a proposta de resolución en materia de servizos de transporte público de viaxeiros/as por estrada, regular e temporal, así como o apoio e a coordinación da xestión administrativa dos servizos territoriais.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento e coordinación dos plans de actuación que, en materia de mobilidade, impulse a Dirección Xeral.

b) Implantación, coordinación e seguimento do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión da secretaría da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia, a asistencia xurídica ao resto de servizos da Subdirección Xeral, as funcións de apoio nas actividades desenvolvidas en materia normativa, a proposta de resolución e seguimento das liñas de axudas en materia de transporte e a resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos no ámbito da ordenación dos transportes.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.4. Servizo de Autorizacións e Informes.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en materia de autorizacións habilitantes para a actividade de transporte e a elaboración de informes preceptivos e facultativos no ámbito da habilitación para o desempeño da actividade de transporte.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Inspección do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) En relación coa función de control do cumprimento da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a elaboración dos correspondentes plans e programas de actuación na dita área, así como a súa execución e o control e a avaliación do seu cumprimento.

b) En relación coa vulneración da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a tramitación dos expedientes sancionadores incoados e, de conformidade coas normas de atribución de competencias, a súa resolución e a dos recursos administrativos que se presenten.

c) Nas ditas áreas inspectora e sancionadora corresponderalle a coordinación xeral da xestión administrativa que en tales ámbitos desenvolvan os servizos adscritos e os servizos territoriais.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Inspección do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.2.2.1. Servizo de Inspección.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación xeral das funcións de programación, dirección e avaliación da actuación inspectora en materia de transportes desenvolvida no territorio da Comunidade Autónoma.

b) O asesoramento e a colaboración coas empresas de transporte, para os efectos de facilitarlles o cumprimento das obrigas formais e materiais que lles incumben.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Informes e Recursos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A incoación dos expedientes sancionadores iniciados como consecuencia da formulación das oportunas actas ou informes que subscriba o persoal inspector adscrito aos servizos centrais, así como a tramitación de tales expedientes e a dos instruídos nos servizos territoriais.

b) A tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas nos expedientes sancionadores.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Planificación Técnica.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Planificación Técnica exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e a análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable.

b) O estudo, a proposta e a programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuacións da Dirección Xeral.

c) A xestión e a coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na comunidade autónoma.

d) Seguimento das actuacións que respecto do transporte ferroviario desenvolvan outras administracións públicas distintas da Comunidade Autónoma.

e) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.

f) As funcións que se lle atribúan en desenvolvemento das actuacións que en materia de infraestruturas de transporte sexan desenvolvidas pola Dirección Xeral.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Planificación Técnica contará co seguinte servizo:

2.3.2.1. Servizo de Infraestruturas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Supervisión técnica das infraestruturas de transporte de viaxeiros/as existentes na comunidade autónoma.

b) Planificación e execución de novas actuacións destinadas ao uso dos/as viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral».

Seis. Suprímese o artigo 13.

Sete. Dase nova redacción ao artigo 14, que queda redactado como segue:

« Artigo 14. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á Consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación para as xeracións futuras e, en particular, exercerá as seguintes:

a) O fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos.

b) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

c) A divulgación dos valores do patrimonio natural; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos singulares da xea da Comunidade Autónoma galega.

d) O desenvolvemento e dinamización do uso público e recreativo do medio natural.

e) A promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen.

f) A conservación específica dos espazos que compoñen a Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

g) O estudo e a elaboración dos proxectos normativos no ámbito das súas funcións.

h) Informe de recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nas materias da súa competencia.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Espazos Naturais.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Espazos Naturais exercerá as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación dos hábitats naturais, dos elementos singulares da xea e das paisaxes naturais e rurais, que conforman no seu conxunto o patrimonio natural.

b) A conservación, protección e promoción da Rede galega de espazos naturais protexidos e a Rede Natura 2000, así como doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión dos espazos naturais protexidos.

d) O fomento de medidas de colaboración e coordinación nas campañas relativas á obtención da bandeira azul.

e) A coordinación de procedementos de queixas e denuncias.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.1.2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.2.1. Servizo de Conservación de Espazos Naturais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos espazos protexidos.

b) O fomento, consolidación e promoción da Rede galega de espazos naturais protexidos e a Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A elaboración dos instrumentos de planificación e xestión.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de informes, directrices e criterios técnicos sectoriais en relación cos procedementos de avaliación dos proxectos, plans e programas que afecten o medio natural e os valores do patrimonio natural.

b) A emisión de informes ou autorizacións relativos a obras, instalacións e actividades que se precisen e, en particular, no referido a accións que afecten a Rede galega de espazos naturais ou Rede Natura 2000.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Parques Naturais da Zona Norte.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión executiva ordinaria dos parques naturais das Fragas do Eume e do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos ditos espazos protexidos. Igualmente, correspóndelle a dirección da Reserva Nacional de Caza dos Ancares.

b) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.4. Servizo de Parques Naturais da Zona Sur.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión executiva ordinaria dos parques naturais do Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos ditos espazos protexidos.

b) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación das especies silvestres.

c) A elaboración de normativa que afecta o exercicio da caza e da pesca fluvial e o benestar animal, sen prexuízo neste último suposto das competencias que ao respecto teña atribuídas o órgano competente en materia de produción animal.

d) A tramitación dos expedientes administrativos para a declaración de terreos sometidos a réxime cinexético especial, así como das distintas figuras das augas continentais.

e) O control e policía da riqueza cinexética e piscícola nas augas continentais.

f) A inspección e o control dos establecementos cinexéticos, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

g) A elaboración e a implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión das especies.

h) Emitir informes sectoriais con relación os procedementos de aprobacións e/ou modificacións de centros de acuicultura en augas continentais.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.2.2. Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.2.2.1. Servizo de Caza e Pesca Fluvial.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A divulgación, formación e promoción específica dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais.

b) A inspección e control das granxas cinexéticas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Conservación da Biodiversidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre e a elaboración das propostas de catalogación de especies ameazadas e a dos plans para a súa xestión, así como a execución destes.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade, prestando atención particular ás especies introducidas de carácter invasor.

c) A aplicación de medidas de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

d) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza existen as seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión executiva ordinaria do parque nacional e desenvolver os instrumentos de planificación e xestión.

b) A coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polos/as axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade.

c) A coordinación de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque nacional, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan de emerxencias.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.3.2. Servizo xurídico-administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración das resolucións dos procedementos administrativos sancionadores que por razón da súa competencia correspondan á persoa titular desta dirección.

b) A elaboración das propostas de informe dos recursos interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza».

Disposición adicional primeira

No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos/as titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos superiores e de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Neste senso, a substitución será asumida polo/a titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, correspondéndolle ao/á primeiro/a, se for o caso, substituír o/a último/a.

Disposición adicional segunda

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional terceira

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como dos/as titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico do seu ámbito de competencias, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Disposición transitoria primeira

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o/a conselleiro/a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde do/a conselleiro/a por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas