Por Resolución do 22 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se informa sobre a tramitación electrónica de diversos procedementos (DOG núm. 160, do 25 de agosto), resolveuse que a presentación das solicitudes dos procedementos que se indicaban no seu anexo I se realizaría unicamente por medios electrónicos.
Na resolución establecíase, ademais, que durante os tres meses posteriores á súa publicación as solicitudes tamén se poderían presentar en soporte papel.
Dado que o prazo para a presentación en soporte papel remata o 26 de novembro de 2014, e tendo en conta que se recibiron diversas suxestións de mellora por parte dos usuarios que realizaron a tramitación electrónica que se considera conveniente incorporar, esta dirección xeral entende que se debe ampliar o dito prazo.
Polo exposto,
RESOLVO:
Ampliar en tres meses máis, ata o 26 de febreiro de 2015 (inclusive), o prazo para poder presentar en soporte papel as solicitudes dos procedementos que se indican no anexo I da Resolución do 22 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se informa sobre a tramitación electrónica de diversos procedementos (DOG núm. 160, do 25 de agosto).
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas