Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43679

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2014 pola que se somete a información pública o proxecto modificado número un da obra hidráulica de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais de Vilaverde (Coristanco), de clave OH.315.795.M1, e a autorización de vertedura.

A obra hidráulica correspondente ao anteproxecto de execución dos colectores xerais e estación depuradora de augas residuais de Vilaverde (A Coruña), de clave: OH.315.795, foi sometida ao trámite de información pública mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da pronvicia do 15 de setembro de 2010, sen que durante o prazo de vinte (20) días de exposición se presentasen alegacións.

No Diario Oficial de Galicia do 22 de decembro de 2010 publícase o anuncio de licitación para a elaboración do proxecto e execución da obra hidráulica, adxudicouse o contrato o 3 de maio de 2011 e formalizouse o 6 de maio de 2011.

As obras consisten na execución dunha rede de colectores xerais que recollan as verteduras de augas residuais das redes municipais existentes, completar a rede de saneamento da parroquia de Vilaverde, situada no concello de Coristanco e executar unha EDAR para tratar o efluente recollido antes da súa vertedura ao río Anllóns.

O proxecto construtivo foi aprobado pola Dirección de Augas de Galicia en outubro de 2011 e asinou a acta de comprobación da implantación o 12 de outubro de 2011 e iniciándose as obras ao día seguinte hábil.

En xuño de 2012 o Concello de Coristanco remite á dirección das obras o estudo dunha alternativa ao saneamento da parroquia de Vilaverde, motivada pola dispoñibilidade duns terreos, dos cales non se dispoñía con anterioridade á adxudicación do contrato.

O 24 de setembro de 2013 asínase a aprobación técnica do proxecto modificado número 1. O documento técnico define e valora a proposta que consiste en prolongar e dividir a rede de saneamento do proxecto primitivo, e dispoñer de dous puntos de vertedura. Suprímense as estacións de bombeo de San Pedro e Valenza, e executarase un novo colector paralelo ao Rego do Crego que levará as augas por gravidade á estación depuradora de augas residuais de Portoquintáns, que aumentará a súa poboación de deseño.

O segundo tramo da rede de saneamento iníciase no colector 4 e mantén os trazados primitivos, aínda que se executan as conexións ao novo colector interceptor, que conducirá as augas ata a estación depuradora de augas residuais de Vilaverde, que reduce a súa poboación de deseño.

A estación depuradora de augas residuais de Portoquintáns aumenta a poboación de deseño ata os 600 h-eq, terá un caudal de medio diario de 132,47 m3/día-1,3 l/s e un caudal máximo de 2,52 l/s. O punto de vertedura localizarase no Rego do Crego, nas coordenadas: X=516614.9399 e Y=4782630.9728.

A estación depuradora de augas residuais de Vilaverde reduce a súa poboación de deseño ata os 500 h-eq, terá un caudal medio diario de 132 m3/d-1,53 l/s e un caudal máximo de 3,04 l/s. O punto de vertedura localizarase no río Anllóns, nas coordenadas: X=516068,4967 e Y=4.786.335,7268.

A actuación hidráulica está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 3, ambiente, contorno natural, recursos hídricos e prevención de riscos, tema prioritario ou medida 46: tratamento de augas residuais.

Considerando o exposto, ao abeiro da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, e segundo o disposto no artigo 12.c) do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas,

RESOLVO:

Someter, polo prazo de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da última publicación deste anuncio de información pública do proxecto modificado nº 1 de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais de Vilaverde, Coristanco (A Coruña), de clave: OH.315.795M1, que se realizará no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, para os efectos da súa aprobación, e da tramitación da autorización de vertedura. Durante o dito período poderán presentarse as alegacións que se consideren oportunas, mediante escrito dirixido a Augas de Galicia.

O documento técnico pode consultarse, durante o prazo anteriormente sinalado, nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, nº 18, baixo, en Santiago de Compostela (A Coruña) e na páxina web augasdegalicia@xunta.es.

O que se fai público a todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2014

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia