Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 30 de setembro de 2014 Páx. 42654

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 124/2014, do 11 de setembro, polo que se determina a estrutura e a organización da oficina fiscal en Galicia e da Unidade de Apoio á Fiscalía Superior.

A Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, estableceu as bases para a definición dun novo modelo organizativo da oficina xudicial, co propósito claro de dar resposta á necesidade de dotar xulgados e tribunais duns métodos máis eficientes e dunha organización áxil, transparente e axustada ás necesidades dunha sociedade moderna.

A reforma do Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal operada pola Lei 24/2007, do 9 de outubro, supuxo, pola súa vez, un cambio significativo na estrutura, organización e funcionamento do Ministerio Fiscal. Este cambio, que pretende dar resposta ás necesidades de modernización e adaptación deste servizo público aos cambios na sociedade e aos avances tecnolóxicos, baséase en dous principios: a ampliación da implantación territorial e o fortalecemento do principio de especialización, principios ambos cuxo obxectivo primordial é reforzar a autonomía funcional e potenciar unha maior eficacia no exercicio das funcións que exerce este Ministerio Público.

Entre as novidades introducidas pola Lei 24/2007, do 9 de outubro, pola que se modifica a Lei 50/1981, do 30 de decembro, reguladora do Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal, figura a creación da figura do/a fiscal superior da comunidade autónoma e mais a posibilidade de dotación dunha unidade de apoio, na cal poderá integrarse persoal funcionario da comunidade autónoma, para determinados labores non reservados aos corpos ao servizo da Administración de xustiza.

Ambas as reformas requiren dun profundo cambio na organización e funcionamento da Administración de xustiza, resultando de aplicación para a configuración da oficina fiscal os principios e características que establece o artigo 435.3 da Lei orgánica do poder xudicial.

O novo modelo organizativo que se desenvolve no presente decreto responde ao modelo de referencia, aprobado polo Ministerio de Xustiza, a Fiscalía Xeral do Estado e as comunidades autónomas o 26 de outubro de 2011, adaptado aos distintos tipos de fiscalías existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

A nova oficina fiscal defínese, así, como a organización de carácter instrumental que serve de soporte e apoio á actividade do Ministerio Fiscal. O modelo base considera a Fiscalía como un centro único de destino en que as áreas definidas son funcionais, non orgánicas, que se apoia nas especialidades e no que poden existir postos de traballo singularizados.

En canto á ordenación do persoal ao servizo da Administración de xustiza e á súa integración na nova estrutura da oficina fiscal, realizarase a través das relacións de postos de traballo, consonte o previsto no artigo 521 da Lei orgánica do poder xudicial, e corresponde á comunidade a súa aprobación inicial nos termos previstos no artigo 522.

Precisamente no capítulo dos recursos humanos con que conta a oficina fiscal en Galicia, cómpre salientar que, como consecuencia das reformas do seu estatuto orgánico, a carreira fiscal experimentou nos últimos dez anos un aumento significativo do número de fiscais, que, no caso desta comunidade autónoma, supuxo máis do trinta por cento do seu cadro de persoal. Este incremento, no entanto, non se viu reflectido na oficina fiscal, que permaneceu estable, sen se acadar a proporción de persoal funcionario por fiscal que o Ministerio Fiscal considera necesaria e á que se deberá tender na medida en que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

O persoal destinado nas oficinas fiscais desenvolverá as súas funcións de acordo co previsto nos manuais de procedementos e protocolos internos de funcionamento que se elaboren. As oficinas fiscais tamén estarán suxeitas a un sistema de xestión da calidade, para o que se deberá definir a metodoloxía e ferramentas necesarias para a xestión en cada unha delas, de acordo co modelo de referencia aprobado polo Ministerio de Xustiza, a Fiscalía Xeral do Estado e as comunidades autónomas.

O uso das novas tecnoloxías é un elemento indispensable da modernización da Administración de xustiza, polo que na configuración e desenvolvemento da nova oficina fiscal se impulsarán as medidas necesarias para propiciar o seu uso xeneralizado, en liña cos principios recollidos na Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e da comunicación na Administración de xustiza.

No marco da política de promoción e normalización lingüística, impulsarase o proceso de incorporar o idioma galego no ámbito das oficinas da Fiscalía, garantindo os dereitos da cidadanía a poderen utilizar calquera das dúas linguas oficiais, castelán e galego, nas súas relacións coa Xustiza.

Así mesmo, promoverase e incentivarase a formación especializada en materia de violencia contra a muller, en cumprimento das previsións establecidas na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

O presente decreto consta de catorce artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias e tres derradeiras. Os distintos artigos recollen a nova estrutura da oficina fiscal e os principios que deben rexer a súa actividade; tamén se determina a configuración da Unidade de Apoio á Fiscalía Superior. A disposición adicional establece a ordenación do persoal a través das correspondentes relacións de postos de traballo. As disposicións transitorias primeira e segunda fan referencia, respectivamente, ao desenvolvemento progresivo da nova estrutura e á dotación de persoal funcionario en función das dispoñibilidades orzamentarias. Nas disposicións derradeiras regúlase a entrada en funcionamento da nova estrutura das oficinas fiscais e mais a habilitación necesaria para a execución e desenvolvemento deste decreto, así como a súa entrada en vigor.

En virtude das competencias transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios materiais e persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través dos reais decretos 2166/1994, 2397/1996 e 233/1998, corresponde á Administración autonómica o deseño e organización da nova oficina fiscal.

Polo exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; tras informe do Consello Fiscal e do Consello Xeral do Poder Xudicial; informadas a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mais a Secretaría de Goberno; oídas as organizacións sindicais máis representativas; e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do once de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto definir a estrutura e a organización da nova oficina fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Desenvólvense, así mesmo, as previsións contidas no artigo 18 da Lei 50/1981, do 30 de decembro, reguladora do Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal, no relativo á Unidade de Apoio á Fiscalía Superior.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A nova estrutura prevista neste decreto dará cobertura á actividade das oficinas fiscais da Comunidade Autónoma de Galicia e adaptarase ao tamaño e funcións realizadas por cada unha delas.

Artigo 3. Oficina fiscal

1. Enténdese por oficina fiscal a organización de carácter instrumental que serve de soporte e apoio á actividade do Ministerio Fiscal.

2. Os postos de traballo das oficinas fiscais serán desempeñados por persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza.

Artigo 4. Organización da oficina fiscal en Galicia

1. Consonte o establecido no Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal, a oficina fiscal en Galicia organízase en:

a) Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia, con sede na cidade da Coruña.

b) Fiscalías provinciais, con sede nas respectivas cidades capital de provincia: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

c) Fiscalías de área: nas cidades de Ferrol e Santiago, dependendo da Fiscalía Provincial da Coruña; e na cidade de Vigo, dependendo da Fiscalía Provincial de Pontevedra.

d) Seccións territoriais das fiscalías provinciais: en Monforte de Lemos e Mondoñedo, dependentes da Fiscalía Provincial de Lugo; en Verín, dependente da Fiscalía Provincial de Ourense; e en Cambados, dependente da Fiscalía Provincial de Pontevedra.

Artigo 5. Estrutura das oficinas fiscais

A estrutura das oficinas fiscais organízase arredor dun modelo flexible, de acordo co cal, e dependendo do seu tamaño e características, poderán existir as seguintes áreas funcionais:

a) Área de apoio á xefatura.

Área que, en estreita colaboración co/a fiscal xefe, asume competencias de asistencia aos labores de dirección, coordinación e asignación de servizos, así como de consolidación de información estatística e de xestión para a mellora da oficina fiscal.

De igual xeito, desenvolverá calquera outra función análoga que lle sexa encomendada polo/a fiscal xefe, así como as demais previstas na normativa de aplicación.

b) Área de apoio ás dilixencias de investigación e dilixencias procesuais.

Área que, en estreita colaboración cos/as fiscais, asume labores de tramitación e apoio procesual nas actuacións derivadas da actividade fiscal, de acordo cos procedementos establecidos.

De igual xeito, desenvolverá calquera outra función análoga que lle sexa encomendada polo/a fiscal xefe, así como as demais previstas na normativa de aplicación.

Atendendo á dimensión de cada oficina de Fiscalía, a área de apoio ás dilixencias de investigación e dilixencias procesuais poderá estruturarse en áreas funcionais de segundo nivel.

c) Área de soporte xeral.

Área que, baixo os criterios establecidos polo/a coordinador/a da oficina fiscal, e polo/a responsable de control de rexistro, se for o caso, centraliza as tarefas de rexistro informático e canaliza a actividade entre os seus destinatarios. Esta área tamén será a encargada de garantir a localización dos expedientes e de que estes conten coa información necesaria, e correspóndelle, ademais, a correcta atención á cidadanía, vítimas e profesionais.

De igual xeito, desenvolverá calquera outra función análoga que lle sexa encomendada polo/a fiscal xefe, así como as demais previstas na normativa de aplicación.

Artigo 6. Funcionamento das oficinas fiscais

1. A dirección da oficina fiscal corresponde ao/á fiscal superior da comunidade autónoma, aos/ás fiscais xefes provinciais e aos/ás fiscais de área.

2. O persoal dos corpos ao servizo da Administración de xustiza das oficinas fiscais dependerá funcionalmente das ditas xefaturas e organicamente do órgano da Comunidade Autónoma competente en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza.

3. Baixo a dependencia funcional do/da fiscal superior, dos/das fiscais xefes provinciais e dos/das fiscais de área, se for o caso, as oficinas fiscais contarán cun funcionario ou funcionaria do corpo de xestión procesual e administrativa que desempeñará o posto de coordinador/a da oficina e que se encargará, entre outras, das funcións de organización, xestión e control das tarefas e do persoal da oficina en todas as súas diferentes áreas funcionais.

4. A prestación dos servizos das oficinas fiscais realizarase consonte os procedementos recollidos nos correspondentes manuais e protocolos internos de funcionamento.

5. O persoal funcionario dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial desempeñarán con carácter xeral as funcións previstas na Lei orgánica do poder xudicial, nas disposicións legais e regulamentarias e nas normas complementarias inherentes ao posto que ocupen que lles sexan encomendadas polos seus superiores xerárquicos.

Artigo 7. Postos de traballo singularizados

1. Dependendo do tamaño e tipoloxía das oficinas fiscais, existirán os seguintes postos singularizados:

1.1. Coordinador/a ou xestor/a responsable.

Baixo a dependencia funcional do/da fiscal superior da Comunidade Autónoma de Galicia, dos/as respectivos/as fiscais xefes provinciais e, se for o caso, fiscais de área, existirá un/unha coordinador/a ou xestor/a responsable da oficina fiscal que se encargará de maneira específica das funcións de planificación, organización, xestión e control das tarefas e do persoal nas diferentes áreas funcionais, supervisando o cumprimento das directrices e criterios establecidos polo/a fiscal superior ou fiscais xefes correspondentes. Estes labores específicos enténdense sen prexuízo dos que lle poidan corresponder por mor do corpo a que pertence.

O posto de coordinador/a da oficina fiscal será singularizado e a súa provisión realizarase mediante o sistema de concurso específico.

1.2. Secretario/a persoal.

Na Fiscalía Superior e en cada Fiscalía Provincial existirá un posto que terá encomendadas as tarefas de secretario/a persoal, que se encargará especificamente de garantir o adecuado soporte administrativo ás actividades derivadas da función de xefatura que desempeña o dito cargo. Estes labores específicos enténdense sen prexuízo dos que lle poidan corresponder por mor do corpo a que pertence.

Os postos de secretario/a persoal poderán estar integrados na Unidade de Apoio á Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma e ser ocupados indistintamente por persoal funcionario pertencente aos corpos ao servizo da Administración de xustiza ou por persoal funcionario da Comunidade Autónoma.

Estes postos serán singularizados e a súa provisión realizarase mediante o sistema de libre designación.

1.3. Responsable do control de rexistro, estatística e calidade.

Na Fiscalía Superior e nas fiscalías provinciais poderá existir o posto de responsable do control de rexistro, estatística e calidade, que se encargará de maneira específica de garantir e controlar a calidade e efectividade dos rexistros informáticos e a documentación e xestión de información realizada polo persoal da oficina fiscal nas aplicacións de xestión procesual e demais ferramentas informáticas, así como tamén de controlar a información, estatística e datos de xestión e pendencia dos seus asuntos. Estes labores específicos enténdense sen prexuízo dos que lle poidan corresponder por mor do corpo a que pertence.

O posto de responsable do control de rexistro, estatística e calidade será singularizado e a súa provisión realizarase mediante o sistema de concurso específico.

2. O complemento específico destes postos, a súa forma de provisión, os requisitos para o seu desempeño e os méritos específicos avaliables determinaranse nas relacións de postos de traballo.

Artigo 8. Unidade de Apoio á Fiscalía Superior

1. A Unidade de Apoio á Fiscalía Superior é aquela unidade que realiza labores de representación e relacións institucionais cos poderes públicos, así como de comunicación e atención á cidadanía. Está encargada da análise e elaboración de informes relativos á organización e funcionamento da Fiscalía en materias de estatística, informática, persoal, medios materiais, información e documentación.

2. Os postos de traballo desta unidade poden ser desempeñados por persoal funcionario da Comunidade Autónoma, o que se determinará na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 9. Relacións de postos de traballo

1. Corresponde á consellería competente en materia de xustiza, tras negociación coa representación do persoal, a aprobación inicial e, se for o caso, a modificación das relacións de postos de traballo das oficinas fiscais.

As relacións de postos de traballo e as súas modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

2. Con carácter previo á aprobación inicial dos cadros de persoal e das súas modificacións solicitarase informe da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 10. Manual de postos

1. Cada oficina fiscal contará cun manual que recolla as funcións que desempeñan os distintos postos de traballo dentro de cada unha das áreas que configuran a súa estrutura.

2. O manual de postos, ademais da dependencia funcional en cada un dos postos, recollerá os requirimentos para o seu desempeño.

Artigo 11. Manual de procedementos

1. A prestación dos servizos da oficina fiscal realizarase conforme os procedementos recollidos no manual de procedementos que se aprobe.

2. No manual de procedementos describiranse as actividades e tarefas que comprenden os servizos prestados pola oficina fiscal e identificaranse as persoas responsables da realización e da supervisión das tarefas que figuran nel. Así mesmo, conterá información sobre instrucións, formularios, normas, aplicacións informáticas ou outros documentos ou medios que contribúen á prestación de servizos da oficina fiscal.

Artigo 12. Sistema de xestión da calidade

A organización das oficinas fiscais estará suxeita a un sistema de xestión de calidade, de tal xeito que se implante unha sistemática de traballo homoxénea en todas as oficinas da Fiscalía en Galicia a través de procedementos internos que definan as tarefas por desenvolver, mediante o establecemento de obxectivos e a avaliación do seu cumprimento.

Artigo 13. Promoción do uso do galego

Potenciarase e promoverase o uso do galego no ámbito de actuación das oficinas da Fiscalía en Galicia, tanto mediante a posta á disposición dos recursos técnicos necesarios como con outras medidas de difusión, sensibilización ou promoción profesional.

Artigo 14. Utilización das novas tecnoloxías

1. Impulsarase o uso dos medios técnicos ao servizo da Administración de xustiza, en particular o das novas tecnoloxías que, como as videoconferencias e sistemas de gravación, redundan nunha maior axilización procesual e no aproveitamento de recursos económicos.

2. Os sistemas informáticos postos ao servizo da Administración de xustiza serán de uso obrigatorio no desenvolvemento da actividade das fiscalías por parte de todas as persoas integrantes destas, nos termos previstos no artigo 8 da Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza.

Disposición adicional única. Ordenación do persoal

1. A ordenación do persoal dos corpos xerais da Administración de xustiza que preste servizos nas distintas oficinas fiscais da Comunidade Autónoma de Galicia realizarase a través das correspondentes relacións de postos de traballo.

2. As relacións de postos de traballo serán públicas e o proceso de acoplamento do persoal realizarase de acordo co previsto na disposición transitoria cuarta da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, conforme a redacción dada pola Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro.

Disposición transitoria primeira. Desenvolvemento da estrutura organizativa da nova oficina fiscal

A estrutura organizativa prevista neste decreto implantarase de forma progresiva segundo o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición transitoria segunda. Dotación de persoal

Á medida que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, incrementarase a dotación de persoal funcionario ata alcanzar a proporción dun funcionario por fiscal que establece o Ministerio Fiscal.

Disposición derradeira primeira. Entrada en funcionamento da nova oficina fiscal

A data de entrada en funcionamento da nova estrutura de oficina fiscal prevista neste decreto fixarase por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza, unha vez que sexan aprobadas definitivamente as relacións de postos de traballo e que finalice o proceso de acoplamento do persoal.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza