Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43571

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural tradicional de Tosende no concello de Baltar.

O Concello de Baltar eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da delimitación de solo de núcleo rural de Tosende, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da LOUG, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Baltar, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Baltar non conta con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia (AD 3.4.1991).

2. O concello está a tramitar un Plan xeral de ordenación municipal, que foi aprobado inicialmente polo Pleno do 22.8.2013 (DOG do 12 de setembro de 2013).

3. Constan os informes municipais: xurídico do 20 de xuño de 2013 e técnico do 27 de xuño de 2013.

4. O Pleno do Concello en sesión ordinaria celebrada o 27 de xuño de 2013, aprobou inicialmente a delimitación de solo de núcleo rural tradicional de Tosende e someteuna a información pública durante un mes, mediante anuncio nos xornais La Región e Faro de Vigo do 10 de xullo de 2013 e no Diario Oficial de Galicia do 5 de xullo de 2013. Non se presentaron alegacións.

5. O Pleno do Concello en sesión ordinaria celebrada o 22 de agosto de 2013 aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural tradicional de Tosende.

6. O 19.9.2013 tivo entrada na CMATI, a documentación da delimitación de solo de núcleo rural tradicional de Tosende do concello de Baltar, para a súa aprobación definitiva. En datas 30.9.2013 e 3.6.2014, solicitouse ao concello documentación preceptiva.

7. En relación co patrimonio cultural, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria emite informes de arquitectura o 9.9.2013 e 10.2.2014; e de arqueoloxía o 17.3.2013 e 11.9.2014. O 16 de abril de 2014, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable.

8. Consta informe favorable do expediente do Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial de Ourense do 10 de xullo de 2014.

II. Análise e consideracións.

O ámbito da actuación abarca a zona de solo rústico do asentamento tradicional de Tosende, identificado administrativamente no Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense.

O obxectivo da delimitación do núcleo de Tosende adaptada á LOUG, consiste na aplicación do establecido no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

Proponse unha delimitación do asentamento poboacional de Tosende, como núcleo rural histórico tradicional, cunha superficie de 70.560 m2, conforme o establecido no artigo 13 da LOUG e no punto 3.1.7 das determinacións das directrices de ordenación do territorio, aprobadas polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro.

Xustifícase que o núcleo delimitado se presenta como un pobo compacto e ben definido, coas trazas dun núcleo tradicional de edificacións acaroadas, conformando rúas e rueiros propios dun núcleo consolidado situado na zona do Couto Mixto.

O asentamento histórico tradicional está constituído por 277 edificacións das cales 198 son tradicionais, acreditándose o cumprimento da consolidación edificatoria exixido.

O documento fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados; define o trazado viario, asumindo nalgunhas partes as aliñacións existentes; e identifica dez elementos de valor cultural (entre os que se atopan a igrexa parroquial de San Lourenzo e o seu cemiterio, un cruceiro, tres fontes, a reitoría, un forno, unha vivenda tradicional e unha zona cualificada como «barrio tradicional» que se define por un conxunto de vivendas acaroadas, con escaleiras e patíns tradicionais), sete equipamentos existentes (tres fontes, unha con lavadoiro, a igrexa, a reitoría, un forno e un local social).

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o proxecto de delimitación de solo de núcleo rural tradicional de Tosende, do concello de Baltar.

Segundo. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que coiden procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Terceiro. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2014

Mª Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo