Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 14 de novembro de 2014 Páx. 47479

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal licenciado sanitario, convocado pola Resolución do 8 de xaneiro de 2014.

De conformidade co previsto na base décimo primeira da Resolución do 8 de xaneiro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 13, do 21 de xaneiro) pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal licenciado sanitario, logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe de admitidos/excluídos e rematados os traballos de validación e baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal licenciado sanitario convocado pola Resolución do 8 de xaneiro de 2014.

Segundo. Declarar resolto provisionalmente o antedito concurso de traslados, coa publicación das puntuacións e destinos provisionalmente asignados.

Terceiro. As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, de ser o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Cuarto. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na
Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Quinto. De conformidade coa base 11.4 da Resolución do 8 de xaneiro de 2014, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos