Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 24 de novembro de 2014 Páx. 48372

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de novembro de 2014 pola que se regula a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

A Orde do 4 de febreiro de 2004, modificada pola Orde do 18 de maio de 2007, creou a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida, como órgano de apoio e colaboración coas entidades encargadas de executar as tarefas para a prevención da infección do VIH/SIDA, co obxectivo de facilitar e rendibilizar a realización das accións necesarias para diminuír a propagación desta infección, facer fronte ás súas consecuencias sobre as persoas e a sociedade, garantir a atención sociosanitaria dos/as afectados/as e mellorar a súa calidade de vida nunha contorna favorable.

O Plan autonómico para a prevención e control da sida e das infeccións relacionadas co VIH de 1988 tiña como obxectivo ordenar, coordinar e promover todas as accións relacionadas coa prevención e o control das infeccións producidas polo VIH. Este plan actualizouse a través do Plan de acción anti VIH/sida en Galicia 2003-2006, que supuxo unha ferramenta útil na toma de decisións para responder dunha maneira coordinada e multidisciplinar ao problema do VIH. En 2014 apróbase o Plan galego anti VIH/sida e outras ITS, no cal se definen as liñas estratéxicas preventivas e asistenciais que se desenvolverán en Galicia nos vindeiros anos.

O novo plan incorpora, entre outras novidades, as estratexias preventivas das demais ITS con base na crecente evidencia científica dos beneficios que achega a vinculación dos programas de VIH e ITS e pretende integrar todas as partes interesadas para promover a súa participación no liderado da loita contra o VIH e as demais ITS en Galicia. Deste xeito procúrase ter en conta todos os puntos de vista das partes implicadas e aproveitar os seus coñecementos e experiencias para ofrecer unha resposta integral (biopsicosocial) e integrada (todos os servizos) ás persoas afectadas por estas infeccións.

As actividades de loita contra a infección polo VIH e outras ITS desenvólvenas entidades que traballan en diferentes eidos como o sanitario, social, educativo, xuvenil ou asociativo, nos que se atopan equipos de profesionais multidisciplinares. A coordinación dos esforzos de todas as entidades e profesionais involucrados é un labor complexo pero necesario para acadar unha resposta efectiva e eficiente a esta enfermidade.

Isto implica que é preciso modificar e ampliar a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte ao VIH/sida, de xeito que se inclúan os obxectivos, funcións e sectores implicados na loita contra as demais ITS como órgano asesor das autoridades sanitarias encargadas de executar as tarefas marcadas no Plan e adaptándoa á situación actual e ás novas necesidades.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é regular a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), como órgano encargado da consulta e avaliación do seguimento epidemiolóxico e planificación das medidas e accións sanitarias que se deben desenvolver no eido da infección por VIH e das outras de transmisión sexual.

Artigo 2. Funcións

A Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) terá as seguintes funcións:

1. Estudar e coñecer a situación da infección por VIH e outras ITS en todos os campos -epidemiolóxico, sanitario e social- así como a estratexia e actividades que se realizan en Galicia para afrontalas.

2. Propoñer todas aquelas medidas que se deben desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Avaliar as actuacións realizadas e, con base nos seus resultados, propoñer liñas de mellora co fin de aumentar a súa efectividade e eficiencia.

4. Asesorar, como órgano consultivo, a Consellería de Sanidade nas súas actuacións e decisións no eido das infeccións de transmisión sexual.

5. Colaborar coa Consellería de Sanidade na avaliación, implementación e consolidación do Plan galego anti VIH/sida e outras ITS.

Artigo 3. Integración administrativa ou dependencia xerárquica

A Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) depende directamente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Composición

1. A comisión estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

c) Vogais:

1º. Unha persoa en representación da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, á súa proposta.

2º. Unha persoa en representación da Subdirección Xeral de Farmacia da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, á súa proposta.

3º. A persoa titular do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

4º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega Interdisciplinaria de sida (Sogaisida).

5º. Unha persoa proposta pola sección galega da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía.

6º. Un enfermeiro ou enfermeira das unidades hospitalarias de atención sanitaria a esta problemática, designado/a pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

7º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

8º. Unha persoa en representación das sociedades médicas de Atención Primaria existentes en Galicia, proposta por acordo entre elas.

9º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Medicina Interna.

10º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Microbioloxía Clínica.

11º. Unha persoa proposta polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

12º. Un enfermeiro ou enfermeira que preste servizos en Atención Primaria, designado/a pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

13º. Unha persoa proposta polo Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

14º. Unha persoa proposta polos comités anti-sida con actividade en Galicia, designada por eles, de forma rotatoria, cada dous anos.

15º. Unha persoa proposta polas outras organizacións non gobernamentais (ONG) con participación activa na loita contra estas infeccións en Galicia, designada de forma rotatoria por períodos de dous anos, pola persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

d) Secretario/a:

Unha persoa técnica do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública fará as funcións de secretaría da comisión.

2. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as persoas titulares da presidencia e da vicepresidencia serán substituídas polas persoas en quen deleguen. Nos casos de ausencia da secretaría, será substituída pola persoa que nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Respecto do resto dos membros, estes serán substituídos polos seus suplentes.

3. Na composición da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. Os membros da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) non percibirán retribucións de ningún tipo.

Artigo 5. Asesoramento

Para o desenvolvemento das funcións da comisión, a presidencia poderá solicitar a colaboración temporal doutro persoal técnico, que participará como asesores/as mentres sexa preciso. Estes/as asesores/as poderán asistir ás sesións da comisión e participarán nelas con voz e sen voto.

Artigo 6. Nomeamento e cesamento dos/as vogais da comisión

1. As persoas integrantes da comisión como vogais serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, agás os números 1º, 2º, 6º e 12º do artigo 4.1.c), que o serán pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. Serán nomeadas por un período de catro anos, transcorrido o cal deberá procederse a confirmar ou renovar os ditos nomeamentos, sen prexuízo doutras causas de cesamento ou substitución establecidas no seguinte punto. No caso particular dos números 14º e 15º do artigo 4.1.c) será por dous anos, para permitir rotación entre elas.

3. As causas de cesamento e substitución dos membros da comisión son:

a) Transcurso do tempo para o cal foron nomeados/as.

b) Renuncia expresa presentada por escrito perante a presidencia da comisión.

c) Incapacidade declarada xudicialmente.

d) Falecemento.

e) Acordo motivado adoptado pola presidencia da comisión baseado no incumprimento reiterado das súas obrigas.

f) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

Artigo 7. Funcionamento da comisión

1. A comisión reunirase en sesión ordinaria unha vez ao ano para facer unha avaliación xeral do Plan galego anti VIH/sida e outras ITS nese ano e formular novas propostas.

2. Reunirase en sesión extraordinaria, por solicitude da maioría dos seus membros ou sempre que sexa requirida pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, utilizando preferiblemente medios tecnolóxicos (audio e videoconferencias) que aseguren a participación de todos os membros e contribúan ao uso eficiente dos recursos (no caso de convocatorias urxentes, utilizaranse preferentemente estes medios).

3. A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública promoverá o desenvolvemento das ferramentas de xestión da información que se consideren necesarias para facilitar a comunicación e posta en común dos contidos que sexan discutidos polos membros da comisión, en consonancia co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 8. Réxime supletorio

En todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única

O funcionamento da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), de conformidade co regulado nesta orde, non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas a Orde do 4 de febreiro de 2004 e a súa modificación pola Orde do 18 de maio de 2007 e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade