Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 14 de outubro de 2014 Páx. 44188

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 4 de xullo de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública o cambio de localización da planta de gasificación de biomasa de 2 MW para a xeración de electricidade nos concellos das Nogais e Cervantes, para a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución (expediente IN407A 2010/112-2, 7807 AT).

Por Resolución do 30 de abril de 2010, da Consellería de Economía e Industria, aprobouse a relación de anteproxectos de centrais de biomasa seleccionados conforme a Orde de 14 de novembro de 2008 e abriuse o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa (DOG nº 121, do 28 de xuño de 2010).

Por Acordo do 25 de abril de 2011 desta xefatura territorial someteuse a información pública (BOP nº 157, do 11 de xullo; DOG núm. 143, do 27 de xullo e diario El Progreso, do 21 de xullo), para os efectos previstos na normativa de aplicación, a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica descrita como segue:

Peticionaria: Enerxías Renovables de Galicia, S.L.

Domicilio social: rúa Amio, 122, Pol. Costa Vella, 15706 Santiago de Compostela.

Situación: As Nogais e Cervantes (Lugo).

Características técnicas principais:

– Parque de almacenamento de biomasa forestal primaria.

– Sistema de procesado con elementos de trituración, cribado, secado e silo.

– Sistema de gasificación tipo down-draft e sistema de refrixeración.

– Grupo motor e xerador eléctrico con alternador síncrono trifásico de 2000 kWe a 690 V e un transformador de 2500 kVA de refrixeración natural e conexión Dyn11 para elevar a tensión de xeración a 20 kV, e outro para os autoconsumos, de tipo seco interior, 160 kVA de potencia e refrixeración natural, con conexión Dyn11 e relación de transformación 20/0,4 kV.

– Transformador para servizos xerais de 250 kVA, refrixeración natural, conexión Dyn11 e relación de transformación 20/0,4 kV.

– Outras instalacións industriais: electricidade en baixa tensión, iluminación (interior, exterior, de emerxencia e de sinalización), aire comprimido, contra incendios, terras, abastecemento de auga sanitaria, saneamento, climatización, protección contra raios, telecomunicacións, instrumentación e control.

Finalidade da instalación:

Xeración de enerxía eléctrica mediante un sistema de gasificación de biomasa forestal primaria.

Tras o condicionado emitido polo Concello de Cervantes que non considera viable a localización inicialmente proposta para a instalación ao tratarse de solo rústico de especial protección de espazos naturais, incluído na delimitación do LIC Ancares-Courel (Rede Natura 2000-ES 1120001), o Concello das Nogais formula un cambio de localización para situala neste termo municipal, o que resulta aceptado pola empresa promotora e sobre o que emiten un informe favorable a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, da Consellería do Medio Rural e do Mar, e a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, que conclúe que non é preciso someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental na nova localización, que non se atopa comprendida en ningún dos supostos recollidos na Lei 21/2013.

De acordo co anterior, sométese novamente a información pública a instalación anteriormente descrita para os únicos efectos do cambio de localización:

Situación: As Nogais.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o expediente e presentar as súas alegacións nesta xefatura territorial, con enderezo na rolda da Muralla, nº 70, 27071 Lugo, no prazo dun mes a partir da última publicación. Tamén poderán facelo, no mesmo prazo, nos concellos das Nogais e Cervantes.

Lugo, 4 de xullo de 2014

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo