Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 5 de novembro de 2014 Páx. 46417

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2014, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as industriais, convocado por Orde do 20 de xuño de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 122, do 28 de xuño), pola que se determinan os aspirantes que superaron o segundo exercicio do proceso selectivo.

Na sesión que tivo lugar o día 29 de outubro de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 7 de abril de 2014 (DOG núm. 78, do 24 de abril), modificada pola Orde do 19 de maio de 2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as industriais;

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez puntos (10 puntos).

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as industriais, no lugar onde se realizou a proba, no taboleiro de anuncios do Servizo de Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.1.4 da orde da convocatoria, os aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para presentar a documentación xustificativa (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo de 2007), para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Facenda nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2014

Xan Mera Cabanelas
Presidente do tribunal